¡Sabeliña!
Esta peza está composta por catro estrofas de oito versos cada unha coa aliñación á esquerda máis avanzada na segunda e na cuarta que tamén son máis curtas en caracteres que a primeira e terceira estrofas, pero todas elas teñen oito e seis versos, alternando versos octosílabos na 1ª e 3ª estrofas con versos hexasílabos na 2ª e na 4ª, formando catro OCTAVILLAS, acercándose ás octavillas agudas ou oxítonas que son combinacións de oito versos octosílabos ou menores en forma estrófica oxítona, que neste caso soamente cumpre con estas características a segunda e a cuarta estrofa que teñen versos hexasílabos, pero non a primeira e a terceira que son octosílabos. A súa rima:
Segunda estrofa: abcbdbcb. --- Libres : 1º e 5º
Cuarta estrofa: abcbcbdb. ----- Libres: 1º e 7º ----- : Versos agudos ou oxítonos.
O tipo máis común de OCTAVILLA AGUDA deixaba soltos os versos 1º e 5º, como pasaba no Romanticismo nos famosos retratos de Félix de Montemar en "El estudiante de Salamanca" de Espronceda ou en "Margarita la tornera", unha lenda de Zorrilla, pero en Avelino Díaz tan só na segunda estrofa se cumpre o de deixar libres ou soltos os versos 1º e 5º porque na cuarta quedan libres o 1º e o 7º, sendo agudos ou oxítonos todos os versos pares e non o 4º e o 8º como adoita ser esta estrofa; por iso Avelino está innovando un tipo de estrofa distinta, sendo el o creador desta OCTAVILLA AGUDA (OXÍTONA) DE VERSOS PARES que aparece na 2ª e na 4ª estrofa e teñen como característica o ser versos pares hexasílabos.
As estrofas 1ª e 3ª teñen versos octosílabos e non son agudos, de aí que estas dúas estrofas teñamos que englobalas dentro da clasificación de OCTAVILLAS, pero non co cualificativo de agudas, senón que teñen que ser vistas como graves ou paroxítonas.
Primeira estrofa: abcbcbdb ----- Libres: 1º e 7º
Terceira estrofa: abcbcbcb ----- Libres: 1º
Como vemos quedan libres os versos 1 e 7 da primeira estrofa e tan só o primeiro da terceira estrofa- .
Resumindo:
Estamos diante dunhas estrofas creación de Avelino Díaz, unha delas a OCTAVILLA AGUDA DE VERSOS PARES ou octavilla oxítona coa "oxitoneidade" en todos os versos pares e non unicamente no 4º e 8º como adoitaba facerse nesta estrofa e que nesta composción corresponden á 2ª e a 4ª con versos hexasílabos. Avelino tamén crea outro tipo de Octavilla que é a OCTAVILLA GRAVE OU PARÓXITONA na que vai alternando a rima dos versos pares como se de dúas cuartetas asonantadas se tratase, aínda que ás veces riman tamén os versos impares quedando soltos os versos 1º e 7º.
Dá a sensación como se todas estas octavillas de Avelino fosen CUARTETAS ASONANTADAS porque todas elas, sen excepción, rematan en punto no cuarto verso e comeza con maiúscula o quinto, como se o autor xuntase dúas cuartetas e formase con elas unha octavilla.
PRIMEIRA OCTAVILLA (GRAVE)
Nun anoitecer de lua,
meu doce amor, eu quixera
toparme contigo sola,
pra decirche, miña estrela,
que teño sede na alma
e no corazón fogueira.
Comeza a primeira estrofa cun "debezo" de Avelino, lembremos como este poemario nomeado como Debezos. Versos Galegos e publicado en Buenos Aires no ano 1947 e neste caso o devezo ou desexo é atopar sola a Sabeliña nun anoitecer aluarado, tempo apropiado para o amor, na fontiña cantareira e dicirlle ademais de "doce amor" e de "miña estrela", apelativos desta estrofa, que ten sede na súa alma porque esta sede é froito da quentura que lle produce a fogueira do seu corazón acendido de amor e de desexos que lle queiman a súa alma namorada.
SEGUNDA OCTAVILLA (AGUDA)
Mentres o pipelo,
canta sua canzón
i-as campás da Irexa
tocan a oración.
En tanto que o vento
marmura ó redor
eu direiche as penas
do meu corazón.
Na segunda octavilla, un pouco máis retraída na aliñación esquerda, observamos como se fose un aparte dunha obra teatral ou a descrición dunha novela localizando o espazo imaxinado polo autor onde todo é música pois a pipela da fonte canta unha canción, as campás da igrexa tocan a oración e incluso o vento atrévese a murmurar. Nese espazo tan musical e idílico o autor declararase a Sabeliña dicíndolle as penas que o aflixen ou apesaran, que non veñen a ser outras que a declaración amorosa.
TERCEIRA OCTAVILLA (GRAVE)
S-a iauga do teu querer
¡ai Sabeliña!, me negas
mellor quero non toparte
na fontiña cantareira.
Mellor que á fonte non vaias
e que eu non te tope n-ela
se teu amor non ten auga
pr-afogar as miñas penas.
Se na primeira estrofa se expoñía un anoitecer de lúa para toparse con Sabeliña na fonte, agora o autor semella como se recapacitase diante dun gran TEMOR que o corroe que é "a iauga do teu querer" como metáfora do amor que lle debe profesar xa que no caso en que a auga do seu querer non lla queira dar Sabeliña . . . entón e soamente entón é mellor que non vaia á fonte na que se nos mostra unha figura marabillosa referida ao seu amor cheo de auga con que afogar as penas de Avelino e se non chegase a esas circunstancias. . . entón, é mellor que non tope a amada. Temos diante de nós a beleza dunhas imaxes tan bonitas como sinxelas onde a auga que é capaz de limpar e lavar, tamén é capaz de afogar as maldades ou as penas en caso de non ser correspondido:
"Se teu amor non ten auga
pr-afogar as miñas penas"
. . .
"Mellor que é fonte non vaias".
CUARTA OCTAVILLA (AGUDA)
Entón, feito pingas,
quixera marchar
co ledo regato
camiño do mar.
Despois, en orvallo,
xunt-a ti voltar
en perlas brilantes
para te coroar.
Na derradeira octavilla observamos a situación de desamor do poeta nun suposto preparado de antemán, en caso de que Sabeliña non cedese ás súas pretensións amorosas, porque entón o autor preferiría transmutarse en auga, que sería o mesmo que chegar á morte e que tanto nos lembra as "Coplas" de Jorge Manrique:
"Nuestras vidas son los ríos
que van a dar a la mar."
Nesas coplas de pé quebrado hai o mesmo significado que nas octavillas de Avelino Díaz que supoñen o final do percorrido da auga que vai desde o ledo regato ata que chega ao mar, que é a morte, mais logo vén a resurrección debido ao ciclo da auga que evaporada se converte en orballo para así chegar outra vez á amada e acariñarlle o cabelo nas noites e nas mañanciñas de orballo e que tamén supón a correspondencia do amor máis alá da morte ou "amor post mortem", que é un tópico literario moi utilizado no Barroco e no Romanticismo, pero que xa nas "Metamorfoses" de Ovidio atopamos no mito de Apolo e Dafne e que o mesmo Quevedo inmortalizou naquel soneto tan famoso chamado "Amor constante más allá de la muerte" e que remata desta maneira:
"Su cuerpo dejará no su cuidado,
Serán ceniza, mas tendrá sentido,
Polvo serán mas polvo enamorado".
BIBLIOGRAFÍA
ESPRONCEDA, José de(1971).- Poesías. El Estudiante de Salamanca. Espasa Calpe. Madrid 1971.
MANRIQUE, Jorge (2003).- Coplas a la muerte de su padre. Editorial Edaf.
OVIDIO NASÓN,P. (1964).- Metamorfosis. Vol I-V. Edic. Alma Mater. Barcelona,
QUEVEDO, Francisco de (1983).- Poesía original completa. Edit. Planeta.
ZORRILLA, José (2020).- Margarta la tornera. Edit. Saga.
NAVARRO TOMÁS, T.(1995).- Métrica española. Barcelona. Edit. Lábor, 2ªedic.