A fonte cega
Basanta Martínez, Xesús (Xesús do Breogán) - jueves, 17 de abril de 2025
Curioso nome para unha fonte, pero estamos a falar dunha fonte que ametea auga das propias entrañas da terra.
No Concello de Foz existen moitísimas fontes deste tipo, e moitas delas estaban en total estado de abandono des que temos auga nas casas. Aquelas penurias de ir cun caldeiro de auga á fonte para todo, cociñar, beber, lavar a roupa, etc. Incluso moitas destas fontes estaban lonxe de algunhas casas que se vían obrigados a ter pozo, cavar ata vinte ou trinta metros buscando auga baixo terra.
A Fonte Cega que así se chamaba, era unha fonte que había en Fazouro, moi preto do barrio do Eixo. E en Fazouro había máis fontes dos que podemos dar algúns nomes: Fonte da Pasada, Fonte de Fernandete, Fonte de Lázaro, Fonte de San Campio, Fonte de Vilarmea, Todas elas restauradas e recuperadas en tempos do alcalde José María García Rivera, aínda que esta fonte da que trato hoxe, Fonte Cega, era para min totalmente descoñecida e segundo os veciños esta fonte quedou soterrada baixo terra por mor dun desprendemento de terreo.
Indiscutiblemente que tódolos nomes, topónimos e hidrónimos proceden de algunha razón e este nome de Fonte Cega ten unha razón de chamarse así e unha razón con toda a súa lóxica.
Conta a lenda, que cando os veciños ían buscar auga a esta fonte, nalgunhas ocasións adoitaba aparecérselles unha muller cega, dita muller pedíalle auga a ese veciño ou veciña, e cóntase que se lle negabas a auga, botábache a maldición: "Se auga non me das, coma min te verás". Logo despois desaparecía.
Pode ser que tódolos veciños lle deran sempre auga a esta muller, ou ben a súa maldición nunca fixo efecto, pois en Fazouro nunca se chegou a coñecer a ningún veciño nativo cego.

Basanta Martínez, Xesús (Xesús do Breogán)
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora