George Sand escribiu un libro titulado "Un invierno en Mallorca" editado en 1842 aproveitando a súa estadía de tres meses na illa na compaña dos seus fillos e de Frédéric Chopin. E eu escribo esta "Primavera en Mallorca" porque estiven no comezo da primavera alí e dediquei un día a seguir os pasos do músico polo lugar de Valldemossa onde na súa Cartuxa, concretamente na cela nº4 residiu perante o cru inverno de 1838 estando enfermo de tuberculose.

E a miña curiosidade levoume a ler o libro da súa compañeira por si relataba algunha experiencia vivida xuntos naquel lugar que ela define como paradisíaco en plena Serra de Tramontana.
Curiosamente en toda a obra non hai unha sola referencia ao nome do seu compañeiro, só cando non ten máis remedio que referirse a el e o nomea como "o enfermo" cuxa afección pulmonar foi determinante na suxestión que lles fixo o caseiro dunha propiedade na que estiveron denantes que en Valldemossa para que a deixaran á maior brevidade por medo ao contaxio. Nada de Frédéric Chopin; para ela no seu caderno autobiográfico o músico era "o enfermo". Nada no libro respecto ao que eu esperaba e si unha descrición da paisaxe na que estaban imbuídos e que a fascinaba. Non así os paisanos, a xente da illa que lle parecía dabondo atrasada, case salvaxe e aos que fai duras críticas produto do choque de mentalidades e costumes diferentes, ou do seu chauvinismo, que tamén. O libro escríbeo en masculino pois Amandine Aurora Dupín, ven sendo el, George Sand, apelativo co que se fixo famosa. Nalgunha ocasión gustáballe vestirse de home. Con todo foi considerada como adaíl do feminismo no século XIX, pero esa é outra historia.
Camiñando por Valldemossa e pola súa cartuxa sentín como se o espírito do xenial músico andara por alí. No ano 2.011 apareceu un artigo no xornal "La Vanguardia" no que un xulgado de Palma certificaba que o mobiliario das tres pezas da cela non correspondían ao tempo de Chopin, era posterior, e había dúbida respecto ao piano. Pero o importante é que nese lugar Chopin compuxo, nese ou noutro piano, algúns dos seus máis representativos "Preludios" e que respirou o ar reparador da Serra da Tramontana que, en certa medida aliviaba as molestias da súa enfermidade, namentres George Sand ía cos seus fillos Maurice de catorce anos e Solange de nove, froito do seu matrimonio con Casimir Dudevant cando ela tiña 18 anos, de paseo cousa por outro lado lóxica porque xa me explicarán como podería Chopin traballar sentado ao piano cos cativos ao seu derredor chafallando pola cela. Semella que niso George Sand foi respectuosa, e os amantes da música témosllo que agradecer.