Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Foise Francisco. Un pastor entre papas

Cabada Castro, Manuel - viernes, 25 de abril de 2025
Tecleo este luns pola mañá tras ficar case fóra de min ante a noticia do pasamento de Francisco papa hai algunhas horas. Xustamente onte, domingo dos domingos, festividade da Resurreccion, dedicáralle estrañamente non pouco tempo (contra o meu costume) a ollalo na pantalla do meu vello ordenador. Nese ámbito romano no que aínda alenta a memoria de emperadores e solemnes papas fixo morada durante un tempo alguén que chegara de lonxe (distanciamento non só físico). Francisco acostumaba estar coa xente, é dicir, contigo, comigo, co emigrante, co esfarrapado. É dicir, cos "ninguén". Mais isto podería ser un "pecado" que os ben pensantes non lle quererían perdoar...
Francisco iniciou así unha revolución que, se xa comezou, aínda non rematou. Moitos e moitas esperabamos que o evanxeo recibido desde que un tal Xesús aparecera entre nós fose xustamente iso: "boa nova". Francisco botounos decididamente unha man e non se cansou de repetilo de moitas maneiras. A nivel interno, por exemplo, Francisco expresouse -látego para celosos confesores- deste xeito: "o confesionario non debe ser unha sala de torturas"... Na súa primeira encíclica "A alegría do evanxeo" proclamou que os evanxelizadores deberían ter "olor a ovella", que vén sendo o mesmo que dicir "olor a evanxeo".
Só así se entende o seu intento de reforma tanto da curia como da Banca do Vaticano. "Como me gustaría -dinos noutra ocasión- unha Igrexa pobre e para os pobres". Como se ve, exquisito recendo a evanxeo. Como tamén a posta en marcha do chamado camiño sinodal. O que a Francisco lle doía e removía eran os empobrecidos por tantas e tantas causas e situacións. En realidade, non foi outro o motivo de el escoller para si o seu propio nome como pontífice: o de Francisco de Asís, irmán dos pobres, das aves, da natureza toda (Altri, non!..., para entendérmonos).
En definitiva, a grande mensaxe de Francisco (que finou coas botas postas) é -ao meu ver- a de poñer no centro da visión cristiá de toda a realidade o dereito á vida e a unha vida "boa". É dicir, a de todas e todos. Cómpre non esquecer que foi el precisamente quen decidiu modificar concretamente, non hai moito, o denominado Catecismo da Igrexa Católica considerando como "inadmisíbel" a pena de morte, que tantos países manteñen aínda nas súas lexislacións e que incluso a mesma Igrexa consideraba ata entón como admisíbel, aínda que en circunstancias excepcionais.
Tampouco é xa case necesario lembrar as repetidas críticas que Francisco dedicou aos naufraxios e traxedias de persoas que intentaban acceder a Europa afirmando sen paliativos que iso "é unha vergonza".
En fin, uns seguirán convidando aos desfavorecidos ou supostos inferiores a desprenderse das súas "terras raras", do seu modo de viviren inmersos nunha natureza que é don de Deus e dos seus antepasados. Para iso teñen -pensan- o poder e mailas armas (sutís ou non tanto). Nós, os outros, intentaremos polo contrario facerlle caso a Francisco.
Grazas, amigo e irmán, polo teu inmenso legado!
Manuel Cabada Castro
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES