Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Os carballos da Feira do Páramo

viernes, 17 de julio de 2009
Tería que acudir a Frei Luis e afirmar “Diciamos onte”, hai vintecinco anos e catro días, na anterior ocasión na que pronunciei o pregón desta magnífica feira. Porque o feito de ter sido xa pregoeiro, que eu coidaba me ía impedir volver falar neste campo resultou ser a razón principal de que aquí estea de novo.

Desde aquel 1984 pasaron vintecinco anos, que para min foron como un suspiro e que noto no exterior pero non por dentro. Que en lugar da pegada dura dun cuarto de século de loita cotiá, estes anos foron para min como un aza de paxaro ou avelaíña, que ó pasar me rozou vintecinco veces co agarimo dunha raiola de sol invernal que quentase a miña alma.

Xa que o meu mérito é a antigüidade no exercizo da función de pregoeiro, tentando mirar atrás para mellor mirar cara adiante, volvín na mañá do martes a este campo da feira pensando atopalo baleiro, aínda co orballo fresco, silencio de humanos e música de natureza, para empaparme da maxia que teñen as carballeiras. E se ben a feira comezara a instalar xa as súas infraestruturas, aínda puiden percorrer o campo en soidade e comprobar canto camiño se andivo neste cuarto de século.

Fixeime especialmente nos carballos, pois nesta varias veces centenaria carballeira os carballos que nos rodean teñen esencia e vida propia. Cada carballo é un miragre da natureza. E non é casualidade que a feira do Páramo se celebre nunha carballeira.

“Estar coma un carballo”, no falar das nosas xentes é gozar dunha saúde perfecta, ser forte e rexo, ergueito, firme. E mentres ós humanos os anos nos van afectando, reducindo forzas á vez que nos proporcionan experiencias, os carballos medran e fortalécense, e os anos só conseguen ir dándolles máis peso, máis presenza, máis señorío... E os ocos que neles fagan aparecer non son máis que engurras de prestixio para acubillar no seu interior outras vidas, pequenas pero valiosas, mentres as follas, as flores e os froitos seguen acreditando vida plena.

Os carballos poden vivir ata mil anos, polo que poderían presumir de ter sido testemuñas de centos de vidas, de conversas e negociacións, de felicidades e miserias, sempre ó pé da xente, neste campo da Feira.

O paso destes vintecinco anos para os carballos do Páramo, físicamente non significaron case nada, pero se pudieran falar contaríannos a revolución que no Páramo se viviu neste tempo, e do que se pode agardar do futuro.

Moito sabe o carballo por vello, por galego e por árbore. Mentras as árbores de folla perenne consomen máis auga, deixan chegar menos luz á terra e no seu contorno non medra a vida, esta nosa arbore permite o paso da luz entre as súas pólas, polo que á súa beira nacen outras pequenas árbores, arbustos, plantas baixas e herba. E cando no inverno perde a folla, permite que chegue ó chan maior iluminación, co que o solo se enriquece coa putrefacción, e a vida segue dentro da árbore e no seu contorno.

Velaquí a simboloxía desta carballeira que desde hai trinta e dous anos –estamos na edición XXXIII- alberga unha das primeiras e máis importantes feiras de Galicia, permitindo que entre neste campo o progreso, e medren á súa beira milleiros de iniciativas comerciais chamadas a brillar no noso panorama económico e social.

Aínda que a todos nós estes magníficos carballos nos merecen admiración en conxunto, se atendemos ó práctico, antes e sempre o carballo tiña unha madeira perfecta para ser utilizada na construción, na industria, na ebanistería.... Coa madeira de carballo fabricábanse as mellores pipas do viño e bocois... esta madeira era perfecta para construir barcos... hai que lembrar aquela canción popular que fala dunha “Lancha de Marín coa proa de carballo”. E os estaleiros ferroláns botaron ó mar centos de airosas naves durante séculos grazas ós magníficos exemplares que saíron das nosas carballeiras.

Pero no Páramo déuselles ós carballos unha mellor, máis racional e duradeira utilidade, cando hai centos de anos o conxunto do pobo decidiu coa sabedoría que os pobos teñen, que nada mellor ca manter todas as árbores xuntas para que serviran de marco incomparable á mellor feira desta fin do mundo.

Se existise reencarnación, eu pediría reencarnarme nun carballo para vivir apegado á terra nutricia, deixando caer as follas marelas no outono para que no frio inverno ó meu arredor se formase un manto protector no que logo nacesen plantas e outras árbores máis pequenas, e cando chegaran os primeiros soles da primavera botar orgullosas follas e despois pequenas frores das que presumir diante de toda a natureza, e agromar landras no verán para dar alimento ós marráns, e medrar corenta metros para chamar a atención de toda a comarca, e conseguir que todos se fixaran en min, e viñeran buscar a miña casca para facer manciñas, e viñeran restregarse a min coma noutros tempos para librarse de enfermidades, e eu como árbore vivir moitos anos, para ser considerada a árbore máis vella do lugar e que ata min chegaran os turistas a centos, fotografiarse comigo... E cando tivera mil anos ou máis, agardar que viñera un ciclón coma o Klaus para ser noticia mundial porque caera rendida a árbore máis vella do mundo galego.

Pero máis lóxico sería que reencarnado en árbore conseguise ser un carballo normal que formase parte dunha familia normal de carballos, dos que viven en silencio, dos que forman carballeiras, dos que observan e falan en idioma que os humanos normalmente non percibimos. Coma os carballos da Feira do Páramo.

Se eu fose un carballo da Feira do Páramo, e durante estes vintecinco anos que van desde o meu anterior pregón tivese estado nun diario dorme-esperta vendo pasar a vida ó meu arredor, tería tempo de amilagrarme moitas veces polas cousas que neste período teñen pasado.

Tería tempo de cavilar como cambian as cousas, mesmo para os carballos, que hai vintecinco anos eran de propiedade privada, dos veciños da zona, expostos a ser vendidos, esgazados, cortados, parcelado o campo e erguidas barreiras para separar fincas xeitosas. Nestes vintecinco anos teríamos conseguido a independencia dos carballos, pasando a propiedade pública, convertíndonos en conxunto no Campo municipal da feira do Páramo. Parabéns, Gumersindo Rodríguez Liz, Alcalde do Páramo, por esta victoria municipal, comunal e da natureza, que é victoria de todos os parameses e dos que aquí chegamos.

Se eu fose un carballo da feira do Páramo, tería visto reconstruir os pendellos do campo, estas fermosas construcións –monumentos populares- que pasaron de ser venerables ruínas a estruturas comerciais en pedra que gardan memoria de milleiros de transaccións de hai séculos e seguirán por séculos a desempeñar a súa función de albergar comerciantes e compradores para demostrar que a vida segue e a feira é vida.

Se eu fose un carballo da feira do Páramo que tivera estado atento estes vintecinco anos, vería nacer un Polideportivo maxestuoso nunha das miñas beiras, a casa do médico e o centro de saúde, o magnífico Colexio público, e ata unha novísima casa para o Concello que moi axiña vai entrar en funcionamento dándolle ó Páramo unha enerxía e unha prestancia que ten que encher de orgullo a todas as súas xentes. Parabéns, xentes do Páramo, pola revolución silenciosa que vivístedes neste último cuarto de século.

E eu, carballo vivo e sensible, estaría profundamente satisfeito de ter sido –con toda a miña familia- eixo de desenvolvemento do Páramo, e ser o afortunado responsable de que arredor de min, de calquera dos carballos deste campo, se construira a capital do concello, sendo esta carballeira –como sempre o foi pero agora oficialmente- o corazón da comarca que antes foi Condado, o Condado Paramiensis, e agora forma Concello que convirte esta terra en algo irrepetible, único no mundo.

Porque, como non ía estar orgulloso se mesmo o lugar desde onde falan os pregoeiros, o orgulloso palco da festa, nada ten que ver co anterior e agora é unha soberbia plataforma para a palabra e para a música, do mesmo xeito que no campo hai zonas reservadas para os nenos e bancos para todos, especialmente para os que coma min estamos chegando ó tempo xubiloso de dedicarse a facer exactamente, exclusivamente, o que a un lle peta.

Se eu fose un carballo do campo da feira do Páramo estaría hoxe especialmente contento por ter chegado a vivir a trixésimo terceira ocasión destas feiras que agora se celebran, que teñen o encanto popular das de toda a vida pero agora gozan de sona en toda Galicia, son ocasión anual para a ledicia e a riqueza, e converten ó Páramo no centro do mundo do campo galego. Que é moito ser, aínda que só sexa durante uns días ó ano.

Pero eu non son un carballo do voso campo da feira, e non estou seguro que haxa reencarnación polo que tampouco estou seguro de chegar a selo. Pero quérolle ben a estas árbores, e se é verdade que poden pensar eu sei ben como deben pensar; e como para algo o Señor nos deu a cabeciña, ben podemos botarlle imaxinación e chegar a pensar como un carballo. Que os carballos pensan con sentidiño e entenden todo o que pasa ó seu arredor.

Porque se antes non o dixen, digo agora que os carballos son árbores especiais e por algo dan sombra ós mellores campos da festa e acompañan como escolta forestal ós máis coñecidos santuarios galegos. Pero precisan de amigos humanos, como os membros da Asociación de Amigos do Campo da Feira, que preside Manuel Vázquez Castaño desde hai oito anos, para velar polos seus intereses, conseguir que perduren, manterse en pé e gozar de consideración xeral.

E se esta asociación -que tivo a Armando Ibañez López como primeiro Presidente, ou a Constantino López Grandas que era presidente hai vintecinco anos- coidaba atopar o “descanso do guerreiro” cando se cumprían os primeiros vintecinco anos do seu traballo a prol do campo, e foi pregoeiro deste acontecemento o entrañable amigo Jesús Méndez, impulsor permanente dos intereses do Páramo, non vai poder ser.

E non digo que os membros da Asociación de Amigos do Campo da Feira non merezan descansar, pero non o conseguiron nin o conseguirán, que unha carballeira coma a do Páramo, aínda que teña progresado de xeito tan fabuloso no último cuarto de século segue a precisar amigos que a defendan.

Considera Cesar Portela, o prestixioso arquitecto, que “as carballeiras son lugares máxicos e míticos; que unha masa de carballos é como un edificio asentado no chan, co teito de pólas e con paredes formadas polas bandas de luz que lateralmente sinalan os límites do espazo arborizado... é, sobre todo, o aire, o espazo, a atmósfera que estes elementos xeran.”. E engade como elementos toda a gama de cores verdes, douradas e ocres, a luz que se filtra entre as follas, o son do vento e da choiva, o cantar dos paxaros, o silencio e a serenidade, a atmosfera que crea, o gozo dos sentidos e a emoción do que a contempla e a vive.

Pois esta carballeira, ademáis, produce vida. Da vida ó concello e á súa xente. Inflúe en nós e en todos os que por aquí veñen; imprime carácter, e crea progreso.

Os antigos, pola fortaleza do carballo, coidaban que estas árbores almacenaban no seu interior a enerxía dos raios que as tormentas lanzaban desde as alturas. E así cada árbore, como unha “caixa negra” da súa viaxe pola vida, gardaría no seu interior a “pedra do raio”, que viña ser como a pedra filosofal que os alquimistas nunca atoparon.

Vós, os do Páramo, tedes esa pedra filosofal, tedes nos vosos carballos a pedra do raio, e tedes como propiedade colectiva a forza dos raios gardada en cada carballo e en cada persoa. A forza dos carballos que -pensen ou non- tanto levan feito por vós. E tanto levades os do Páramo feito por eles.

Que por moitísimos anos sigades a ter no Páramo as Feiras e festas de primavera. Que dentro doutros vintecinco anos me poidades chamar de novo e eu poida vir, pregoeiro ou non, ser testemuña dos vosos progresos. Que os carballos e as xentes do Páramo sigades a ter no voso interior a forza do raio para seguir brillando nos primeiros lugares dos acontecementos comerciais e sociais de Galicia.
Boa feira e festa para todos.

(Texto do pregón das Feiras e Festas de Primavera 2009 do Páramo-Lugo)

Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania