Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O que ama, sofre. Renovemos a esperanza.

García Cadiñanos, Fernando - lunes, 14 de abril de 2025
O que ama, sofre. Renovemos a esperanza. Dispoñémonos a vivir un ano máis a Semana Santa. As nosas rúas encheranse de expresións de relixiosidade grazas ao bo facer dos centos de confrades que manifestan a súa identidade, amor e fe. As manifestacións exteriores, que espertan a curiosidade de centos de persoas, son prolongación das celebracións litúrxicas que teñen lugar nos templos. O pobo de Deus comparte e prolonga así o que alí se fai sacramentalmente.

Os tronos exhiben dunha maneira moi bela diferentes escenas da Paixón, Morte e Resurrección de Xesús. Deste xeito, todo convértese nun primeiro anuncio do misterio que está na base da fe: o amor de Deus. O que se nos conta nas rúas e o que contemplamos e rezamos nas igrexas é o mesmo misterio do amor entregado.

Trátase dun amor que non ten nada que ver cos sucedáneos do amor aos que nos teñen afeitos. O auténtico amor sofre; cando se ama de corazón, entrégase a vida; o que ama de verdade morre a si mesmo para xerar vida. E isto é o que fixo o noso Deus: porque nos ama, sufriu a morte por nós. A Semana Santa, con todo, non é un canto ao sufrimento e un encomio á dor; os cristiáns non buscamos enxalzar o val de bágoas que rodea o noso mundo. A Semana Santa é fundamentalmente a contemplación, celebración e exhibición do auténtico amor, o de Deus, que é ata o final: "Quérote tanto, que ata morro por ti".

Pero a Semana Santa deste ano é especial. Coincide co Ano Santo Xubilar. Un Ano no que se nos convida a profundar na esperanza e ofrecela ao noso mundo que hoxe tanto a necesita. Precisamente a Semana Santa, que é expresión de amor, convértese tamén en canto á esperanza. Porque onde hai amor, hai esperanza.

En efecto, Xesús morto e resucitado é o centro da nosa fe. Esta Boa Noticia posibilita que teñamos a certeza de que cada un de nós non se dirixe a un punto escuro ou ao abismo, senón ao encontro co Señor da gloria. Como di o papa Francisco, a esperanza cristiá asegúranos que "ante a morte, onde parece que todo remata, recíbese a certeza de que, grazas a Cristo, á súa graza, a vida non termina, senón que se transforma".

Precisamente durante a celebración da Vixilia Pascual do Sábado Santo renovamos o noso bautismo. Neste sacramento recibimos a vida nova en Cristo que quere ser eterna e plena. Sería fermoso, por tanto, que nesta Semana Santa do 2025, a do Ano Santo da Esperanza, participásemos nesta vixilia para renovar o noso bautismo, rexenerar a nosa esperanza e compartir este don con este mundo que tanto a anhela. Convídovos a todos, especialmente a vós, confrades, que estes días andades ocupados en tantos aspectos pero que nunca debedes descoidar o importante.

Queridos confrades: grazas polo voso empeño e compromiso, polo voso interese e sacrificio. Que o que fagamos sexa expresión do que nos enche por dentro. Que podamos compartir cos que nos visitan a paixón que nos motiva e ilusiona.

Queridos visitantes que vos achegades a ver algunha das nosas procesións a Ferrol, Viveiro, Mondoñedo ou a outros lugares: que ao contemplar estes misterios descubrades a fermosura da mensaxe que queren expresar as nosas imaxes, as nosas tradicións e costumes. Que volvades a casa cheos de esperanza e de vida.

O voso irmán e amigo,
O que ama, sofre. Renovemos a esperanza.
+ Fernando, bispo de Mondoñedo-Ferrol
García Cadiñanos, Fernando
García Cadiñanos, Fernando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES