Opinión en Galicia
Señor, esta Semana Santa vou contigo, así sexa ao Monte Calvario! (16)
Gómez Vilabella, Xosé M. - martes, 06 de mayo de 2025
As mulleres no sepulcro
¡É de sentido común
que non podían faltar;
o que carece de sentido
é que non as deixen misar!
"Mentres tanto,
María quedara ao pé do sepulcro,
na parte de fóra,
chorando.
Sen deixar de chorar,
abaixouse a ollar no sepulcro.
Viu dous anxos de branco,
sentados,
un á cabeceira
e outro aos pés
do sitio onde xacera
o corpo de Xesús.
Eles preguntáronlle:
Muller, ¿por que choras?
Ela respondeulle:
¡Porque colleron ao meu Señor
e non sei onde o puxeron!
Dito isto,
virouse cara atrás
e viu a Xesús alí de pé,
pero sen decatarse de que o era.
Xesús preguntoulle:
Muller, ¿por que choras?
¿A quen buscas?
Ela,
coidando que era o xardineiro,
díxolle:
Señor,
se o levaches ti,
dime onde o puxeches,
que eu o collerei.
Xesús díxolle:
¡María!
Ela,
virándose,
exclamou en hebreo:
¡Rabbuni!
(Mestre)
Xesús díxolle:
Sóltame,
que aínda non subín onda o Pai;
máis ben,
vai onda os meus irmáns
e dilles:
Subo onda meu Pai e voso Pai,
o meu Deus e o voso Deus.
María Magdalena
foilles contar aos discípulos
que vira ao Señor,
e que lle dixera estas cousas".
Grazas, María,
María de Magdala,
polo teu comportamento exemplar.
Ti estabas agradecida
de que os teus pecados
che fosen perdoados!
Daquela,
axúdame a buscar a Deus,
a Cristo resucitado,
para pregarlle
polos meus...,
que tanto me estorban,
e quixera borralos!
-.-
¿Pechadas as portas?
¡Si; iso facemos,
a miúdo,
pero con Deus non vale!
"Naquel día,
o primeiro da semana,
ao serán,
estando pechadas as portas
onde estaban os discípulos,
por medo aos xudeus,
chegou Xesús,
e poñéndose no medio,
díxolles:
-Paz convosco.
Dito isto,
mostróulle-las mans e mailo costado.
Os discípulos alegráronse,
vendo ao Señor.
El díxolles outra vez:
Paz convosco:
Como o Pai me mandou,
tamén eu vos mando a vós.
Dito isto alentou sobre eles,
e díxolles:
Recibide o Espírito Santo:
A quen lles perdoedes os pecados,
quedaranlles perdoados;
a quen llelos reteñades,
quedaranlles retidos".
¡Grazas, Señor,
infinitas,
que xa temos Sacramento da Penitencia;
a Deus grazas!
¡Agora o que nos falta
é
ser penitentes,
cousa que adoita facérsenos
insoportable,
pesada!
A misión dos discípulos ten como base e fundamento a de Cristo. O Espírito Santo aparece
como un don persoal de Deus, que virá aos discípulos cando Xesús volva ao Pai,
que ensinará aos cristiáns conducíndonos á verdade, e que dará testemuño do Mestre.
Este Espírito é o que nomeamos Espírito Santo, a terceira das divinas persoas.
Despois da penitencia
gozaremos da gloria
eterna;
despois do Calvario,
coa chave da cruz
abrirásenos o Ceo.
Aleluia,
que xa estamos redimidos,
pola misericordia
de Xesús,
Rei dos xudeus,
e noso tamén!
-.-

"Pero Tomé, un dos doce,
o chamado Xemeo,
non estaba con eles cando chegou
Xesús.
Dicíanlle entón os outros discípulos:
-Vímo-lo Señor.
Pero el contestoulles:
Como non vexa nas súas mans
as furas dos cravos,
e non meta nelas o meu dedo;
como non meta a miña man no seu costado,
non crerei.
Oito días despois
estaban outra vez dentro os discípulos,
e Tomás con eles.
Chegou Xesús,
estando pechadas as portas,
e poñéndose no medio,
dixo:
Paz convosco.
Despois díxolle a Tomé:
-Trae aquí o teu dedo
e mira as miñas mans;
trae a túa man e métea no meu costado.
Non sexa incrédulo, senón home de fe.
Tomé respondeulle:
-¡Meu Señor e meu Deus!
Eu tamén, con Tomé:
¡Meu Deus, meu Señor!
Eu, tamén,
home de pouca fe;
tamén quero crer,
pois, tendo a Biblia,
non me fai falta ver o que outros
viron por min!
-.-

Gómez Vilabella, Xosé M.
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora