Pilar Díaz Rábade foi unha muller nada en Trobo (Begonte). Filla de José Díaz e Antonia Rábade. Seu pai, legoeiro de profesión, que logo despois foi destinado a Fazouro (Foz), onde Pilar casou con Ramón Martínez e en Fazouro viviu ata a súa morte en 1982.
Pilar foi desde moi nena gran amante da cociña e por certo, esa afección aos fogóns levouna coa idade de 14 anos a mercar

o primeiro libro de cociña do gran gastrónomo galego Manuel María de Puga y Parga (Picadillo), publicado en 1905 titulado "La cocina práctica".
Manuel María de Puga y Parga, foi alcalde de A Coruña nun par de ocasións, primeira en 1914 que so foi alcalde dous meses, pero logo despois, en 1917, volve a ser elixido.
Este gran gastrónomo, chegou a pesar 270 quilos e a súa afección aos xantares, levárono a escribir varios libros sobre do mundo da cociña. "La cocina práctica", foi prologado por Emilia Pardo Bazán. Outro dos seus grandes libros, foi "A cociña práctica galega y recetas para la cuaresma" (escribo literalmente).
Como antes dixen, Pilar fíxose unha gran afeccionada á cociña, sobre todo á cociña galega e aínda que nunca traballou como tal para terceiros, si chegou a facelo en casas particulares debido a certas necesidades, que agora explico.
Naquela época, cando algunha persoa morría, era obriga da familia do finado a darlle o xantar aos curas contratados para o enterro. Estes tipos de enterros non eran como hoxe en día que vai un cura e punto, non, daquela, o enterro máis humilde ou máis pobre, adoitaba a levar un mínimo de oito ou dez curas e cando o defunto era de familia de avoengo, ían de dez curas para arriba ata o punto, que moitos curas se apuntaban sen ser chamados.
Rematado o enterro, tódolos curas eran convidados na casa dos familiares do defunto para comer e beber e nestes casos, as familias sempre trataban de dar o mellor de si e á parte de alimentos de calidade, que mellor que ter unha boa cociñeira de man, se non a había na casa, íase buscar, e claro está, neste último caso, a quen lle tocaba era a Pilar.
Temos que engadir, que Pilar non so facía de cociñeira, se non tamén, era a que ía levar as tarteiras e potas á mesa dos señores sacerdotes, axudarlles a servir, cambiarlles os pratos, etc. como unha camareira profesional.
Foron tantas as veces que Pilar fixo este traballo, que xa era máis que coñecida polos curas, ata tal punto, que cando sabían que a cociñeira era Pilar, xa de principio se frotaban as mans e ata o punto, que colleron tanta confianza con ela, que non se privaban de falar de nada diante dela, e grazas a esa confianza dos sacerdotes, Pilar acabou facéndose atea.
Pois así é, que ao non reprimirse os cregos diante dela, Pilar observaba que a súa favorita conversación durante o xantar, era comentar entre eles os segredos de confesión e sobre todo, como o cura confesor, levaba pouco á pouco á freguesa a que lle contara todo o relacionado co sexo e de como lle facía o noivo, marido ou outros homes. Pilar sempre comentaba, que os curas eran verdes comas xestas nas súas conversas e que para ela a igrexa deixou de existir e por suposto, moito menos ir a confesar algo que se supón que é segredo de confesión.