Autonomía ou sucursal?
Pin Millares, Xosé María - viernes, 24 de julio de 2009
Nas eleccións de marzo o Partido Popular encabezado polo señor Feijoo gañou as eleccións na Comunidade Autónoma de Galicia. Non trato de analizar o proceso das mesmas, soamente quero reflexionar sobre a administración que se fai de tal vitoria e como se exerce a Presidencia do Goberno galego.
Os Partidos de implantación estatal, cando gobernan nas comunidades autónomas, tenden a diluír o seu papel e a función da Autonomía, consideran que son unha sucursal do Estado central ou, aínda máis, unha especie de Delegación do seu Partido, asumindo o papel de socio subordinado ou de oposición, segundo sexa o caso, na actualidade o papel de Feijoo aparece máis coma un apéndice da rúa Génova ás ordes de Rajoy, Esperanza Aguirre, Aznar ou da FAES, algo aínda sen aclarar. Esquecen, neste caso, os Presidentes pertencentes ao Partido Popular que o seu contrato non é coa dirección do seu Partido, senón a través do Parlamento cos cidadáns da Comunidade Autónoma que presiden. Ata o momento, o señor Feijoo, unicamente sobresae na arte de derrubar, non constrúe. Podía anunciarse coma unha empresa de Derrubamentos, gasta con teimosía as súas enerxías en contra da lingua galega, contra das eólicas, contra Bangal, contra todo aquilo que na rúa de Génova descoñecen, que respecto a Galicia é case todo. Todo está mal, pensa que o mundo empeza con el, algo así coma o novo Adán ou coma se o centro do mundo estivera nos Peares, un adanismo enfermizo.
A impresión que está a dar o señor Feijoo é de levitación ou de ausencia, absorbido por outros intereses máis ou menos ocultos como pode ser a oportunidade de empoleirarse na cima do Partido Popular aproveitando a inconsistencia permanente de Mariano Rajoy. Parece que Feijoo está no goberno porque pasaba por alí, estaba aberta a porta, entrou e sentou, non tiña nin programa nin idea de País. Para máis desgraza escolleu un goberno de mediocres descoñecedores da realidade e da sensibilidade galega.
Deica agora, Núñez Feijoo vai de fracaso en fracaso, parecía un tecnócrata eficaz, pero vai camiño dun gran pufo. Xa na campaña amosou unha certa habilidade raposeira envolvida con palabras moi solemnes, tan rotundas como baleiras de contido, a exemplo do seu Presidente nacional. Fracasou na negociación sobre o novo modelo de financiamento, total fracaso no asunto da lingua, na subvención dos libros de texto, resulta gafe en case todo o que intenta. Está instalado nun liberalismo anacrónico e repetidamente fracasado.
Pero gran sostén de Feijoo non vén nin do seu Partido nin do apoio electoral, hoxe por hoxe, a súa forza está na carencia dunha oposición lúcida, seria e rigorosa, noqueada por unha derrota inesperada. Esperemos que esta parálise sexa pasaxeira.

Pin Millares, Xosé María
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora