Reflexións do meu amigo Balbino acerca de...
Curros Neira, Jesús - jueves, 01 de mayo de 2025
As funcións das persoas que ostentan a Presidencia do Goberno
Como todo o mundo sabe, as funcións que deben desempeñar as persoas que ocupan unha presidencia, xa estean á cabeza dunha institución pública, dunha corporación privada ou mesmo dunha empresa, poden reducirse a tres: dirixir a actividade da súa entidade, coordinar ao seu equipo directivo e ostentar a máxima representación da mesma.
A función de dirección supón que corresponde á Presidencia supervisar o traballo da entidade tendo a última palabra na adopción das principais decisións. A función de coordinación implica que debe traballar conxuntamente coas persoas elixidas para axudarlle na súa labor evitando en todo momento os rozamentos entre eles e resolvendo as posibles disputas. E, por último, a última función, a de representación, obriga á Presidencia a estar presente naqueles actos ou nos momentos nos que se require a presencia da máxima autoridade.
No caso da Presidencia do Goberno español estas funcións vén establecidas no artigo 98, parágrafo segundo da vixente Constitución, que establece o seguinte:
O Presidente dirixe a acción do Goberno e coordina as funcións dos demais membros do mesmo, sen prexuízo da competencia e responsabilidade directa destes na súa xestión.
No que respecta á terceira función da que falamos, o certo que no caso español hai que ter presente que a súa forma de goberno é a monarquía, o cal supón que a máxima representación a ostenta o Rei. Non obstante, corresponde á Presidencia a segunda representación en importancia do Estado perante as organizacións internacionais ou ante outros mandatarios. Iso sen ter en conta que todos os actos do Rei deben vir refrendados pola Presidencia ou polos membros do seu Goberno (art. 64, 1º da Constitución Española), o que implica que, en último termo, é a Presidencia quen decide se a persoa que acude a calquera misión no estranxeiro é o Rei ou outra autoridade.
E, chegados a este punto, supoño que estaredes a preguntarvos a qué vén este discurso de leguleio para comezar o meu artigo. Pois ben, a resposta a esta cuestión é, como noutras ocasións, a extrañeza do meu bo amigo Balbino con respecto ao comportamento dos nosos políticos, tanto dun como doutro signo.
Xa en tempos do Presidente Rajoy asistimos ao incrible espectáculo que nos ofreceron as súas dúas vicepresidentas, Dolores de Cospedal e Soraya Sáenz de Santamaría, enfrontándose continuamente namentres o señor Rajoy cruzábase de brazos fumándose un puro. Neste como noutros casos, don Mariano optou por non facer nada.
Mais como o ser humano é o único animal que tropeza dúas veces na mesma pedra, Balbino comenta divertido que agora multiplícanse os enfrontamentos. Por unha banda temos á aspirante ao título dos pesos lixeiros, a vicepresidenta dona Yolanda Díaz, e por outra está o ministro Carlos Cuerpo. O combate nesta ocasión foi pola redución da xornada laboral, pero non foi o único. Noutra velada histórica dona Yolanda ofreceunos un emocionante combate contra a aspirante ao título de campioa de Andalucía, a ministra María Jesús Montero, polo tema da exención fiscal das persoas que perciban o ingreso mínimo. Pero a pregunta que Balbino faise é: que está a facer o Presidente mentres os titulares dos ministerios resolven as súas diferenzas nestas intensas loitas dialécticas? Pois, mais ou menos, o mesmo que Rajoy: nada. A xuízo de Balbino, estas actitudes de Mariano Rajoy ou de Pedro Sánchez son un deixamento das súas funcións porque non se concibe que membros dun mesmo Goberno estean permanentemente en liortas e, moito menos, que o xefe de todos eles non diga a última palabra para decidir calquera cuestión en disputa.
Tampouco se comprende que nun evento da importancia que ten as exequias do Papa Francisco non estivese o máximo representante do Goberno. Sorte que tivemos alí ao Rei que, co seu saber estar e a súa boa planta, puxo en evidencia ao badulaque de Donald Trump, que non deixaba de gozar da goma de mascar mentres andaba máis perdido que un pingüín no Sáhara. Balbino sempre di que con semellantes dirixentes xa vai sendo hora de que poñamos á Intelixencia Artificial a ocuparse das nousas cousas, que en Xapón xa se presentou unha destas IAs ás eleccións locais promentendo que traballaría as vintecatro horas dos sete días da semana sen descanso e sen poñer o cazo, e case consegue gañar. E, sinceramente, xa non sei se o di en broma ou se está a falar en serio.

Curros Neira, Jesús