Vida infinda
Cabada Castro, Manuel - domingo, 20 de abril de 2025
O ano litúrxico vainos levando pouco a pouco polas diversas experiencias cristiás da fe. Vainos poñendo en contacto co Xesús que nace coma nós, aínda que máis pobremente, no Nadal. Preparabámonos na Coresma para sentirmos con el as súas tentacións, as súas renuncias e a súa vida adulta de anuncio da boa nova a todos, de maneira especial ós máis necesitados e carentes de bens deste mundo. E nestes días pasados viviamos con dor e compaixón os padecementos e a morte de Xesús.
Mais sabiamos tamén que tras deste aparente fracaso absoluto da súa vida, deste afundirse o sol no horizonte e na noite, ía acontecer un novo rexurdimento. Un amencer do Xesús resucitado que en adiante non morrerá xa máis, converténdose así nun sol radiante que non volverá ter máis solpores. No evanxeo de Xoán cóntasenos que a Magdalena foi ó sepulcro moi cedo, "cando aínda era escuro"- Cousa que podemos entender tamén simbolicamente. María Magdalena, e con ela todos nós, camiñamos ou corremos cara á Luz do Resucitado porque a escuridade non nos vai. Somos bolboretas inquedas que voamos cara á luz na noite escura. Non hai cousa que máis queiramos cá luz e a vida. E isto sempre e para sempre. Deus púxonos esta querenza no corazón e coa resurrección do seu fillo e irmán noso esta fonda querenza atopa o que busca. A luz e a vida aquí e no alén da morte están así en boas mans. Pois El resucitou e é así o Señor de todo.
Este é o significado da Resurrección. Xesús e con el a humanidade toda estamos destinados, alén das nosas particulares mortes biográficas, a sermos inmortais. Finaremos, si, pero para non volvermos experimentar xa nunca máis angustias mortais. O noso pasamento coincidirá co comezo dun novo e definitivo vivir. Por iso os primeiros cristiáns loaban a Deus, ó celebraren a Resurrección, dicindo e cantando "aleluia". Así o fixemos tamén nós trala Primeira Lectura. E "aleluia" quere dicir "loado sexa Deus".
"Loado sexa Deus" pola súa grandeza, polos seus grandes plans sobre nós. Porque os pequenos ou grandes padecementos da nosa vida veñen sendo en definitiva pouca cousa en comparanza co destino que nos espera. Por iso dicía Pedro en relación coa resurrección de Xesús que a alegría debería rebordar en nós: "Loado sexa Deus dinos el-, que pola súa gran compaixón resucitou Xesús Cristo da morte facéndonos renacer a unha vida nova que se nos dá en esperanza [...] Por iso brincades de alegría, aínda que agora, se fai falta, teñades que sufrir, por un pouco tempo, diferentes probas".
A alegría debería ser, pois, un sentimento normal e estábel na vivencia da nosa fe. Unha fe, que ten os seus alicerces no acontecemento pascual. O domingo de Resurrección é así o modelo do que copian tódolos domingos do ano litúrxico. Pois "domingo" quere dicir día do "Señor", é dicir, de quen "domina" sobre todo. Coa súa resurrección converteuse Xesús en "Señor" de toda a creación e dos tempos todos: pasado, presente e vindeiro. Nel ten firme alicerce a nosa confianza, pois El é o noso irmán. Da súa Resurrección provén a nosa alegría. Así o repite a liturxia pascual: "Este é o día que fixo o Señor. Alegrémonos e relouquemos nel". E ese é tamén o contexto cultural do dito popular de estarmos alegres "como unhas pascuas".
Agora ben, se os discípulos creron porque "viron", a nosa crenza no Resucitado terá que basearse na nosa "fe". Non na nosa "visión". Mais trátase dunha fe que, pola súa parte, está baseada no testemuño dos apóstolos e da Igrexa que nace con eles. Pola nosa parte, podemos dicir tamén que, como compensación de non termos vivido a forte experiencia dos discípulos de Xesús, podemos en cambio sentir a alegría das palabras que dalgunha maneira nos dirixe Xesús a todos nós: "Benia os que creron sen veren!".
Cómpre ademais ter presente que a ledicia que sentiron os discípulos pola resurrección de Xesús non era unha alegría intimista ou particular que cadaquén en certo modo gardaría para si mesmo. Era, polo contrario, unha alegría comunitaria, compartida, que ía alén dos propios intereses e preocupacións. Da mesma maneira que Xesús non se pechara endexamais en si mesmo, senón que vivira sempre para os demais, os seus discípulos non podían proceder doutro xeito. En consecuencia, estaban abertos ás necesidades dos demais. Porque a todos viña dirixida a súa mensaxe: a de sermos, con el en primeiro lugar, fillos dun mesmo Pai e destinados, alén dos límites da nosa existencia particular, a unha resurrección para sempre.
Todo isto ten aplicación non só a nós, os que nos consideramos cristiáns, senón á humanidade toda, pois Deus Pai quixo no Xesús resucitado Deus dar vida para sempre, alén da morte, a todos. Os cristiáns estamos así convocados a encher o mundo enteiro da esperanza dunha vida inmortal. É isto o que fan os apóstolos e discípulos ó teren a experiencia do Resucitado. E, antes aínda ca eles, as mulleres que foran moi cedo visitar o sepulcro do Señor, volvendo axiña para lles anunciar ós apóstolos a resurrección do Señor. Algo semellante realizarán os diversos apóstolos e discípulos ao se comunicaren mutuamente as aparicións do Señor resucitado.
Pois ben. A través dos tempos e dos séculos recibimos tamén nós por medio do anuncio do evanxeo esta grande e boa nova. Por iso os que recibimos tal nova temos que anunciala coa palabra e cos feitos, no noso tempo e aquí onde vivimos, a cantos ou non saben dela ou non son quen de crer na mesma quizais incluso por ser tal nova algo tan incríbel e marabilloso. E é xustamente así por ser algo que procede de Deus, é dicir, daquel que é sempre meirande ca canto poidamos maxinar del.

Cabada Castro, Manuel