A Poesía de Avelino Díaz en 'Debezos' (Íntimas) (13)
Otero Canto, Xosé - viernes, 18 de abril de 2025
Lembranza
Introdución
A composición "Lembranza" está formada por seis cuartetas asonantadas que son estrofas de catro versos nas que riman os versos pares e os impares quedan soltos: /abcb/. A rima é asonante porque tan só o fan as vogais a partir da última sílaba acentuada, e fano nas dúas vogais "a" en cada unha das dúas últimas sílabas dos versos pares, /-b-b/: (crara, lembranza, faciana, inquedanzas . . . ) dándolle aos versos a maior altura e sonoridade en todos os versos pares, que serán os máis lembrados por toda aquela persoa que intente ou desexe memorizar as cuartetas.
A cuarteta asonantada é unha estrofa sinxela e popular que aparece nos séculos XI e XII e pénsase que en El Libro del buen amor do Arcipreste de Hita puideron correr estas coplas soltas polo pobo adiante e que o arcipreste as recolle neste libro. Chámanos a tención unha delas, concretamente a 597:
Esta dueña me firió
con saeta enarbolada;
atravesó el coracón;
en él la tengo clavada.
Nesta cuarteta unha dama fere o corazón dun amante con "saeta enarbolada"; é dicir, coa mirada, e esa mesma mirada aparece en Avelino xa na primeira cuarteta:
O teu ollar feiticeiro
-luar dunha noite crara-
gorentou os meus deseios
e, d-entón, teño a lembranza.
CONTIDO
As seis cuartetas asonantadas que compoñen o poema titulado "Lembranza", repártense da seguinte maneira: As dúas primeiras fan alusión ao ollar da dona, a terceira á fala, a cuarta ao namoramento, que tan axiña como chega xa xorde o desamor, na quinta e remata a sexta nun tempo presente no que Avelino lembra o suceso.
A composición sería así:
A FACIANA .- Cuartetas 1 e 2 : O OLLAR feiticeiro
A FACIANA .- Cuarteta 3 : A FALA
Cuarteta 4 .- ENAMORAMENTO
Cuarteta 5 .- DESAMOR
Cuarteta 6.- HOXE na lembranza.
A FACIANA .- CUARTETAS 1 E 2 : O OLLAR FEITICEIRO
Posiblemente este poema sexa froito dalgún amor e desamor de Avelino na sua querida Galiza, e é moi posíbel que xurdise na segunda volta á terra nai cando retorna a Meira no 1916, onde permanecerá catro anos dedicándose a exercer, sen título oficial, de mestre en tres aldeas dos arredores . . . con 22 anos, en 1920, colle de novo o camiño das américas e quizabes a moza estivese escondida "tras dunha serra lonxana" que sería a Serra de Meira, case con toda a probabilidade a coñecería neses anos nos que estivo de mestre en tres parroquias dos arredores.
A primeira cuarteta refírese ao "ollar" dunha dona que ten un ollar "feiticeiro", que atrae, porque é un ollar meigo ao que é difícil resistirse por ser coma o "luar dunha noite crara". Imaxínense vostedes a redondez da lúa chea ou a forma dun cuarto crecente ou minguante como un ollo alongado e gaioleiro que Avelino nos propón nesta metáfora e que tamén feriu ao Arcipreste de Hita e ao pobo que a gardou. Esa mirada como unha frecha fere tamén a Avelino que a partir de entón gorentou os seus desexos e tena na súa lembranza, e máis aínda, a cabeza, os ollos, o nariz e a boca, que compoñen a faciana da amada, énchenas de claridade, pero o que lle chamou máis a atención, a parte de toda a beleza do rostro, foron os ollos, que entre muxicas ou charamuzas que desprendían na ollada, prenderon para sempre a Avelino:
Alumou o meu vieiro
craridá da tua faciana
i-as muxicas dos teus ollos
acendéronme inquedanzas.
A FACIANA .- CUARTETA 3
Nesta cuarteta vólvesenos a incidir na beleza do seu rostro, neste caso, relativo á boca, pois cando a oíu falar quedou sorprendido pola súa voz porque a súa fala era "voz dos ánxels" por iso as súas palabras caían do ceo como unha choiva:
Foi ledo aquel meu vivir
nos tempos en que escoitaba
como chovida do ceo
-voz dos ánxels- a tua fala.
CUARTETA 4 :ENAMORAMENTO
Diante de tal beleza, Avelino abre a fiestra da súa alma, que non é outra que o seu corazón namorado; ante tal feito, chora de emoción e contentamento porque comeza o frechazo, un amor que xorde de repente e a primeira vista entre el e a futura amada:
D-aquela, soupeche abrir
a fiestra da miña alma
i-ollache meu corazón
que se me desfixo en bágoas.
Mais . . .
CUARTETA 5 : DESAMOR
Despois . . . fuxiche de min
-non sei que voz te chamaba-
i-a branca lúa escondeuse
tras d-unha serra lonxana.
Na cuarteta número 5 comeza o desamor polo afastamento da amada porque posiblemente outro amante era o que desexaba a dama presente nunha metáfora tan bela como a representación da voz, á que ela lle facía máis caso porque -non sei que voz te chamaba-, continuando as figuras literarias sobre a amada como branca lúa que se esconde por tras da serra, supoñemos que por tras da serra de Meira, e que acerca o poema ás pastorelas, mais non xorde o diálogo amoroso entre o cabaleiro e a pastora, por iso non podemos englobar a composición neste xénero de orixe provenzal, pero si podemos falar dunha composición pechada onde a chave da pechadura ten dúas voltas, como as boas pechaduras; a primeira volta está representada polo verso número 19
"i-a a branca lúa escondeuse"
que é un reflexo do verso 2
"-luar d-unha noite crara"
que é a outra metade da primeira volta do peche.
CUARTETA 6 .- HOXE na lembranza
Hoxe, cando me doín
d-unha sorte malfadada,
con beizos de mel e zucre
chuchóume a tua lembranza.
As cinco cuartetas anteriores están todas elas nun tempo pasado en canto á realización dos contidos e que estarían temporalmente situados entre 1916 e 1920; en cambio a cuateta número 6 sitúase nun tempo presente, nun "hoxe" que é cando se escribe a poesía, tempo que nos é imposíbel de especificar por ser unha lembranza da que se doe o autor como unha "sorte malfadada" na que se volve dar a segunda volta á chave para que na poesía quede pechada e ben pechada a lembranza na que se supón houbo algún bico porque se realizou "con beizos de mel e zucre". Así remata a composición coa derradeira volta de chave do verso final, número 24: "chamoume a tua lembranza" e que foi aberto no verso número 4: "e d-entón, teño a lembranza". Remata así a poesía cunha cerradura de dúas voltas á proba de cacos e de roubadores do alleo, mais que Avelino quixo abrir a porta das súas lembranzas a todo aquel que isto lese ou como nos di o capítulo LXVI do Quijote "Que trata de lo que verá el que lo leyere o lo oirá el que lo escuchare leer", ou incluso no capítulo XXVIII "Que trata de las cosas que dice Benengeli, que las sabrá quien le leyere, si las lee con atención", pero nos podemos tamén parafrasear a Apocalipse 22:18 "A todos os que escoiten a mensaxe desta poesía (profecía), advírtolles isto: se alguén lle engade algo a este poema (libro), Deus o castigará con todas as plagas descritas neste libro . . .". Amén.
BIBLIOGRAFÍA
DE CERVANTES SAAVEDRA, Miguel.- Don Quijote de la Mancha. Edición del IV Centenario, RAE. Alfaguara
DE HITA, Arcipreste (1970).- Libro del Buel Amor. Tomos I -II. Espasa Calpe, S. A. Madrid
FREIRE FREIRE, Maribel (2019).- Avelino Díaz, Unha voz comprometida na Galicia emigrante. Edición facsímile. Deputación Provincial de Lugo.
NAVARRO TOMÁS, T.(1995).- Métrica española. Barcelona. Edit. Lábor, 2ªedic.

Otero Canto, Xosé