Reflexións do meu amigo Balbino sobre...
Curros Neira, Jesús - martes, 08 de abril de 2025
O que entenden algúns por progreso.
Andaba estes días o meu bo amigo Balbino dándolle voltas a algunhas cifras que leu nun xornal que, segundo el, debuxan un presente complicado para nós e un futuro cando menos bastante incerto. A cousa é que, ao parecer, a tecnoloxía que fai a nosa existencia moito máis doada, ao tempo que serve aos poderosos para que nos controlen porque xa case non podemos vivir sen ela, depende de certos minerais que unicamente se atopan nuns poucos lugares do mundo que posúen iso que se denominan "terras raras". A nosa dependencia destes xacementos é maior se cabe que a que temos dos móbiles, dos ordenadores e até de Internet, avances que non existirían sen estes minerais. Di Balbino que o setenta por cento das extraccións deses recursos lévaa a cabo China que, como consecuencia disto, tamén é a que procesa o noventa por cento das terras raras de todo o planeta. Se aos chineses lles dese unha arroutada e cortasen o subministro deses minerais acabaríase de golpe esa dixitalización que algúns cren que é tan marabillosa. Volveriamos á Idade de Pedra, ou case.
Á vista desta preocupante situación a Unión Europea pediu aos seus estados membros que permitan explotar de novo os seus propios recursos para gozar dunha certa independencia ou, no peor dos casos, reducir a nosa dependencia doutros países, o cal non parece que sexa unha política errada nin moito menos. Mais o problema vén cando o xacemento en cuestión está a carón da nosa casa, entón si que arde Troia e a cousa xa non nos parece tan ben. E digo isto porque resulta que aquí mesmo, en Galicia, dispoñemos dalgúns destes valiosos recursos. Aí van algúns exemplos:
O coltán, un mineral non demasiado coñecido pero que é fundamental para as novas tecnoloxías, vén na súa maior parte da República Democrática do Congo, onde é explotado nunhas condicións infrahumanas, sen ningún coidado polo medio ambiente nin respecto polos dereitos laboráis e mesmo causando moitas mortes entre as persoas traballadoras. Até o noventa por cento do coltán mundial é extraído na República do Congo nestas vergoñentas condicións. E ocorre que aquí, e concretamente na aldea de Penouta no concello de Viana do Bolo, temos a única mina que existe en toda Europa deste novo oro negro. En Penouta poderiamos obter boa parte do coltán que precisamos extraéndoo con todo respecto pola natureza e con tódalas medidas de seguridade esixibles. Pero resulta que non, que a Xustiza paralizou a extracción a requerimento de certos grupos ecoloxistas. E Balbino pregúntase: a xente que está en contra desta mina, está tamén en contra de Internet ou dos teléfonos intelixentes? Pois claro que non! Parécenos ben que veña o coltán do Congo, pero non estamos dispostos a permitir que o extraian aquí. Non é unha actitude moi solidaria, non cren?
O rexeitamento de certos grupos se estende a outros xacementos de minerais raros e valiosos, como por exemplo o de litio en Beade. O litio é necesario para as baterías deses coches eléctricos que os gobernos europeos tanto promoven polo ben do medio ambiente. Tamén oponse á extracción de volframio -que parece que volve ser importante-, do cobre das minas de Touro e O Pino, ou das terras raras que encóntranse na Serra do Galiñeiro, entre Vigo e Gondomar. Iso por non falar das minas de ouro. E Balbino, seguindo coa súa teima, pregúntase: que problema hai en que obteñamos os recursos que precisamos para o noso desenrolo adoptando en todo momento as medidas máis esixentes de protección da contorna e de seguridade dos equipos de traballo?
Estes mesmos grupos que se opón á recuperación das minas rexeitan á instalación de parques eólicos, de centrais nucleares ou de centrais hidroeléctricas, mais non están en contra da corrente eléctrica. Como se supón que imos obtela sen centros produtores da mesma? Seica pretenden que outros apanden coas molestias que causan estas instalacións para que nós gocemos da electricidade que necesitamos? O mesmo podemos dicir das protestas contra certas industrias que din que son contaminantes, mesmo cando os informes técnicos sinalan o contrario. Onde se supón que ten que traballar a xente? Arando a terra con arados romanos? Isto é o que algúns entenden por "progreso"?
Pero o certo é que as cousas non mudaron tanto nos últimos corenta anos. Moitos inda lembramos aquelas protestas contra a construción da Autopista do Atlántico, que os mesmos que agora non queren nin oír falar de minería cualificaban como "unha navallada na cara de Galiza". Pois ben, sen esa "navallada" aínda transitariamos por corredoiras, sufrindo innumerables accidentes e tardando un día enteiro en viaxar dende A Coruña ata Vigo. Por favor, non fagamos que a Historia se repita se non queremos perder o tren do progreso. Do progreso de verdade, non dese que algúns chaman dese xeito para referirse a non facer nada.

Curros Neira, Jesús
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora