Opinión en Galicia
Señor, esta Semana Santa vou contigo, así sexa ao Monte Calvario! (10)
Gómez Vilabella, Xosé M. - martes, 15 de abril de 2025
O Paráclito, ou Paracleto, que aquí se chama Espírito Santo, ten, tamén, a misión
de confirmar aos discípulos de Xesús, iluminando a súa mente para que comprendan
o mundo da verdade e dean testemuño da Verdade, da verdade absoluta.

¡Mira que nolo deixou dito,
dito e repetido,
pero somos así de cacholáns;
cústanos crer
na Santísima Trindade,
"Tres persoas distintas nun só Deus",
ese dogma de fe
que se nos aclarará cando subamos
e vexamos
cos ollos da gracia celestial!
No ínterim,
fe,
que pouca fai falta
cos milagres
que Xesús deixou feitos,
propios de Deus,
do Deus auténtico,
aquí mesmo,
na terra!
Pero xa non está...
¿Como que non está?
¿E logo, non fuches comungar?
-.-
"Déixovo-la paz,
dóuvo-lo a miña paz:
Eu non a dou como o mundo a dá.
Non vos agoniedes, nin teñades medo.
Oístes que vos dixen
"voume, e logo volvo onda vós".
Se me amásedes alegrariádesvos
de que eu vai onda o Pai,
xa que o Pai é máis cá min".
Xesús é o "príncipe da paz", e por iso nos deixa a paz. Con todo, unha paz distinta
da que promete o mundo: Xesús non nos evita as tribulacións, pero ao final participaremos
da vitoria de Cristo sobre o espírito mundano: a paz de Cristo refírese á salvación. Esta afirmación
"o Pai é máis cá min" haina que entender no seu senso, de distinta misión entre o mandado
e o que manda, aquel que o mandou para redimir, para perdoarlle á Humanidade.
¡A paz de Cristo
é a Salvación...!
Daquela, ¿que máis queremos
se nesa paz xa o temos todo,
todo o importante?
¡Catro tribulacións neste mundo,
catro,
catro ou cinco,
pero iso non é nada
agora que temos asegurada
a redención,
agora que Cristo
padeceu e morreu pola nosa
Salvación.
Morreu, pero, resucitou,
abríndonos
coas súas chagas
a eterna
Liberación
-.-
¡Este calvario de vida...!,
adoitamos dicir
cando nos cansamos de leva-la cruz,
a pequeniña,
a das nosas dores.
¡Pois vaia que somos egoístas:
Co pecado que traemos enriba
e só temos,
de cando en vez,
algunha penuria, algún malestar!
Daquela,
ofrezámoslle a Deus,
como penitencia,
estas cruces merecidas,
que El,
a cambio,
vainos levar ao Ceo sen purgar.
¡Se fose cousa de homes...
quen o podería pagar!
-.-
Señor,
cámbiame a covardía de Pedro
pola afouteza da Verónica;
¡e logo din que as mulleres
non están chamadas
ao presbiterio!
Señor,
a falta de lenzo,
que non se me borre o teu retrato
do meu cerebro,
así,
cando a inconsciencia me pida pecar,
a conciencia
levarame ao Calvario,
que será o meu espertar!
-.-
Oístes que vos dixen
voume e logo volvo onda vós.
Se me amásedes,
alegrariádesvos de que eu vaia onda o Pai
Esta afirmación,
Señor,
nunca a repetiremos abondo.
¿Se me amásedes?
Algo, si,
pero menos do que mereces,
do que fixeches por nós.
Nestas pasividades,
Señor,
danos calor espiritual
para zafarnos desta friaxe
tan...,
¡terei que dicilo:
animal!
-.-
Se alguén non permanece en min,
é coma os ramos arrincados fóra,
que secan;
apáñanos, bótanos no lume e arden.
Se permanecedes en min
e as miñas palabras permanecen en vós,
pedide o que queirades,
e hásevos facer.
Nisto é glorificado meu Pai:
en que levedes froito abondoso
e vos mostredes como
discípulos meus.
Señor,
no que a min atinxe,
por pedir non vai quedar;
distinto tema será
o de merecer!
Iso:
¿Que teño que facer
para a Túa gracia divina
acadar?
¡Ben llelo dixeches aos teus apóstolos,
que deles son herdeiro,
herdeiro e alumno tamén:
outra cousa será
que me entre na chencha,
tan ofuscado que estou
coas tentacións
mundanas,
malas e perversas!
-.-
"Se o mundo vos aborrece,
sabede que me aborreceu a min
antes que a vós.
Se fósedes do mundo,
o mundo amaríavos como cousa propia:
pero,
como eu vos escollín do mundo,
por iso o mundo vos aborrece.
Lembrádevos da palabra
que vos dixen:
Non hai servo maior có seu señor;
se a min me perseguiron,
hanvos perseguir tamén a vós".

Gómez Vilabella, Xosé M.
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora