A imaxe sobre da luz
Basanta Martínez, Xesús (Xesús do Breogán) - jueves, 24 de abril de 2025
No ano 1972, facendo o servizo militar obrigatorio, fun destinado do campamento de Parga (Lugo), ao cuartel de Capitanía Xeneral de A Coruña en 1973.
Alí coñecín soldados compañeiros das catro provincias galegas, facéndome moi amigo sobre todo de dous, un da provincia de Ourense e outro da provincia de Lugo.
Unha madrugada, tocoume de facer o servizo de imaxinara, un servizo sinxelo sen armas, só é vixiar aos soldados mentres dormen por se lles vai mal ou se hai algún problema na compañía.
O servizo que me tocou de imaxinaria era de dúas a catro da madrugada, e como digo, que non era un servizo de armas podiamos escribir, ler, comer, etc. Eu acordeime das lendas que coñecía e decidín facer un poema dedicado ás lendas que máis tarde musiquei.
Ao día seguinte, ensineille o poema ao meu amigo de Ourense, que por certo, chamábase igual ca min.
O home sorprendido ao ler o poema de lendas, contoume unha que nun principio non lle din nada de importancia.
Contoume que cando seu pai fixo o servizo militar coma nós, unha noite estando todos durmindo, o pai espertou de súpeto e viu un gran resplandor de luz que cegaba e no centro mesmo desa luz, víase perfectamente descrito o rostro dun curmán seu, que por certo, tamén estaba facendo o servizo militar noutro cuartel.
O curioso foi, que ao día seguinte, infórmanlle ao pai do meu amigo, que o seu curmán había morto a noite anterior, xusto na hora en que el viu o resplandor de luz co seu rostro no centro.
Como dixen anteriormente, eu non lle din nada de importancia a esa lenda ou anécdota, pero mira ti por onde, anos máis tarde coñecín a unha señora maior ca min, a cal me contou un día unha anécdota semellante.
Dicíame a señora, que unha noite en que ela se ía para a cama, xusto cando ía subir as escaleiras que daban ao cuartos, observou no medio das escaleiras un forte resplandor de luz, e no centro dese resplandor, describíase perfectamente o rostro dun sobriño dela.
Curioso foi, que ao día seguinte, ese sobriño afogou na praia dos Fondás no barrio de Mañente da parroquia de Vilaronte en Foz.
Compre destacar, que esa muller nunca me escoitou a min nada do que o meu amigo de Ourense me contou, ou sexa, da anécdota de seu pai, porque como xa dixen anteriormente, eu nunca lle din importancia a tal lenda, pero ao escoitarlla a esa señora de Vilaronte, véuseme á mente a do meu amigo ourensán, e comecei a darlle valor, por certo, só valor cultural, quero dicir.
BASEADO EN DOUS CASOS REAIS.

Basanta Martínez, Xesús (Xesús do Breogán)