Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

'A última cea do Señor' no Centro Penitenciario de Teixeiro.

Espiñeira Medín, Nieves - martes, 22 de abril de 2025
Este Xoves Santo, no Centro Penitenciario de Teixeiro, celebramos a "Última Cea do Señor", presidida polo noso Bispo D. Fernando García Cadiñanos.
Para situármonos, empezarei dicindo que para os cristiáns a Semana Santa é a culminación do que Xesús-Cristo viviu como home: morreu e resucitou para salvar o mundo. O seu mandato segue a ser: amádevos uns aos outros, como irmás e irmáns, como eu vos amo.
Asistiron a celebración internos de varios módulos.
Que grande humanidade a do funcionariado! Con que cariño e respecto trataron sempre aos alí presentes! Si. Podemos dicir que foi "o día do Amor fraterno dentro do cárcere".
Juan, o capelán, pediume que buscara voluntarios, entre os internos, para o lavatorio de pés. Isto para eles era novidoso. Receaban facelo. Eu díxenlles: tede fe e confiade. Cando todo termine e vaidades de regreso, cada un para o voso módulo e logo para a cela, iredes renovados.
Subiron once homes e unha muller, algún era doutro pais. Os doce sentados, vendo como o Bispo D. Fernando de xeonllos ía, un por un, lavando e bicando os pés.
A reacción dos internos foi que os seus semblantes ilumináronse e, ao mesmo tempo, algún persignábase e ficaba coas mans xuntas rezando ou dando grazas a Deus. Si. Pódese dicir que foron renovados. Dicir isto a min supúxome dar un alento de esperanza.
Ao final cando se ían marchando, ao despedírense, algún veu darme un abrazo, pero todos deron as grazas pola experiencia.
Non teño palabras para describir o que sentín e vivín. Eu nunca estivera presente no lavatorio de pés. Só o vira por televisión, cando o Papa Francisco en Roma o fixo no cárcere de mulleres.
Se na vida cotiá nos tratan con cariño, dignidade, humanidade, igualdade e respecto gústanos. E nós facémolo?
Se moitos homes e mulleres que están no cárcere houbesen tido antes esa experiencia e esa oportunidade co que significa, talvez hoxe non estarían no cárcere.
Estamos no ano Santo Xubilar Romano que leva o lema "XUBILEU DA ESPERANZA".
Vivamos o Amor Fraterno. Poñamos no noso corazón o Amor que Deus nos dá e transmitámolo de corazón aos mais pobres para que chegue a haber a cotío e ao longo do ano ese perdón e reencontro que vivimos en Semana Santa.

Nieves Espiñeira Medín, Delegada Diocesana Pastoral Penitenciaria de Mondoñedo-Ferrol
Espiñeira Medín, Nieves
Espiñeira Medín, Nieves


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES