A Poesía de Avelino Díaz en 'Debezos' (Íntimas) (15)
Otero Canto, Xosé - viernes, 02 de mayo de 2025
Meus beizos a te bicar
Estamos diante dunha composición formada por cinco cuartetas octosilábicas de rima consonante segundo o esquema seguinte: /abab::cdcd::efef::ghgh::ijij/
A parte do campo folclórico, o cultivo da cuarteta octosilábica converteuse nun xénero literario especialmente cultivado no Romanticismo por Ventura Ruiz Aguilera ou por Antonio Trueba. O mexicano Manuel José Othón tamén incluíu unha sección de cantares desta clase no seu poema "Ausencia". Unha simple cuarteta é a rima XXIII de Bécquer: "Por una mirada un mundo"; outra atópase nas poesías de Rosalía de Castro: "Aunque mi cuerpo se hiela" e varias en "A Gabriela, cantares y quejas", de Zorrilla.
Posteriormente no Modernismo os irmáns Álvarez Quintero e Antonio e Manuel Machado tamén a utilizaron, despois no Postmodernismo emprégana Luis Borges, Luis Guarner, Manuel Altolaguirre e García Lorca que son continuadores famosos do uso da cuarteta xunto con Avelino Díaz, segundo fomos vendo ao longo dos seus poemas. Avelino tamén é moi dado ao emprego do octosílabo, como sucede neste caso, un metro permanente, elaborado durante os séculos XII e XIII e cultivado intensa e ininterrompidamente desde daquela, non soamente no eido do folclore, senón tamén en todos os campos literarios.
PRIMEIRA CUARTETA
Unha nubre pasaxeira
noso ceio escureceu,
i-o irse a nubre, lixeira,
ledos ficamos, ti i-eu.
O autor fai unha comparación atmosférica entre unha parella de amantes representada nun ceo límpido, sen ningunha impureza, que simboliza o amor e o paso accidental dunha nube, que supón a chegada de algo ou posiblemente dalgunha persoa que perturba a situación amorosa nese ambiente de boa atmosfera reinante na prosecución do amor por parte dos amantes, pero esa persoa ou nube que aparece perturbando o ceo do amor ten a particularidade de ser como todas as nubes, pasaxeira, lixeira, que ao cruzar volve a luz, a ledicia aos amantes e o ceo volve a brillar de novo.
SEGUNDA CUARTETA
Posteriormente o autor vainos poñendo en cuartetas como acaeceu a situación amorosa e como volveu todo a como estaba antes de que o sol do amor topase con esa nube que, por un momento, o tapou con "dúbidas" a cerca da situación dos amantes, cando un deles indaga esa situación e pescuda en procura da verdade, porque nese instante no que vai pasando a nube hai un momento de inquietude e dun "louco rabexar" que fere e causa dor e mágoas nas almas dos amantes.
Meu amor a dubidar,
o teu amor inquiríu:
foi un louco rabexar
que nosas almas feríu.
TERCEIRA CUARTETA
Todo parece como se estívesemos diante dunha escena onde actúan os dous personaxes que son os amantes e posiblemente unha terceira persoa que se supón na trama e nun escenario luminoso, que por uns intres aparece nubrado e turbio, pero é a "serenidade" da faciana dun dos amantes a que se converte en mudanza ou cambio para trocar as relacións que, por un momento, se viron trastornadas por unha tempestade que se anunciaba cando esa nube fixo acto de presenza diante desa relación dos amantes.
Tan fonda serenidade
a tua faciana amosou
que amainou a tempestade
i-outra vez o sol brilou.
CUARTA CUARTETA
Toda a poesía ben sendo un momento vivido por dous amantes ao longo dunha relación amorosa que pode ser truncada por calquera factor externo, pero que un dos amantes interioriza como seu ou como da parella, e desde que isto sucede non queda outra máis que indagar a cerca deste "suceso externo" que o provoca, e ver se a relación pode proseguir ou non, pero como tantas veces ocorre nas relacións, desde que pasa a nube na atmosfera atormentada do amor chega o pacto firmado polos "bicos" e apertas e volve a deusa do amor consagrar os corazóns amantes no altar das relacións.
Meus bicos a te bicar
i-a tremar meu corazón...
O amor, tivo un altar
e, n-el, a consagrazón.
QUINTA CUARTETA
Despois, unha dita infinda
no corazón, a cantar
ledas cantigas, i-ainda
meus beizos a te bicar.
Despois de sentir o amor como un acto relixioso, sagrado, bendicido desde o altar onde se produce a "adoracioón" e nel se consagra un ao outro, onde os corazóns tremen e despois percorre aos corpos unha dita infinda porque un pequeno incidente pode facer reanimar e ampliar o amor e facer proseguir os amantes entre bicos, cantigas e ledicias.
NOTAS:
NAVARRO TOMÁS, T.(1995).- Métrica española. Barcelona. Edit. Lábor, 2ªedic, páx. 253.

Otero Canto, Xosé