Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A Poesía de Avelino Díaz en 'Debezos' (Íntimas) (12)

Otero Canto, Xosé - viernes, 11 de abril de 2025
Canzón A Noiva Ideal

MÉTRICA
Volvemos estar diante dun poema de seis estrofas, cada estrofa ten catro versos que fan un montante total de 24 versos, todos eles con rima consonante, octosílabos oxítonos e paroxítonos, compoñendo seis redondillas das que xa comentamos noutros poemas de Avelino e que outra vez máis a acentuación final da rima é a que divide o poema en partes ben diferenciadas:
A Poesía de Avelino Díaz en 'Debezos' (Íntimas) (12)

A primeira das redondillas ten rima oxítona toda ela e a segunda ten rima paroxítona; as dúas forman a primeira parte da composición con catro versos seguidos coa mesma rima. O feito de ser oxítona a primeira estrofa permítenos computar os versos en 7+1 = 8 sílabas (abba); a segunda redondilla ten 8 sílabas paroxítonas en todos os versos (cddc).
A segunda parte do poema compóñena as catro seguintes redondillas, todas elas seguindo o mesmo esquema no que os versos primeiro e último de cada unha delas son oxítonos e o segundo e terceiro son paroxítonos. En conclusión diremos que, outra vez máis, Avelino utiliza a rima como columna vertebral dos poemas onde os aneis desa columna que forman o pescozo da composición son menos movíbeis por así dicilo, son máis ríxidos e logo nas zonas máis lumbares e sacras da composición van alternando e mesturando a rima oxítona coa paroxítona.

CONTIDO
Tanto a métrica como o contido coinciden no verso número 9 co que finaliza un tipo de rima e comeza outro, estando ademais remarcado polas palabras "sono loumiñador" que vén sendo o marco que segrega a finca da composición, marcando a fin da primeira parte e o comezo da segunda.
Neste poema hai un predominio de contidos en indicativo e para actualizalos emprega o presente, que é o tempo do agora.

As calidades dos contidos están referidas ao amado e a amada:
A Poesía de Avelino Díaz en 'Debezos' (Íntimas) (12)

Que deseñan os campos semánticos seguintes referidos á amada (noiva) e o amante:

AMADA
Valor: tesouro (3), xoias (8)
Potestade: raíña (7), maxestade (10)
Temperanza: doce ben (1), feiticeira (5), serenidade (16), tepedez (23)

AMANTE
Sono: sono loumiñador (9), arrola (22), dórmese o meu corazón (24)
Estado de felicidade: felicidade (10), dita (14), ditoso vivir (17), groria (20)

PRIMEIRA PARTE
Correspóndese coas dúas primeiras redondillas. Unha con acento oxítono, a primeira e outra con acento paroxítono, a segunda.
Cabo de ti, doce ben, ---------- 7+1 Sílabas
os meus dores esquencín; ------ 7+1 Sílabas
ti es un tesouro par min -------- 7+1 Sílabas
que o mundo mellor non ten ---- 7+1 Sílabas

Nesta primeira estrofa o autor fai adobío da xuntanza dos amantes, do noivo e da noiva; sendo esta última un "tesouro" que esquece as dores "amorosas", suponse, do amante namorado, que na procura da noiva como un ben que "o mundo mellor non ten", actuando tamén coa metáfora de "tesouro" ou ben prezado polo común dos mortais e onde o noivo se manifesta como un "escravo".

Escravo dos teus feitizos --- 8 Sílabas
teño de ser dend-agora, --- 8 Sílabas
seias Raíña ou Pastora, ---- 8 Sílabas
teñas xóias ou capizos. ---- 8 Sílabas

O autor móstrasenos como un namorado ao estilo do amor cortés creado na Europa Medieval e que expresaba o amor de forma nobre, sincera e cabaleiresca, que orixinou unha poesía lírica en lingua occitana onde o trobador, que era un poeta provenzal nobre, establecía entre o cabaleiro e a dama unha relación de vasalaxe -coma nas catigas de amor galaico-portuguesas- que se observa no primeiro verso desta redondilla como un resto deste tipo de amor, "Escravo dos teus feitizos", que o noivo é da súa noiva, xa sexa esta de clase alta (Raíña con xoias) ou da clase baixa (Pastora con capizos).

SEGUNDA PARTE
Xa dixemos que a segunda parte está constituída polo que resta de poema, que son catro redondillas que van mesturando co equilibrio da rima os versos oxítonos, (1º e 4º), cos versos paroxítonos, (2º e 3º); amais da rima, esta segunda parte está representada por un "sono loumiñador" no verso 9, que é o que marca un cambio de contidos.

N-un sono loumiñador
topei a felicidade:
diante da túa mexestade
axiónllase o meu amor.

O amor cortés, un tópico literario da Alta Idade Media (1000-1300) e a relación desigual entre un cabaleiro e unha dama de condición social máis elevada que homologa, en forma invertida, a relación de vasalaxe. Esta relación vasalo-dama (noiva) aparece nun "sono loumiñador", é dicir, nun sono afagador e agarimante no que o noivo atopa a felicidade e onde a noiva está representada como unha raíña (maxestade) e o noivo para declararse o seu escravo (vasalo) ten que axeónllarse, partindo así dunha concepción medieval do amor cortés que Avelino, aínda que sexa un autodidacta ten uns grandes coñecementos da literatura e da poética froito das súas abundantes e copiosas lecturas tal e como nos dixo un dos seus fillos.
A partir dese sono loumiñador feliz sucédense outras tres redondillas nas que vai analizando os ollos da amada, na primeira delas, pero sempre partindo primeiro dos ollos do noivo e da dita que o embarga cando mira os da noiva.

E teñen os ollos meus
dita que ben lles abonda
cando se miran na fonda
serenidade dos teus.

Na quinta redondilla prosegue pola boca da noiva, pero sempre partindo do noivo ou galán sempre afeito ás ledicias e, como non, tamén afeito a observar a gloria do seu sorriso.

N-este ditoso vivir
fun ás ledicias afeito
i-enchín a alma e o peito
da groria do teu sorrir.

Estamos noutro tópico literario chamado "descriptio puellae" ou descrición da amada, que consiste en facer unha enumeración gradual da faciana, habitualmente en orde descendente das características dunha doncela que se dota de trazos idealizados. Este tópico é moi antigo porque xa está presente na Biblia, concretamente no Cantar dos Cantares e especialmente explotado na literatura medieval, despois na renacentista e continuando no Barroco en poetas como Góngora ou Lope de Vega entre outros autores. Son famosos os sonetos renacentistas de Garcilaso de la Vega, concretamente o soneto XIII e o soneto XXIII que comeza "En tanto que de rosa y azucena", mais tamén no Barroco Góngora fixo famoso o soneto XXXI "Mientras por competir con tu cabello".
Avelino, a partir de "sono loumiñador" no que atopou a felicidade vai abranguendo tamén a faciana da amada empezando polos ollos, seguindo pola boca (sorriso) e agora rematando polo colo da noiva, que pode entenderse como un dos lugares da face polo que os poetas renacentistas e barrocos seguen unha orde cando falan da amada (cabelo, fronte, ollos, labios e colo) e que Avelino reduce a ollos, labios e colo, mais o "colo" non está soamente referido a aquela parte do corpo que une a cabeza ao tronco e do que falan os autores clásicos porque en Avelino increméntase este significado do "colo" como "regazo" tépedo onde se arrolan os nenos porque tamén é lugar onde dorme cheo de felicidade o noivo diante dunha noiva totalmente idealizada.

I-é tan doce esta afeizón
que, cando n-ela me arrolo,
na tepedez do teu colo
dórmese o meu corazón.

NOTAS:
GALMÉS DE FUENTES, Álvaro (1996).- El amor cortés en la lírica árabe y en la lírica provenzal. Ed. Cátedra. Madrid.
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES