Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

Rivas Delgado, Antonio - miércoles, 02 de abril de 2025
A auga da Burga de Baños de Molgas

A auga da burga é quente. A auga da burga de Baños de Molgas sae a máis de 49 graos e é boa. A auga da burga da miña vila molguesa vale tanto para o ture como para a brisca. Unha enfermeira, nun periódico, declara que "a auga de As Burgas é un recurso desaproveitado a nivel sanitario". Sei que se refire ás burgas de Ourense. Coma se se dixese o mesmo para a burga de Baños de Molgas. Claro que, a desta, si se aproveitou sempre como recurso sanitario. Mesmo cos animais.
Pingas de Orballo Recordo que, cando se enrellaba unha vaca co arado, levabamos ó animal a meterlle o pé na burga, e a pesar de que había, de que hai unhas escaleiras abondo pinas. E seguindo cos animais; no inverno, cando non podían saír ó monte por causas atmosféricas ou por cousas de laboreo, e como había que darlles de beber, mesturabámoslle a auga fría coa auga da burga para que lle fose máis ou menos temperada, morne.
Eu mesmo; unha vez que andaba collendo ferraia, a fouce tamén cortou algo nun dedo. Sen pensalo dúas veces, axiña puxen o dedo por debaixo do cano da burga e aquilo logo curou. Indo a traballar de Ourense a Maceda, e no primeiro síntoma de catarro que tiña, no alto de Piúca torcía con dirección a Baños de Molgas para beber uns tragos de auga quente. Cheira a ovos podres, sabe mal, pero a todo se acostuma un.
A auga da burga é quente. A auga da burga de Baños de Molgas é tan boa que vale para todo. Cando valeu para os romanos... xa está todo dito.

Buscando unha solución para o asunto

Deille tres voltas ó asunto. Non atopaba solución. Optei por darlle tres máis. Seguía nas mesmas. Cando empezaba a desesperar lembrei o uso dos dicionarios. Botei man deles. Nada. Das enciclopedias. Nada. De certos chats. Nada. A carraxe empeza a enfurruñarme o sangue.
Busquei ideas. Preguntei. Berrei por certas causas. Estudei algúns comentarios. Mesmo lle recei a algúns santos e santas, pensando que a intervención divina me axudaría. Nada. Ninguén me soubo dar razón da solución ó asunto.
Cheguei a realizar bosquexos, debuxar planos, imaxinar escenas, fotografar recantos, medir os tempos, esculcar ideas, facer ecuacións matemáticas, pensar en liñas filosóficas e incluso compuxen algún poema coa intención de que, ou ben coa rima ou ben o derradeiro verso me amosasen a solución final.
Non obtendo resposta satisfactoria, dos berros pasei ós insultos. Destes pasei a executar vilmente algúns actos: como esgazar gallas de loureiro que se atravesaron no meu camiño; como partir pola metade fentos que me remordían na conciencia. Actos nos que esmaguei bichos ós que lles vía perfectamente un sorrisos torcidos. Sabía que estaban a burlarse de min. E o asunto sen resolver.
Desesperado, agachei a cabeza, metín o rabo entre as pernas e marchei derrotado, roto e coa imposibilidade rabuñándome as entrañas, as asaduras. O asunto tiña o seu aquel: como podía asubiar un tema de Morricone subido á flor dun toxo verde? Sigo a buscarlle unha solución.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES