Os versos de Leonard Cohen
Quedan os versos de Leonard Cohen flotando pola Valenzá e a folla dunha árbore plana, paira e aterra sobre o asfalto. Non hai silencio porque, de cando en cando, pasa algún coche e, ó lonxe, escóitase a sirena dunha

ambulancia. A tarde semella xa máis de verán que de primavera. Case mellor dicir que, á sombra, é primavera e, ó sol, parece, tira máis ó mes de xullo. Estamos a finais de abril.
Non sei que dicían os versos de Leonard Cohen porque o meu inglés pouco vai máis alá dos típicos saúdos e dalgunha que outra palabra solta. Non é necesario entender eses versos porque podo asegurar que todo o que di Leonard Cohen é bonito.
Hoxe en día podo buscar facilmente a letra da canción e facerlle rapidamente unha tradución. Para que? Non acabo de dicir que o que di Leonard Cohen é bonito? Con iso xa é suficiente. Seguro que son versos de latexos que golpean o peito por un desexo sinxelo. Ou que fan rimar a morriña coa nostalxia, a señardade coa soidade e o berro seco co bramido longo, sentimental, incluso lírico e sempre poético.
Os versos de Leonard Cohen bailan sobre a flor do toxo e sobre aquelas tatuaxes que van e veñen polas corredoiras dunha pel branca e aromática, recendente, fragrante. Os versos de Leonard Cohen pódense escribir sobre un espello no que se reflicten as ansias dos encontros, as distancias curtas e longas e o círculo no que todo se arrodea para chegar sempre, iso si, ó punto concreto, ó punto álxido. Quedan os versos de Leonard Cohen flotando nesta tarde de abril con sol de xullo.