Pingas de Orballo
Rivas Delgado, Antonio - viernes, 25 de abril de 2025
Recoñecemento á miña acción
Informei do encontro -nas dependencias municipais molguesas- que mantiven ás cinco da tarde cun sapoconcho no lugar denominado A Pitediña. Máis en concreto, na cuneta dereita, xusto á altura do sinal no que se anuncia que, por esa parte, se entra na vila de Baños de Molgas.
A tarde era de primavera, o sol saía, de cando en vez ou case bastante a miúdo, de entre unhas nubes negras. Poucas, pero algunhas si que había. Eu estaba a ler, andando e con parsimonia, pola estrada que leva a Os Milagres. E aínda que ía pendente da lectura, de esguello, vin ou notei un pequeno movemento á miña esquerda. Era un sapoconcho ou tartaruga.
Un sapoconcho bonito, coa cabeza fóra e deixándose querer. Digo isto último porque, ante a miña presenza, non tivo medo, non escondeu a cabeza. Incluso a ladeou un pouco para mirarme ós ollos. Por intuición (ou por sapiencia) souben naquel momento que estaba a pedirme axuda. A pedirme axuda para cruzar a estrada.
En vez de collelo e transportalo nas mans á outra cuneta, axiña armei dúas barricadas na estrada para deter o tráfico, se é que este aparecía mentres o sapoconcho cruzaba. Bastante inusual que acontecese o dos coches porque non é época de novenas, pero... máis vale previr que curar.
Postas as barricadas, cun xesto da miña man dereita, deille algo así como permiso para que cruzase. A tartaruga, como é lóxico, cruzou lentamente, pero cruzou. Limpamente, sen obstáculos e cun brillo nos seus ollos que se notaba ás leguas que era un recoñecemento á miña acción.

Rivas Delgado, Antonio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora