Roteiro sobre algúns Cruceiros e Cristos do Municipio de A Pastoriza (Lugo)
Blanco Prado, José Manuel - martes, 22 de abril de 2025
Autores: Fernando Arribas Arias, José Manuel Blanco Prado, Mario Saavedra Pérez.
I. ALGÚNS TRAZOS HISTÓRICOS E XEOGRÁFICOS DO MUNICIPIO DE A PASTORIZA.
A Pastoriza é un municipio lucense, que se encontra situado no extremo nororiental da Comarca da Terra Chá (1). Posúe unha superficie de 175 km2. Limita ao Norte cos municipios de Abadín, Mondoñedo e Riotorto; ao Oeste (W), cos municipios de Abadín, Cospeito e Castro de Rei; ao Sur, cos municipio de Castro de Rei e Pol; e ao Leste, cos de Riotorto e Meira. As súas coordenadas xeográficas son: 43º 18' 01'' N / 7º 21' 04'' O // 43.300414 / -7.351228 //.
A nivel xeomorfolóxico, hai unha clara contraposición entre o o centro e o sur do territorio, dominados pola planicie chairega, e o norte onde fan presencia os cordais montañosos (Cordal de Neda-798 m.) (2)
Pola súa situación xeográfica, posúe un clima oceánico. No obstante, podemos atribuirlle tamén un certo grao de continentalidade polas súas temperaturas e precipitacións, xa que ten unha temperatura media anual de 11,5º C, e as súas precipitacións suben a 1176 mm. anuais (3).
A nivel humano, a súa poboación caracterizouse por unha perda débil da poboación na primeira metade do século XX. No obstante dende o ano 1950 ata comezos deste século a perda de habitantes foi acusada pasando de 6848 hab., no ano 1950 a 3856 no 2004. A principal causa deste acusado descenso foi a emigración ao exterior (4). Na actualidade, segundo o I.G.E. (Instituto Galego de Estadística) do ano 2023 hai unha poboación de 2810 habitantes, que forman parte de 182 entidades de poboación distribuídas en 19 parroquias (5). As dúas entidades de poboación máis importantes son A Pastoriza, que é a capital municipal, e Bretoña. Hoxe téndese a un avellentamento da poboación; ademaís, as taxas de natalidade sitúanse por debaixo das de mortalidade.
Dende unha perspectiva económica, o sector agropecuario é a base económica do municipio xa que máis do 60% da poboación activa traballa neste sector. Cómpre distinguir no intre actual a gandería bovina, proxectada á producción láctea e cárnica. Ademais, é mester facer mención ás explotación de recría de novillas, así como aos sistemas de estabulación libre para o equino. Con respecto á industria hai que aludir ás industrias extractivas propias da explotación dos recursos naturais da zona; tamén, ás de fabricación de materiais de construcción (ladrillos, pizarras...).
Por outra banda, este municipio está aberto ao exterior por unha serie de estradas: A estrada nacional 640 Vegadeo-Pontevedra e, tamén, a estrada comarcal Vilalba-Meira. Ámbas as dúas atravesan a parte sur do territorio. Ademaís, a estrada LU-122 de Paraxes ata a Cruz da Cancela pasa polo municipio en dirección Norte-Sur.
A nivel histórico, cómpre sinalar que houbo diferentes comunidades de carácter primitivo, reflectidas nos vestixios arqueolóxicos do Sitio das Covas (Crecente); castros de Baltar e Saldanxe; castro de Fomiñá; alto do Castro (Vián); as Croas (Reigosa); forno dos Mouros (Guizán) etc. O documento máis antiguo foi o "Parroquial Suevo" composto entre os anos 572 e 589, onde se nos fala da cristiandade britoniense, formada por núcleos de poboación procedentes das Illes Británicas. A invasión musulmán motivou unha fuxida dos supervivintes a San Martiño de Mondoñedo e, logo, a Oviedo onde Alfonso II estabreceu a sé episcopal. Nos séculos seguintes gran parte de Bretoña (actual Pastoriza), foi propiedade do cabildo mindoniense; dos mosteiros de Meira e Lourenzá; e do Conde de Lemos. Logo, no ano 1821 creouse en Vián o concello, para logo pasar a su actual ubicación no ano 1840 con motivo da reorganización do mapa provincial lucense, dependendo do partido xudicial de Mondoñedo (6).
NOTAS:
1. É unha comarca galega situada na zona norte e interior da provincia de Lugo. A máis extensa de Galiza con 1822,75 km². Segundo o I.G.E. do ano 2014 tiña 42.336 habitantes. A ela pertencen os concellos de Abadín, Begonte, Castro de Rei, Cospeito, Guitiriz, Muras, A Pastoriza, Vilalba, e Xermade, sendo a súa capital Vilalba. O poeta Manuel María adicoulle á comarca o poemario Terra Chá, onde fala das súas terras e as súas xentes.
2. Equipo Ir Indo: GÚZMAN LÓPEZ. Cristina; IGLESIAS PÉREZ, Montserrat; MIRAMONTE CARBALLADA, Ángel e outros. Galicia en Comarcas. Terra Chá e Meira. Vigo: Ir Indo. La Voz de Galicia, 2005, páx. 125.
3. VÁZQUEZ CERNADAS, María del Carmen.: "A Pastoriza", en Galicia, pueblo a pueblo. Xunta de Galicia. La Voz de Galicia, 1993, paxs. 1005-1008.
4. Cidades do ámbito provincial, galaico, estatal e mesmo de fora de España.
5. A Aguarda (San Martiño); Álvare (Santa María); Baltar (San Pedro Fiz); Bretoña (Santa María); Cadavedo (San Bartolomeu); Crecente ( O Salvador); Fomiñá (O Salvador); Gueimonde (San Mamede); Lagoa (San Xoán); Loboso (Santo André); Pastoriza (O Salvador); Pousada (Santa Catarina); A Regueira (San Vicente); Reigosa (Santiago); Saldanxe (San Miguel); San Cosme de Piñeiro (San Cosme); San Martiño de Corvelle (San Martiño); Úbeda (San Xoán); Vián (Santa María).
6. EQUIPO "IR INDO". Ob. cit., pax. 129.

Blanco Prado, José Manuel