Estamos a vivir a mercé de mentes mesiánicas que se arrogan a crenza de seren os salvadores da humanidade, cada vez con máis arrogancia, máis prepotencia e por que non dicilo, con máis chulería. Este é o caso do presidente dos EE.UU. Donald Trump , sabéndose un Mesías que fará América más grande en modo o "shériff" que, ao estilo John Waine, vai rematar cos malos dunha vez por todas. O seu nome coincide co dun pato famoso e xuntouse con outro que tal baila, o multimillonario Elon Musk, imaxe do Scrooge McDuck, "tío" Gilito, o parente adiñeirado do pato Donald.

Lembro a humillación ao presidente Zelensky na Casa Branca recibindo unha tremenda reprimenda por parte de Trump e o seu vicepresidente como se o presidente ucraíno fose un neno de primaria. Independentemente das simpatías que poda suscitar, Zelensky é o presidente dun país neste intre soberano, invitado á casa doutro presidente, e a verdade é que a ninguén con dous dedos de fronte se lle ocorre rifar a un invitado de semellante forma agás, claro, a un mesiánico como o presidente dos EE.UU. Nese encontro, entre outras cousas, ían asinar o acordo para que EE.UU puidese acceder as chamadas "terras raras" que Ucraína posúe. Pois ben, Zelensky non asinou ese suposto acordo, como cabía esperar, logo do deprimente espectáculo, pero agora Trump advirte que se Ucraína non entra polo aro, se pode meter nun problema, unha ameaza que vén significar que o "sheriff" pode sacar o "colt" e collelas polas bravas. Algo semellante ocorre coa illa de Groenlandia que EE.UU intentou mercar xa hai tempo, e agora Donald Trump volve á carga. Nun dos seus habituais arrebatos chegou dicir que se non se vende, cóllese e punto. Cabe máis arrogancia? Por non falar de Canadá ao que quere converter nunha estrela máis na bandeira dos EE.UU. E todo isto a que soa? Pois a puro imperialismo e conquista, a ganas de expansionismo e a arrebatos que nos poden levar a todos a situacións máis que críticas e comprometidas. Xa veremos tamén a onde chega a política de aranceis, unha guerra económica que xa desatou. A nada bo, seguro.
Pero o caso é que foi elixido por millóns de votos de cidadáns que apostan polos seus postulados. Dicía Henry Mencken: "populista é aquel individuo que predica ideas que sabe falsas entre persoas que sabe idiotas" (noutras cousas discrepo co ensaísta, pero nesta...). O caso é que cando EE.UU esbirra, nós acatarrámonos. É o que ten non sermos autosuficientes, depender en certa medida do que eles deciden, incluso participar nunha guerra semellante as que outrora nos levaron mentes mesiánicas. É preocupante, abofé.