Que significa MAMÁ? (I)
Campo Freire, Xaquín - jueves, 01 de mayo de 2025
No día da nai.
Aos nenos e maiores todos os días pola rúa lles escoito dicir: Mamá!
Pero na miña experiencia persoal, no ámbito das emocións, eu non me lembro de ter usado esa palabra nunca na vida.
Do que si teño moi abundante experiencia é de non poder usala para referirme a alguén en directo, á esa figura concreta de muller, á mamá. Por iso pregunto aos meus 88 anos que significa poder dicir: Mamá!
Naturalmente que no nivel cognitivo ou intelectual coñezo a palabra tal como vén nos dicionarios de moi diversas linguas.
Eu en vez diso sempre uso a expresión: Nai: "A miña nai, a nosa nai". E aínda así, ninguén sabe ben, canto agarimo e nostalxia hai en todo o meu ser.
Os significados en psicoloxía evolutiva non son a mesma cousa que saber de memoria todas as verbas frías dos dicionarios dunha lingua:
Mamá: "(Voz infantil), s.f. Termo afectuoso para dirixirse 'a nai. (RAE). E no "Diccionario panhispánico de dudas: "MAMÁ "En España só é normal o seu emprego para dirixirse á nai en usos vocativos: (Mamá, me voy al cine). Ou para referirse a ela en conversación entre membros da mesma familia: (Me ha dicho mamá que recojas tu habitación). Tamén na conversación entre nenos pequenos: (Mi mamá no me regaña nunca). Incluso cando un adulto se dirixe a un niño de poucos años: (Díselo a tu mamá)". Na conversa entre adultos, fóra do núcleo familiar, emprégase o termo, madre: «Mi madre atendía las gallinas» (Mtz Mediero Vacaciones [Esp. 1991]). En América, en cambio, emprégase correntemente mamá para referirse á nai entre interlocutores adultos: «Mi mamá compra todo en el supermercado que hay acá» (Puig Beso [Arg. 1976]).
Por que no meu caso é pertinente a interrogante? Por que a nós, aos catro, nos sucede todo isto? Porque nós, xa de moi nenos, somos orfos. Antes diso, naturalmente que dixemos: MAMÁ!. Pero esa vivencia non permaneceu ancorada no noso mundo afectivo positivo. E non tivemos vídeos para fixarmos a memoria visual. Eu só teño unha foto.
O que si temos moi clara e fixada de por vida é a falta dela. E aquí, "se suspendes en xuño, xa nunca máis haberá convocatorias de setembro". Nós, por razóns de orfandade, "suspendemos" o tres de xullo do 1944.
Unha septicemia post partum, nunha semana, cambiou todo o proxecto familiar. "Esta infección puerperal, din os entendidos, é debida ás feridas ou complicacións ocasionadas durante o parto. No pasado, a febre puerperal era unha das principais causas de morte materna".
Todos naciamos na casa. E ademais eran tempos de fame e post-guerra. E sen médicos. E sen medicamentos. A penicilina chegou a España a finais dese ano e de "estraperlo", para os podentes. Dixéronnos, despois, que seguramente esa sería a solución. -"¡Tarde piaches! -respondió Sancho"-. (El Quijote. 2ª parte, cap. LIII).
"La muerte siempre tiene un precio". Como corresponde a adultos ben constituídos temos de identificar e traballar as eivas da persoa en todas as dimensións para unha integración sanante e sandadora da personalidade. Os psicólogos chámanlle: "Sandar o neno interior que todos levamos dentro". E nesa parte nós tivemos esa sorte con un pai, excelente educador, que nos tocou. Con canto amor nos fixo sempre presente á nai nunha ausencia realista amorosa e dialogante. Na oración confiada e na bendición constante: "sen que a morte nos separe", nos dicía el sempre.
Ao ir medrando fun sabendo que viviches moi consciente desde o primeiro instante o proceso do teu inmediato pasamento.
Esa foi outra cousa que, xa de adulto, sempre me doeu moito. Mamá! Canta foi a preocupación e sufrimento que tiveches por nós e pola situación que deixabas detrás? As túas tres nenas e os dous nenos. (E xa che morreran dous).
Ao ir medrando e saber máis cousas, canto che teño rezado: (Nos rezos si que sempre che dixen: Mamá!).
Mamá non sufras! Estamos todos ben grazas a túa presencia de muller, de nai. A túa presenza espiritual. Sempre fuches unha bendición! Nunca a morte nos separou! Todo o contrario.
Sabes que daquela, aos pais e nais, vos diciamos de vostede? Pero, ao rezarche, axiña empecei a atuarte.

Campo Freire, Xaquín
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora