Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Veciñanza homenaxeando aos seus

Sampedro, Pilar - jueves, 10 de abril de 2025
A Plataforma Galeras homenaxeou a Díaz Pardo como veciño en 2020. Fíxoo a nivel particular, varios veciños achegaron os seus recoñecementos a nivel persoal, pero tamén o fixeron os bares, cafés e restaurantes que apoiaron a proposta de "Unha tapa para Isaac". Cada un fíxoo á súa maneira un bar comentou que á tortilla de sempre lle puxera cebola porque sabía que lle gustaba así, un restaurante cociñou a cabra ao modo santiagués porque algunha vez pasara por alí a comela, algunha cafetería engadiu algo saboroso pois sabía que era larpeiro... e así pasamos unha semana indo dun a outro lembrando a Isaac.

Pasado o tempo, este ano no que se lle dedica o Día das Artes Galegas, a Plataforma Galeras volve poñer en pé a iniciativa á que agarda que se sumen máis establecementos. Estes terán un carteliño no escaparate e un sinal que anuncie que hai tapa lembrando ao máis ilustre dos veciños. Volveremos aos sabores e ao comercio local, aos espazos nos que a cidadanía se detén para tomar alento e nos que os encontros se converten en convivencia.

Os outros locais que o desexen, poderán colocar o mesmo cartel cun adhesivo (no que se mostra a participación da Plataforma) e algunha peza de Sargadelos que lembre o papel deste artista. Un artista que decidiu abandonar a arte maior para centrarse na cerámica, primeiro do Castro, logo da Magdalena (en Arxentina) e posteriormente en Sargadelos. Quixo chegar a máis mans, a máis fogares, e por iso vai permanecer (a pesar de quen o botou da empresa e da casa que era o IGI, para tomar as rendas dun negocio que perdeu a alma aínda que conserve as formas).

Con Díaz Pardo homenaxeamos ao mellor que coñecemos como marca de identidade do país. Farémolo co comercio e restauración da zona e na Casa das Máquinas ese emblema do barrio. Aí, contaremos coa conferencia da historiadora da arte Mercedes Rozas ("Os referentes artísticos de Díaz Pardo"), cunha exposición na que participan as casas particulares mostrando pezas desa cerámica que mostrou a nosa identidade ao mundo, e igual algunha outra inicativa... porque todo nos parece pouco para Díaz Pardo.

Sabemos que outras asociacións e institucións o lembrarán tamén. O Ateneo de Santiago farao cunha conferencia do presidente da Real Academia de Belas Artes, Quintana Martelo, despois de ter realizado no 2020 unha gran exposición en Fonseca comisariada por Xosé Ramón Fandiño e colocarlle o seu nome á Sala de Xuntas da súa sede na que unha foto situada sobre o que podería ser a cheminea o lembra.

O Museo do Pobo Galego, do que foi presidente do Padroado contará cunha exposición e un ciclo de conferencias que percorrerán a súa experiencia vital, as súas reflexións e actuacións a respecto do Museo, as publicacións de Ediciós do Castro relacionadas coa Memoria Histórica e o Novo Seminario de Estudos Galegos...

O Teatro Principal converterase no centro do que irradie a súa lembranza pois aí realizarase o acto central do Día das Artes Galegas. Se a catedral ten os pés nas raíces da terra debería botar a voar as campás porque ata a eles os agasallou cun cáliz para o papa. Así de xeneroso era o noso veciño...

Veciñanza homenaxeando aos seus Un orfebre fai xoias cos anacos da louza de Sargadelos, faino seguindo un modelo que vén de Oriente. A nós dános o mesmo de onde veña. Gustaríanos recompoñer o seu legado como fai este artesán cos pratos.

O derradeiro día sobre a terra deixará os anacos desa porcelana primorosa, como a princesa de Rubén Darío. Nese acto de despedida, igual non nos importaba rachar toda esa louza lanzándoa a modo de pedra, coma unha arma cargada de pasado, do que puidemos ser. Do que puidemos ser e non fomos porque, entre nós, sempre aparecen seres inmundos que converten o tesouro do espírito no ouro de Midas. Ese ouro que non van poder levar na caixa e moito menos na cinza en que o van transformar. Que ben o explicou a Biblia: anxos e demos, uns moi anxos, outros moi demos e no medio aqueles e aquelas nas que se alterna o yin e o yan, convivindo na incapacidade da perfección. Como a brancura dun prato do Castro, como a vaixela portomarínica que Io Morales trasladou ao xersei máis fermoso do Noroeste.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES