
Hai uns días, un dos moitos amigos que teño na distancia e que cos que manteño contacto cotián a través da Rede, escribiume un correo no que me dicía que esta leira non era só de millo, senón que había outros moitos produtos que cultivar. É dicir, que había máis problemas có do idioma e que debería poñerme xa con outra letanía.
E como ó meu amigo non lle falta razón, hoxe vou falar pedras, que palabras son.
Poñamos por caso, querido lector, que están dentro da catedral de Santiago, un grupo de persoas con poder de decisión representando ó Cabido, a Patrimonio, ó Xacobeo, ó Colexio de Arquitectos, ós amigos do Camiño, ós do Románico, ós do Grelo de Ouro e á Orde da Vieira, debatendo sobre a necesidade de darlle unha voltiña ó conxunto, pois, ademais do Pórtico da Gloria e do Botafumeiro, son outras moitas as reformas estéticas e estruturais que está pedindo a berros o edificio.
Entón, con esa facilidade que temos os galegos de ir facendo, para por se acaso e tendo en conta que pragora vale ben, con máis xenreiras ca consensos e sen orde nin concerto, os do Cabido decidisen mudar o baldaquino do apóstolo por un mamotreto pétreo de Carrara; os arquitectos deseñasen unha bóveda de rosa-Porriño para soster mellor o cruceiro; os de Patrimonio trocasen a Porta Santa por unha con célula fotoeléctrica que rexistre un por un a tódolos peregrinos do Ano Santo; os do Xacobeo instalasen dous órganos Casio Dolby Sound Round para que se escoite en Monte Pío, e o resto de asociacións sufragasen un novo pavimento con alfombra de Damasco que lle fixera cóxegas nos pés ós máis devotos...
Substitúa agora ó Cabido pola Consellería; a Patrimonio, os Arquitectos e o Xacobeo polos tres partidos políticos; ós do Grelo pola Mesa e ós da Vieira polos Bilingües e dígame se todos estes bárbaros licenciados non están facendo exactamente o mesmo cun idioma que o único que precisa coma a catedral o silencio- é que o falemos. E, sobre todo, que o ¡falemos BEN!.