Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

Rivas Delgado, Antonio - miércoles, 23 de abril de 2025
Brutos coma arados

Mirei para adiante e alá estaba; na distancia, lonxe, firme coma un carballo recio. O Pego estaba máis teso que relaxado. Pelo longo, nariz afiado, ollos negros, alto, delgado. O Pego chámase realmente Eugenio Cañizares Ruiz, fillo da Clotilde e do Nemesio, Os Paspallás.
Tanto o fillo coma os pais nunca foron ben vistos polos veciños. Brutos coma arados e... malfalados. O de malfalados non vai por esas palabras groseiras ou pecados veniais. Pingas de Orballo Os Paspallás e seu fillo tampouco é que usasen os pecados mortais; eles son máis de insultos de menosprezo, de abuso, de carraxe, de mala sombra, de vilipendio. Os pecados, tanto veniais como mortais, é certo que están á orde do día, pero as sentenzas desa familia eran e son das que fan tremer o mundo.
O Pego, cando me ve, nin tan sequera me mira de esguello. El vai ó seu, ou sexa, a soltar a sentenza: "Non se che ocorra pasar a menos de dez metros de min ou ábrote en canal". Non dixo nada máis. Ante tal situación nin as boas tardes lle dei. Metín o rabo entre as pernas e marchei coas orellas gachas por outro lado, a moito máis dos dez metros sinalados. Sabía da fama desa familia e non quería meterme en liortas.
Non é que sexa eu covarde, pero ás veces é mellor non buscar as desgrazas; as del e as miñas. As del porque tampouco son un miña xoia e non saberemos en que podería acabar a cuestión, e as del porque podía levar unha tunda ou malleira ou ben porque lle acontecera un infortunio comigo. E xa se sabe que, despois, a benemérita non é parva.

A evasión dos recados

Feitos os recados, toca a evasión. A evasión de deixar caer pingas de orballo sobre un papel cuadriculado... mentres un café circula pola gorxa abaixo.
A verdade é que non sei se segue en uso a palabra recado para realizar os encargos, ou polo menos certos encargos. Quizais se use xa máis esta que aquela. Antigamente, todo ía a base de recados. Faime este recado ou lévalle este recado a Eugenio, O Chacaritas. Eugenio, O Chacaritas, neste caso que nos ocupa, era calquera veciño. Se facías algo mal, axiña che pasaban o recado. Eu tiña que ter moito coidado a que non lle chegasen con ningún recado a miña nai. Se lle chegaba, a súa man circulaba máis rapidamente que o café citado para frear nas miñas meixelas ou onde cadrase. Mellor ser un bendito para que non tivera queixa do seu neno. E para que o neno non recibira unha labazada.
Tamén é fácil evadirse contando os biosbardos ou esperando a velas vir. Hai quen se evade non facendo nada. Outros temos que eliminar o estrés facendo sempre algo... deixando caer pingas de orballo sobre os carreiros da nostalxia ou sobre os soños da melancolía. Din que a melancolía é o pracer de estar triste, que se contrarresta co bonito que é soñar. Ás veces, a melancolía tamén é bonita.
Evasión: escapar da realidade, de situacións ou ambientes desagradables, etc., segundo unha das entradas do dicionario. Segundo un servidor, evasión é matar o tempo como se poida e co que se poida: cunha aixada, cun fouciño, cun bolígrafo, cun café... mesmo facendo recados.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES