Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A causa militar contra Plácido Castro

Ríos, Xulio - lunes, 07 de abril de 2025
As dilixencias previas instruidas contra Plácido Castro pola autoridade militar en agosto de 1939, "Año de la Victoria", revelan algúns aspectos de interese a propósito da caracterización desta "persona de marcada significación izquierdista". Igualmente, é sintomático dos tópicos daquel tempo e da represión exercida contra a militancia democrática.

No expediente instruido a instancias dunha denuncia con identidade certificada como falsa pero suficiente para poñer en marcha o procedemento, consta o parecer emitido pola Guardia Civil de que xa constaba que no verán de 1937, Plácido residía en "Mugía", onde dez meses antes fora acollido polo seu primo, o médico Alejandro Abella Lema, de Izquierda Republicana. Plácido, "conocido y destacado elemento galleguista y activo militante y propagandista del funesto y fenecido Frente Popular", era obxecto de vixilancia, sen observar "nada anormal... en la conducta política y social, pública ni privada", disimulando "adhesión a nuestras armas... y a nuestra Santa Causa", o cal consideraba que "no es fácilmente creíble en un hombre de la edad, compromisos políticos, ciertos vuelos intelectuales, fanatización de sus ideas autonomistas, vieja y destacada actuación política en el campo galleguista...".

Desmente este informe, non obstante, que tivera participación nun "asalto" ao Goberno Civil da Coruña en febreiro de 1936, se ben recoñece que a residencia en Muxía obedece ao temor a ser recoñecido e acusado pola súa militancia política. Aínda así, ese acollemento non tiña "finalidad política ni bastarda intención", senón que era expresión de "puro afecto de familia", xa que o pai de Plácido estaba "huído en Montevideo y su madre y hermana, todos de opulenta posición económica, residiendo en Portugal desde hace varios años".

Noutra dilixencia de seguemento da súa "conducta y género de vida en relación con sus ideas izquierdistas y galleguistas", constátase que "se supone sigue siendo desafecto", sin "que hubiera hecho ninguna aportación personal, contribuido a ninguna suscripción ni asistido a ninguna manifestación patriótica", resultando "un tanto sospechoso" e aconsellando "se le vigile discretamente". Pese a todo, outra dilixencia posterior destaca que na Coruña "no existe nada pendiente contra el mismo".

A presenza no Goberno Civil, un argumento determinante do seu rumbo procesal, foi motivo dunha dilixencia especial a partir do contraste dunha información recollida por El Ideal Gallego, que relata a comparecencia no organismo, entre outros, de Plácido Castro, para averiguar certos extremos relativos aos comicios en vilas como Arzúa, Carballo, ou "Órdenes". Na información sinálase que lle foi esixido ao Gobernador a designación de delegados gubernativos, instituíndose un comité con autoridade no que Plácido representaría aos galeguistas.

Na declaración de Plácido Castro, efectuada nunha comparecencia voluntaria a 30 de agosto de 1939 ante o "Juzgado Instructor Provincial de Responsabilidades Políticas", manifesta que, en efecto, estivo no Goberno Civil en febreiro de 1936 para enterarse da marcha das eleccións sen tomar parte en asalto ningún e que se aceptou o acollemento en Muxía foi polo temor a verse detido novamente como xa o fora en agosto de 1936 no Cuartel da Falange da Coruña (as vicisitudes desta detención contámolas aquí: https://www.galiciadigital.com/opinion/opinion.14145.php). Di tamén que en Muxía levaba unha vida normal e non como "refugiado" como o demostraba a participación pública en obras benéficas (un comedor infantil) que acredita con recibos. Asegura igualmente que tralo golpe do 18 de xullo de 1936 permaneceu na súa casa da Coruña sen participar en actividade algunha. E se ben foi detido, foi posto en liberdade, sobrevivindo agora cunha pensión familiar de "cuatrocientas pesetas".

Un oficio do Comisario de Investigación e Vixilancia da Coruña dirixido ao xuíz militar complementa as súas indicacións respecto á militancia democrática sinalando favorablemente que "se mostró siempre enemigo de violencia, respetuoso con la religión y principios de Autoridad".

Outro informe da Guardia Civil de 16 de outubro de 1939 sinala que se tratata dun "elemento destacadísimo en el Partido Galleguista", persoa relevante que tomaba parte en viaxes e mitins de propaganda, e insiste en que participou na acción de facerse cargo do Goberno Civil da Coruña "en unión de un tal Maseda -fusilado-, Miñones y otros", abundando en deslices de natureza privada, "amancebado con varias individuas de baja estofa... que las visita de noche en sus domicilios"...

O informe final constata a súa militancia política, destacando tamén a súa participación como compromisario nas eleccións ao Presidente da República ao tempo que sinala que non tomou parte en actos de resistencia ao exército. Descarta por iso a existencia de responsabilidade criminal e ordéase o arquivo, o cal deriva que lle serán esixidas na súa dimensión política co resultado que xa coñecemos: quince anos de inhabilitación absoluta, oito anos e un día de desterro a máis de 100 km de Muxía e 25000 pesetas de multa. De ter proseguido o procedemento militar, o fallo, con certeza, sería doutro calibre.
Ríos, Xulio
Ríos, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES