Coa previsible aprobación da primeira lei de promoción da propiedade privada nas sesións parlamentarias chinesas deste marzo, opérase un salto cualitativo no proceso de institucionalización deste sector da economía non pública trala aprobación, en 2007, do código de dereitos reais que xa sinalaba o papel destacado do sector privado no conxunto da economía chinesa.
As empresas privadas foron durante moito tempo un motor clave do ascenso económico de China, aportando máis do 60 por cento do PIB e o 80 por cento do

emprego urbano. A finais de setembro de 2024, os 55 millóns de empresas privadas rexistradas do país representaban máis do 92 por cento de todas as empresas en China. O seu número quintuplicou entre 2012 e 2024. As empresas privadas xa son a columna vertebral do impulso de innovación do país, representando máis do 90 por cento das empresas de alta tecnoloxía. O sector privado tamén achega máis do 70 por cento dos logros de innovación tecnolóxica da China.
Encárase así un reto histórico que ten condicionado destacadamente o debate sobre a incorporación plena da economía privada ao entramado institucional. A aprobación do código de 2007 requiriu catorce anos de discusións nada fáciles no seo do Partido Comunista de China (PCCh). Este novo paso, outros dazaoito.
Non obstante, esta nova consideración na China ofrece varias particularidades. Primeiro, exclúe calquera tipo de confrontación coa economía pública, isto é, non avanza contra o sector público senón que consolida a complementariedade de ambas as dúas. Segundo, reafírmase ao mesmo tempo a hexemonía da propiedade pública como piar fundamental e base económica determinante para sustentar o liderado do PCCh. Terceiro, a hexemonía pública instruméntase a través dun marco regulatorio específico, coa guía e o apoio gobernamental e unha confluencia coa orientación xeral definida polo liderado político, preservando en todo caso a destacada presenza orgánica do PCCh no seo da estrutura empresarial privada e nas súas institucións corporativas. E tamén a través dun labor estratéxico de gran importancia mediante a coordinación dos demais actores converxentes, dende universidades a departamentos gobernamentais, para incrementar a eficiencia. Cuarto, garantindo unha supervisión activa do sector. Quinto, sinalando a observación permanente dos intereses nacionais.
Eufemismos para algúns, seguramente, pero matices sobresaíntes que de xeito significativo teñen servido nos lustros da reforma para evitar que o sector privado chegue a apropiarse das institucións estatais e mesmo consolide un proxecto alternativo ao representado polo PCCh. Dentro do sistema pero non contra o sistema.
Confianza interna na economía e competencia cos EUA
Sen dúbida, detrás da promoción deste novo estatus para a economía privada, que supón un xiro apreciable respecto á primeira traxectoria do xiísmo que tanto alentou o sector público como embridou o sector privado reprimindo severamente calquera intervención dos seus actores principais no eido político, responde a claves conxunturais relacionadas coa competencia estratéxica cos EUA.
En efecto, se Trump, ao pouco de asumir, reuniu aos líderes tecnolóxicos dos EUA e anunciou importantes dotacións económicas para ganar nesta decisiva carreira pola innovación, Xi Jinping colleu esta luva co propósito de demostrar dúas cousas. Primeiro, que aí seguirán rivalizando pese ao cerco represivo dos EUA; segundo, que o modelo establecido polo PCCh é superior ao ultraliberal.
Fronte ao desprezo do público que rezuma o discurso e as políticas establecidas polo gabinete de multimillonarios á fronte dos EUA, China contrasta coa insistencia en "camiñar coas dúas pernas", cun modelo que non renega do privado mais segue confiando no público como principal garante dun desenvolvemento orientado á satisfacción do ben común.
No fondo, é inseparable do obxectivo de Xi afrontar con forza renovada a nova etapa da batalla xeoeconómica que o enfrontará a Trump e na que o factor tecnolóxico, con forte presenza do sector privado, freou tras o boom regulamentario do presente quinquenio.
Ata agora, a innovación chinesa víase principalmente a través da lente de iniciativas estatais e de arriba a abaixo. Hoxe hai un sector privado moi floreciente e cunha cultura dinámica de empresas emerxentes que compite seriamente cos EUA nun marco de colaboración aberta. Desde vehículos eléctricos competitivos e DeepSeek, unha estrela en ascenso da intelixencia artificial, ata Unitree Robotics, pioneira no desenvolvemento de robots humanoides, as empresas privadas están á vangarda da transformación económica de China. Moitas empresas están especializadas en intelixencia artificial, robótica ou fabricación intelixente.
A corrección ten tamén motivacións internas. Dunha banda, urxe actuar sobre o marco económico para favorecer unha recuperación que se veu resistindo despois dos anos difíciles da pandemia. Por outra banda, politicamente, é un xesto cara o denguismo, privado de influencia ao mais alto nivel pero presente no sentir militante de sectores cualificados. O mesmo Hu Jintao escandalosamente abaneado na tribuna do XX Congreso (2022) foi quen en 2007 completou a aprobación daquel primeiro código de dereitos reais.