Domingo II de Pascua
Cabada Castro, Manuel - domingo, 27 de abril de 2025
O episodio relacionado con Tomé só aparece no evanxeo de Xoán. Mais o mesmo Xoán nos di que houbo "moitos outros signos" que fixo Xesús entre os seus discípulos despois de resucitado que el non nos conta. De xeito que eses moitos signos, que para un xornalista dos nosos días serían de interese excepcional, a el non lle doe non contalos un por un. En realidade, Xoán xunto cos demais apóstolos e discípulos de Xesús saben ben que o importante é o encontro co seu Mestre, co de antes e co de despois da resurrección. E para encontrármonos con el e adherírmonos a el abonda cun par de experiencias fondas e íntimas. Eles non son xornalistas, senón transmisores de fondas e inesquecíbeis experiencias que tiveron con Xesús.
Por iso Xoán, pensando seguramente nas persoas que non participarían directamente nesas experiencias, preséntanos a escena de Tomé co Resucitado. A escena lémbrame un pouco a parábola do fillo pródigo (ou, como adoito dicir, do "Pai misericordioso"). Fálasenos nela sobre a bondade a toda proba de Deus. Cando o seu fillo volve despois de moito esperalo, o seu pai apértao con agarimo sen lle botar en cara a súa conduta. Na escena de hoxe é Xesús mesmo quen se comporta amorosamente condescendente co seu apóstolo. Acepta as condicións que Tomé puxera sobre a mesa para crer nel: ver directamente as furas dos cravos nas súas mans e comprobar amodo e directamente que el era a mesma persoa coa que convivira e non unha pantasma.
¿Que lle ocorreu a Tomé para pasar tan rapidamente dunha actitude de autodefensa fronte ós seus compañeiros á outra na que se derruba ante o seu Mestre, que lle permite realizar con el as probas que considere pertinentes? A resposta a esta cuestión é importante porque nos afecta tamén a nós, que loitamos moitas veces entre a nosa crenza a as ameazas ou as dúbidas que á nosa propia crenza se lle presentan. Coido que canto máis pensemos e aceptemos a grandeza de Deus a tódolos niveis, tanto máis doado nos será crer nel. Porque as cousas de Deus son sempre grandiosas, inimaxinábeis. El é sempre o absolutamente infinito en todo. Por iso o grande misterio das cousas feitas por el. O da materia, da vida, do noso interior e de mil outras realidades que nos admiran. Misterioso é o nacer, o vivir, o morrer e, por suposto, tamén o resucitar.
Tomé fixo, pola súa parte, a experiencia do Xesús resucitado e con esa experiencia fixo tamén a experiencia de que el, Tomé, vai poder tamén resucitar. Isto enche o seu espírito de alegría, de confianza e de fonda paz. Tódalas probas que el tiña pensado realizar co Xesús supostamente resucitado caen por terra como xoguetes de rapaces pequenos ante a grandeza que se lle presenta directamente diante del: un Xesús poderoso e bondadoso. Poderoso, porque é xa señor da morte, vencida por el, e entrañabelmente bondadoso porque ten a condescendencia de se ocupar de Tomé e dos seus problemas coma se non existise no mundo ningún outro do que el se houbera de ocupar. Por iso, Tomé non podía dicir máis có que dixo: "¡Meu Señor e meu Deus!!".
A bondade e o amor fan, xa que logo, milagres. Entre eles o milagre de resucitar. Verdadeiramente o amor non morre. E se Deus, o Deus Pai de Xesús e noso tamén, é Amor (tal como se nos di na primeira carta de Xoán), entón temos aí o segredo ou a clave de por que Xesús resucitou e de por que tamén nós resucitaremos. Dicíao xa o famoso pensador francés Gabriel Marcel: "amar unha persoa é dicirlle ti, ti non morrerás endexamais".
Dito isto, permitídeme rematar aludindo á figura do papa Francisco, que xustamente na mañá deste sábado recibiu cristiá sepultura en Roma. No me cabe dúbida de que el, coa graza de Deus, intentou de moitos xeitos estar sempre á beira dos sufrintes, dos pobres, dos encarcerados, dos perdidos, dos pequenos, dos ninguén.
Boa mostra diso é a multitude de persoas do mundo enteiro que quixeron estar presentes onda o seu féretro dende que el finara o luns pasado. Indubidabelmente intentou el facer presente no noso tempo a figura de Xesús e os seus modos de comportarse coa xente do seu tempo. Coma o pai da parábola do fillo pródigo ou o acolledor Xesús do incrédulo Tomé.
Que o Pai de Xesús, Pai tamén noso, o reciba na súa gloria!

Cabada Castro, Manuel