Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

'MAMÁ', Como era o teu semblante? (II)

Campo Freire, Xaquín - viernes, 02 de mayo de 2025
Espiritualmente formaches connosco unha grandísima simbiose cotiá. Desde a ausencia física configuráchesnos a vida seguramente moito máis do que se tivésemos convivido nunha vida normal neste mundo que ti deixaches tan cediño, xunto con Antonio, o teu, e noso último neno, cando todo era alegría e todo ía tan ben.
Desde os primeiros días da enfermidade a situación colleu ben axiña un moi mal cariz
Porén hai outra cousa que reiteradamente me desacougou e me deu moita tristeza: Se por un acaso nos cruzásemos nun camiño, eu non recordo para nada a túa cara, o teu semblante, o teu "aire", a forma dos teus andares, de moverte, o ton de voz, etc.
Mamá!, ti recoñeceríasnos a nós? E a min? Non quixera saber que "pasamos de largo", como estraños, sen recocérmonos.
A que vén todo isto hoxe? Porque pasei moita falta da túa presenza física e amorosa. Precisamente por iso quero render homenaxe a todas as mamás e nais do mundo. Ás que lles foi ben e ás que sufriron o indicíbel para chegarmos a vivir cada un e cada unha de nós.
Quero, no dia da Nai, unirme sobre todo ás dos países pobres e ás sen medicinas nin hospitais materno-infantís.
Tamén ás mamás sometidas á escravitude. Ás dos países en guerra. Ás que están nos cárceres que tanto trato en Teixeiro nas visitas semanais desde hai 19 anos.
En todas esas circunstancias sempre está o teu rostro. Ese que tanto busquei e nunca o daba encontrado. Ao principio mentres vas medrando, cada un anda buscando por camiños distintos. María de Nazaré sempre me levou a ti.
O día da nai, comercialmente falando, pertence ao mundo "guapo" e resulta de mal gosto falar de algo que non sexan agasallos.
Xa chega con "tolerar" que recordemos, sentimentalmente, ás mamás que xa non están connosco.
Pois a min neste da nai non me "mola" que todo sexa propaganda comercial, que, por veces, mesmo é ofensiva e de mal gosto.
Ningunha nai se desvincula dos seus fillos, vivos ou non. E porque sabemos o que é a orfandade da nai, eu quero vincularme hoxe cos orfos e orfas do mundo!
"Orfo -a (lat.. orphanu(m.) id. do gr orphanós,.) adx e s. 1. Dise do neno menor de idade que perdeu os seus pais ou a un deles. 2. fig. Carente dalgunha cousa, en especial de amparo. Abandonado. Nesta segunda acepción nós non estivemos incluídos. Sempre fomos sumamente atendidos e queridos, conforme á crase sinxela e humilde que nos corresponde.
Porque sei o que é ser orfo, quero solidarizarme con Gaza e con todos os masacrados do mundo e os nenos e nenas das pateras, etc.
Cando morre un dos da parella hai viúvos e viúvas. Ao finar ti, papá foi viúvo. E ti, no alén, tamén. Porque ti segues a ser unha outra parte do proxecto familiar.
E pregunto: Por que nos idiomas, cando á unha nai ou pai lles morre un fillo/a, non hai unha palabra que se referira a vós e verbalizar a vosa dor?
Aínda me queda outro grito de esperanza, con outra dor infinita: Nunca máis outra muller, nena ou anciá, maltratada, violada, abusada ou morta. Nunca máis! E isto ten de ser unha conciencia colectiva.
E esas, son das que sabemos, porque pertencen e son dos países e crases acomodadas. Porque ás pobres, empobrecidas e das grandes contornas da miseria, esas, xa nin censadas están. Ou están mercantilizadas, como cousas e "material" de descarte, de usar e tirar. Son as da "trata e mercantilizadas" como tanto denunciou e gritou o Papa Francisco.
Violencia vicaria. "É a que se exerce sobre os fillos para ferir á muller. É unha violencia secundaria á vítima principal, que é a muller. É á muller a quen se quere danar e o dano faise a través de terceiros, por persoa interposta".
"O maltratador sabe que danar, asasinar aos fillos/fillas, asegúralle que esa muller xa non se recuperará xamais. É un dano extremo".
"É importante ter en conta que só se contabilizan os menores de idade. E se o maltratador non puido ser xulgado porque se quitou a vida, xa non se inclúe nas estatísticas de violencia vicaria do Ministerio de Xustiza, que se basean só en sentencias condenatorias". 

Non quero amargar a existencia nin, por suposto, deixar de felicitar a todas as mamás do mundo. Que seriamos sen vós? Dádesnos a vida a conta da vosa vida. Naturalmente que felicito de todo corazón a todas ás mamás, avoas e tras-avoas e así cara atrás a todas as mulleres, desde o principio da humanidade e do mundo, sexan mamás ou non.
Ogallá "todo fose bonito!" Ogallá todos fósemos responsábeis, agradecidos e solidarios para unha cultura de amor e de emoción cando dicimos a palabra MAMÁ!

Queridas mamás, para todas sen excepción, con todo cariño.
Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES