Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A Coruña. A Cidade das Artes.

Sampedro, Pilar - jueves, 24 de abril de 2025
A Cidade das Artes é o título dunha exposición, pero vai máis alá ata abranguer a propia urbe outorgándolle unha denominación, ata certo punto, sorprendente. O primeiro que pensamos cando o escoitamos é que houbo unha mente creativa que dou uns resultados, certamente de alta calidade, que non se esgotan nunha mostra nin nun ano.

Por que chamarlle así á Coruña?
Nela ten a sede a Real Academia Galega de Belas Artes que xustamente está a cumprir 175 anos. Esta institucións arrastra consigo unha serie de organismos e fitos (entre os que podemos citar a creación da Escola de Belas Artes, os museos de Belas Artes e Arqueolóxico, as medallas Marcial del Adalid, a revista Abrente, os Salóns de Outono ou a creación do Día das Artes) ao longo do tempo. Polo tanto, non é baldío situar a Academia nun lugar. Por exemplo, xustamente para celebrar este aniversario no 2025 celebráronse no Teatro Colón "Os Concertos do Centenario" con obras de máis de trinta compositores galegos, inaugurouse a exposición "Arquitecturas que falan do seu tempo" nunha das salas do Museo de Belas Artes e posteriormente esta, "A Cidade das Artes", no Kiosko Afonso.

Por que chamarlle así á Coruña? Pois porque realmente, neste caso, a denominación vai máis alá da Cidade das Artes de Valencia, algo creado nun terreo baldío coa intención de encher de arte. Aquí, trátase de dar nome á cidade que xa existe e explicar a razón pola que ten sentido.

En palabras do presidente da RAGBA esta exposición mostra o que foi, o que é e o que quere ser a institución. Nela está a colección de arte da Academia, as obras dos seus académicos e académicas, máis de trescentas pezas. Cada unha das pólas da institución vese representada por un texto no catálogo e unha pezas na mostra. O traballo de artistas e estudosos/as da arte ponse así ao servizo da idea, dende 1849 (no que se engade o nome da patroa da cidade na que está enclavada: Nosa Señora do Rosario) ata a actualidade. Sete seccións: pintura e gravado, escultura, arquitectura, arqueoloxía e museoloxía, música, expertos nas artes e artes da imaxe.

Se ben a Academia nace hai 175 anos é e 1898 cando pasa a celebrar as súas sesións no que foi mosteiro de San Agostiño e pazo do Real Consulado do Mar, é no ano 1913 cando se instala definitivamente nel, compartíndoo co Museo do mesmo nome.

Actividades sistemáticas coma os concertos e os encontros con diferentes autorías que presentan as súas obras manteñen o día a día dunha Academia que non quere ficar no pasado. Esta última actividade, os Martes das Artes, que acolle a artistas como Oliver Laxe para falar do seu traballo son oportunidades que resoan no tecido cultural da cidade. A representación da Academia en diferentes organismos que posibilitarán a súa intervención nas propostas de declaración Patrimonio da Humanidade (Torre de Hércules, Muralla de Lugo, o Ferrol da Ilustracións...), nos Monumentos Nacionais ou BIC (Ben de Interese Cultural), o seu papel na recuperación de certas obras que se atopaban perdidas ou en condicións inadecuadas, o seu asesoramento a institucións coma o Parlamento de Galicia ou a Xunta, a creación do Arquivo Musical de Galicia e o arquivo fotográfico de Chamoso Lamas fálannos dunha institución viva, que conta con académicos de honra, académicos numerarios, académicos correspondentes e académicos supernumerarios.

Neste RAGBA podemos ver figuras fundamentais como Chamoso Lamas cando pensamos en conservación do patrimonio, o Picasso neno na Escola de Belas Artes situada no que hoxe é Instituto Eusebio da Guarda e a pléiade de académicos que percorrían as rúas da cidade e hoxe a visibilizan. Vendo as obras dos artistas membros da Academia acordámonos de cando para entrar no Seminario de Estudos Galegos (a Academia máis moderna e transformadora de cantas existiron no país) cada membro había de entregar unha obra que tivese relación con aquilo no que tiña valor e agrádanos recoñecer esa pegada que fala desa frase que atravesa os días acerca de "o que fago eu pola institucións ou o que a institucións fai por min." Vemos, na exposición, que máis alá de obras de artistas membros, a RAGBA conta con pezas resultado dos Salóns de Outono. Foi esta unha boa ocasión para facerse con nova pezas que representan a arte en determinados momentos, recollendo as maneiras e os conceptos que as atravesan.

A celebración do Día das Artes Galegas instaurouse no un de abril (data que aparece no Pórtico da Gloria e serviu para marcar ese primeiro ano, 2015, cando se lle dedicou ao Mestre Mateo. Posteriormente foron homenaxeados Castelao, Maruja Mallo, Alejandro de la Sota, Seoane, Domingo de Andrade, Laxeiro, Martín Códax, Asorey e Díaz Pardo en 2015. Unha data que serve para traer á actualidade estas autorías por medio de iniciativas coma un cartel conmemorativo, un libro divulgativo, actos protocolarios, ciclos, conferencias ou exposicións (como a que levou a obra do Mestre Mateo ao Museo do Prado e outras a Fonseca, Cidade da Cultura, concellos de orixe, itinerantes...), creación de roteiros ao redor de autores e autoras, etc. Unha década colocando os cimentos dunha celebración pensada para non ter remate na que se poña en valor a obra de artistas e se estude a súa vinculación co país. A Coruña. A Cidade das Artes.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES