Miguel Ángel Martínez Quintanar é toda unha referencia no pensamento e o ensaísmo filosófico galego dos últimos lustros. Estudos de Deleuze e Plácido Castro, de Spinoza e Zambrano, Sartre, Badiou, Derrida, Foucault ou Bunge, Ramón Piñeiro ou Torres Queiruga, algúns dos seus traballos sobre Ética e Filosofía Política son imprescindibles

para comprender o ser social actual, o concepto de cidadanía e os espazos de convivencia e democracia no noso ámbito.
Mais o que constitúe toda unha revelación é a publicación de Episodios con figuras, o seu primeiro poemario, tirado do prelo de Espiral Maior, pois nunca ata o de agora este compostelán profesor de Filosofía tiña dado o paso de imprentar os seus versos.
A poética de Martínez Quintanar é eminentemente conceptual, propiamente filosófica e, polo mesmo, esencialista e reflexiva. Non é que nestes poemas non poida descubrirse certa musicalidade de fondo, unha emotividade matizada ou unha filtrada pulsión evocadora, pero do que non cabe dúbida é de que por riba de todo está a epifanía hermenéutica, o intre exacto da revelación do (des)coñecido, a exploración na fronteira do inefable.
Ese limes sitúao o autor en momentos axiais, definitorios das vidas de filósofos e escritores sobre os que poetiza. No primeiro dos tres grandes bloques dos que se compón o poemario, "Incrustacións sen engaste", son principalmente os pensadores os protagonistas. Destarte, desfilan polos versos a transcrición dos pesadelos de Ortega y Gasset, Pitágoras e a súa filla Damo, Ramón Piñeiro no Cabo Fisterra, o fillo de Lacan, Kant e Michelet, Schopenhauer e o seu O mundo como vontade, Pseudo Dionisio o Areopaxita, Derrida e Bergson na fronteira da morte, Freud, un Adorno orientalizante, Epícteto fronte ao muro de Adriano, un Maquiavelo que reflexiona sobre o feito poético ou un Sartre en Zurich durante a estrea de Lulu de Alban Berg.
A segunda das seccións do libro, "Partes do mundo", cede o protagonismo aos escritores admirados. Desfilan así por estas páxinas o Borges cego que evoca a proeza de Teseo invicto no labirinto, o Kafka alucinado que pasea as galerías comerciais Hoffmann de Praga, o Stephen King das cinco navallas, o D. H. Lawrence que localiza o animal nos eóns ou Cioran diagnosticado de alzheimer, entre outros.
Finalmente, no bloque "Clarescuros" prodúcese a síntese galega, que habitan un Ovidio Murguía no transo de falecemento, a visión de Rosalía, o patriarcado abrahámico de Manuel Murguía, o Aurelio Aguirre que se abisma nos farallóns do Rouco, o Pascual Veiga que escribe cartas a Pondal para fundar o himno, o Plácido Castro máis atlántico, o Cunqueiro máis señardoso que dinamita as leis da óptica newtoniana e do espazo xeométrico euclidiano, o Dieste máis matemático, o Cabanillas extático en Samos, Lugrís soñando os mares de Manuel Antonio ou Cilistro a pasear polo adarve da muralla de Lugo.
O conxunto é un monllo de versos que convidan a profundar, que resemantizan os contextos e procuran a cara oculta do real, o transreal ou, se se prefire, o que fica logo de todas as máscaras, o ser auténtico, a verdade. Son episodios con figuras, siluetas existenciais que se definen nos claroscuros, que non precisan engastes e son a súa propia e xenuína parte do mundo.
Quen se atreva con estes Episodios sen figuras de Miguel Ángel Quintanar ten que proverse de tempo e de agudeza lectora. Non existe nestes poemas nada que non sexa substantivo, múltiple, proxectante do sentido en cambiantes direccións. Ler e pensar. Velaí o misterio da casa do ser.