Días despois das eleccións xerais en Grecia, máis en concreto o 21 de abril de 1967, hai hoxe 58 anos, o coronel Georgios Papadópoulos liderou un golpe de Estado e estableceu un réxime militar, chamado "a ditadura dos Coroneis", que duraría sete anos.
Tal golpe realizouse polo temor dos militares á influencia comunista e á posible perda

de control ante as crecentes protestas e movementos sociais. Os coroneis xustificaron a súa acción como unha medida para estabilizar Grecia e protexer os seus valores tradicionais, pero en realidade instauraron un réxime represivo que limitou, e moito, as liberdades civís e políticas.
Durante eses sete anos, do 1967 ó 1974, suspendéronse as institucións democráticas, disolvéronse os partidos políticos e, faltaría máis, censurouse á prensa. A represión foi brutal: miles de persoas foron arrestadas, torturadas e mandadas ó exilio por expresar opinións contrarias ó réxime (De isto, os españois, por desgraza, sabemos bastante. Corenta anos dan para moito).
Un dos eventos máis escuros deste período foi o asasinato do deputado e líder da oposición, Gregoris Lambrakis, en 1963, pois aínda que ocorreu antes do golpe, evidenciou a tensión política que culminou coa ditadura. A censura e a represión tamén afectaron á cultura e á educación, limitando a liberdade académica e artística.
O réxime dos coroneis tivo a súa resistencia tanto dentro como fóra do país. Movementos estudantís, partidos políticos clandestinos e organizacións de dereitos humanos loitaron contra esa ditadura. A comunidade internacional condenou en varias ocasións as violacións dos dereitos humanos gregos.
En 1973 o réxime intentou consolidar o seu poder mediante un referendo que proclamou a "reforma" do sistema político, pero que axiña se considerou como unha auténtica farsa. A situación volveuse insostible e, en 1974, tras unha serie de crises internas e presións internacionais, os militares perderon o poder. Restaurouse a democracia, estableceuse unha nova constitución e leváronse a cabo eleccións libres.
Hoxe en día, a ditadura dos coroneis vese como un capítulo tráxico na historia de Grecia, pero tamén como unha lección sobre a resistencia e a importancia de manter viva a democracia. A memoria daqueles anos segue a ser un símbolo de loita polos dereitos humanos e a liberdade en Grecia.