Pingas de Orballo
Rivas Delgado, Antonio - miércoles, 16 de abril de 2025
A presa imaxinaria
Soltei a presa. Imaxinariamente. Non tiña nada nas mans. Solteina como xesto de lavar a conciencia. Ou algo semellante. Ás veces os asubíos mestúranse cos loureiros ou cos latexos e despois non hai nada que os deslea; forman un auténtico nobelo.
A pesar de ser unha presa imaxinaria, notei como escapaba, como fuxía. A conciencia non adoita escapar. Poida que fose entón a liberdade, que estaba entre as gaiolas da miña existencia. Non sei. Moitas veces confundo os termos, as palabras, mesmo as ideas e quedo a velar vir.
Quedar a velas vir é como quedar co baleiro arrodeando, bailando á miña beira. Ou como quedar contemplando os biosbardos. Si, mesmo poida que a presa imaxinaria que tiña entre as mans fose un biosbardo, un ser imaxinario co que se engana a un incauto. Xa nacín bastante inocente e, co paso do tempo, volvinme máis desprecavido, máis imprudente, máis pánfilo, máis inxenuo, máis incauto, si.
Porén, aquí sigo coas mans baleiras -que nunca estiveron cheas de nada; en tal caso de calos- e imaxinando ou pensando que abranguía, que cinguía toda unha presada.
Todo pasa, todo se escapa e, se se abre a man, moito máis facilmente. Quizais sexa mellor así e non angustiarse por un botín que non beneficia nada. Por se aquel, e para alixeirar o asunto, abro as dúas mans e algo fuxiu do baleiro. Seguro que foi a inocencia vestida de alpabarda ou a conciencia montada sobre unha albarda. Ó mellor foi a liberdade que, por fin, se sentiu libre.

Rivas Delgado, Antonio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora