Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Señor, esta Semana Santa vou contigo, así sexa ao Monte Calvario! (11)

Gómez Vilabella, Xosé M. - viernes, 18 de abril de 2025
Os discípulos non poden comparti-los criterios do mundo. Xesús segregaos da maldade,
e transmítelle-los seus criterios. Por tanto, se seguen fielmente as orientacións
do Mestre, non poden menos que ser perseguidos, como el o foi.


¡Que me importa ser perseguido,
esquecido,
odiado incluso,
se estou da parte boa,
da túa,
da certa,
da verdadeira!
O que preciso son ánimos,
ánimos para no decaer,
e cos ánimos a vara de San Xosé,
para terme en pé!
-.-

“Quen me aborrece a min,
aborrece tamén a meu Pai.
Se non fixese entre eles as obras
que ningún outro fixo,
non terían pecado;
mais agora víronas,
e aborrecéronme a min e a meu Pai;
de xeito que se cumpra a palabra
que está escrita na súa Lei:
Aborrecéronme sen razón”.

O senso destes versículos é que, facendo Xesús as obras que fixo, non teñen desculpa aqueles que non o recoñeceron. Por outra parte, ao non recoñecer a Cristo naquel Xesús que facía aquelas obras, equivale a non recoñecer ao Pai.

¿Aborrecer a Deus?
Iso é o colmo
da maldade;
e coa maldade, a estupidez!
Fai falta ser imbécil
para preferir o pecado
á graza de Deus;
pero a realidade é esta:
¡Vimos tan malvados,
tan mal aconsellados,
do maligno,
que pasamos á preparación
coresmal
en carnaval, divertíndonos!
-.-

“Díxenvos estas cousas
en comparanzas.
Vai chega-la hora en que xa non vos falarei
nelas,
senón que vos falarei do Pai abertamente.
Naquel día pediredes no meu nome.
E non vos digo que
rogarei por vós ao Pai,
xa que o propio Pai vos ama,
pois vós amástesme a min,
e crestes que eu saín de Deus.
Saín do Pai e vin ao mundo;
de novo deixo o mundo
e vou onda o Pai”.
...

“Díxenvos estas cousas
para que teñades paz grazas a min.
No mundo haberedes ter apertos,
pero tede ánimo.
Eu vencín ao mundo”.
...

¡E tanto que o venciches,
Señor;
agora, co teu ensino,
tócame a min
vencerme a min mesmo;
si,
vencerme a min mesmo,
Señor;
vencer a miña maldade
para seguir ás túas leccións,
exemplares!
-.-

“Logo,
erguendo os ollos
ao Ceo, dixo:
Pai, chegou a hora:
Glorifica ao teu Fillo
de xeito que o Fillo te glorifique a Ti;
conforme lle deches poder
sobre todo home,
para que dea vida eterna
aos que ti lle deches”.

A chegada da hora marca o momento máis importante da existencia terrea
do Fillo de Deus. ¡Xa estamos en presencia da Redención!


Santísima Trindade,
aquí me poño de xeonllos:
Humíllame,
Deus,
para que poda ser enxalzado
na túa presenza!
-.-

“En dicindo isto,
saíu cos seus discípulos
para a outra banda do regueiro Cedrón,
onde había unha horta,
na que entrou el e mailos seus discípulos.
Tamén Xudas,
o que o había entregar,
coñecía aquela horta,
pois en moitas ocasións estivera alí Xesús
cos seus discípulos”

Señor,
eu tamén teño unha horta,
cunha oliveira por min plantada;
non para que dea olivas
a seiscentos de altitude,
senón
para que os meus netos
utilicen as súas ramas no teu,
triunfal,
Domingo de Ramos.

Cerquiña da oliva
as miñas cinsas repousarán;
aínda que só sexa simbolicamente,
déixame, así, participar
da túa Paixón
mortal.

“Xudas,
que levaba a patrulla e a garda
dos sumos pontífices e dos fariseos,
chegou alí con farois, fachos e armas.
Entón Xesús,
sabendo todo o que lle viña enriba,
adiantouse e preguntoulles:
-¿A quen buscades?”

Xoán, recollendo palabras de Xesús, dinos que a salvación vénnos polo coñecemento
de Deus, un coñecemento que non só é intelectual, senón toda unha comunidade
de vida con Deus. Esta vida eterna, para Xoán, comeza aquí abaixo, pois aquí
xa son salvados os que honran a Deus crendo en Xesús Cristo.


Hai dúas formas de buscar:
para ben e para mal;
como tamén hai bicos traidores...
Ben ofuscado tiña que estar
Xudas
para atreverse á súa traizón.
¿Xudas, soamente Xudas?
¿E logo, o resto dos pecadores,
que viñemos facendo
ao longo da vida,
en tantas ocasións?
¡Pois o mesmo, ou parecido:
Traizoar a quen foi crucificado
por nós,
nunha paixón voluntariamente aceptada;
¡si, por e para nós!
Morreu para resucitar,
para abrirnos a porta da
Salvación!
-.-
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES