Por unha infancia lectora en Galicia
Serén Cañás, Víctor Manuel - miércoles, 23 de abril de 2025
Coa chegada do Día Internacional do Libro, paréceme un bo momento para reflexionar sobre a capacidade lectora e de comprensión dos nenos e nenas galegos. Aínda que en Galicia temos programas como "Ler Conta Moito", que pretenden achegar a nenos e nenas ós libros, moitas persoas seguen considerando a lectura como algo que se impón, máis que como unha actividade amena.
A lectura non só mellora o vocabulario ou a ortografía; tamén abre a mente, esperta a imaxinación e ensínanos a poñernos na pel dos demais, desenvolvendo a capacidade da empatía. Por iso é preocupante que o hábito lector non estea tan arraigado como debería a idades temperás.
Non abonda con fomentar a lectura dende a escola. As institucións, os medios de comunicación e as familias teñen moito que aportar para que os libros sexan parte natural da infancia e da mocidade, sen que sexa visto como unha obriga.
Aproveitemos o Día Internacional do Libro para lembrar que, se queremos unha Galicia con máis persoas libres, creativas e críticas, hai que inculcar a afección pola lectura dende a infancia. Deste xeito crearemos un futuro un pouco mellor.
Víctor Manuel Serén Cañás, dende Carballo.

Serén Cañás, Víctor Manuel
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora