Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

De cando no 2020 se homenaxeou a Isaac Díaz Pardo

Sampedro, Pilar - jueves, 03 de abril de 2025
Daquela, un dos recoñecemento máis emotivos (tal vez por inesperado) foi o da Plataforma Galeras, unha asociación da veciñanza do barrio onde nacera Isaac facía cen anos.

Houbo participación, a nivel individual, a través do blog 'Unha manda de pezas para Isaac' na que se foron achegando textos e fotos, maioritariamente de pezas de Sargadelos que había en cada casa e o que significaban para as persoas que día a día as miraban porque formaban parte da historia de seu fogar.

Había unha moi fermosa dunha muller marabillosa que comía na vaixela que lle agasallaron pola voda; ela falaba da ilusión que representaba lembrando aquel día e de como co paso dos anos se desamorearon as expectativas por unha separación. A vaixela representaba todo iso: o branco e o negro, o que se agardaba e o que foi... contiña as esperanzas truncadas -nunha compañía que se prometera para sempre- pero eternas nos fillos que chegaron para compartir mesa. Era un texto sentido e emotivo que, a última hora retirou porque non sabía ata onde tiña sentido esa homenaxe íntima pero eu quedei gardando o arrecendo do texto.

Outro era o de Mercedes que o contaba así: "Hai aproximadamente 35 anos agasallei á miña nai con estas tres figuras de muller. Foi un 16 de xullo, Día do Carme, polo seu santo. Estas tres pezas acompañárona ata o seu pasamento, hai tres anos. Despois, por aquelas cousas do destino, volveron comigo. Agora están nun lugar privilexiado da miña casa, xunto aos meus máis prezados recordos." Os nomes destas figuras son Mariña, Teresa e Carmen. Escolléraas porque representaban, dun xeito destacado, a iconografía de Isaac Díaz Pardo, o seu valor como pintor, nunca suficientemente recoñecido. Telas tan preto permíteme acordarme de Carmucha (a miña nai) e de Isaac (o meu amigo) herdou as tres figuras de mulleres desnudas coas que agasallou a súa nai, cando esta morreu. Alí as tiña, no lugar dos seus recordos máis queridos.

Encarna achegaba dúas fotos de pezas, unha para falar da lectura partillada que sempre formou parte de Sargadelos e a outra a modo de pequeno altar coa parella, a redeira, o mariñeiro e o gaiteiro, o logo do Museo do Pobo Galego a modo de amuleto, a caracola, a pacífica pomba e a vaca símbolo do país con esa mansedume tan galega.

Ao lado dunha foto tan cariñosa que podería representar a tenrura, Carmen, veciña case porta con porta de Isaac, achega un texto manuscrito do que entresaco: "Este home de imaxe fráxil, da que saía fortaleza para emprender e comprometerse traballando activamente, pero tamén esa capacidade terapéutica de perdoar para sobrevivir... Mostrándosenos un home humilde, discreto, xeneroso, comprometido e traballando de cote...". E lembra outra iniciativa que compartimos "Con esta traxectoria vital, artística, empresarial e de servizo ao país, expúlsaselle da súa creación e da súa casa... Ante esta tropelía, máis de novecentas persoas de diferentes ámbitos, a principios de decembro do 2007 (como recolleron algúns medios de comunicación neste momento) dirixímonos ás mentes empresariais e intelectuais galegas co escrito "Se calamos seremos cómplices" clamando ante a inxustiza que se estaba levando a cabo con Isaac e coa memoria cultural de Galicia...". Os puntos suspensivos do texto son nin máis nin menos que os silencios.

Carmen, a que comparte Galeras e Cambados achegou unha foto da vaixela do Castro modelo "vieira" co molusco, unha botella do alvariño 'Vento mareiro' e un texto: "A miña aportación da recita das vieiras no estilo máis natural: Cebola dourada, vieira enriba, pan relado e chorro de albariño. Uns minutos de forno e xa ao prato branco modelo vieira. Sabe máis e mellor!" Sen dúbida!

De cando no 2020 se homenaxeou a Isaac Díaz Pardo Nunha escaleira a modo de podio, Manolo e Ana, entregan a foto dun prato conmemorativo, dous mouchos sabios e un par de pezas do servizo de almorzo, no texto "A personalidade poliédrica e IDP atopou no deseño a súa forma de expresión. Proxectando as formas nas que concretar a materia dos seus soños, converteuse en pioneiro desa nova cultura na que conflúen todas as olladas: a artística, a humanística, a científica, a tecnolóxica...".

Pilar escribiu un poema que non o é, porque cando a dor é moita non queda outra que destilala no alambique das palabras e lembrar o canto do paxariño de san Ero para seguir soñando (e pasmando).
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES