A heterodoxia feminista de Teresa Barro
Ríos, Xulio - martes, 01 de abril de 2025
A tradutora Teresa Barro (A Coruña, 1936) é tamén un dos referentes do feminismo galego e, sen dúbida, singular e dificilmente encasillable por un exercicio intelectual sen ataduras e marcado por unha ofensiva permanente contra o canon, sexa este de dereita ou de esquerdas. Iso explica, en derradeiro termo, un certo ostracismo, mais relacionado coas súas opinións que co feito de residir fóra de Galicia dende hai anos.
Nas memorias escritas co su esposo Fernando Pérez-Barreiro deunos conta de como foron os seus primeiros pasos nesta reflexión que, a diferenza do que acontecía co feminismo na Terra, discorrían no Reino Unido a onde se trasladara en 1964. O proceso de inmersión na sociedade británica de entón evoluía en parello ao contacto co país que sempre procurou manter, especialmente a través do mítico Grupo de Traballo Galego de Londres. Os sensabores e restricións da ditadura tiñan naquela emigración o contrapunto que lle permitía abrir outros horizontes.
Para Teresa, todo empezou a coller sentido a raíz do nacemento do Women's Liberation Movement (Women's Lib) nos Estados Unidos a mediados da década dos sesenta. Como ela mesmo ten confesado, até entón, o único que enchera o baleiro posterior ás sufraxistas do XIX fora "El segundo sexo" de Simone de Beauvoir. Esa simpatía non estaba exenta de crítica respecto do que consideraba dogmas, frases feitas e "receitas de cociña" ou formuliñas máxicas para a liberación das mulleres, xa foran arredor da liberdade sexual, o divorcio ou o aborto, reivindicando a importancia de que os novos impulsos non deran en inferiorizar máis aínda ás mulleres: "Para min, o problema con aquel feminismo moi de política de esquerda na Guerra Fría, desde Simone de Beauvoir até o Women's Lib e todo o que derivou del, que chega até hoxe, foi que sempre me pareceu que non fixo caso das mulleres "correntes" e guiouse pola ansia de gañar e mandar na política".
As Cartas a Rosalía
Foi nos primeiros anos 70 cando deu o paso de pensar en alto a estruturar as súas reflexións que mesmo chegou a compartir con Ramón Piñeiro, con quen mantiña o contacto dende Londres. Este estaba convencido de que Teresa daría ao cabo cun pensamento asisado e afastado daquelas feministas que queimaban os sosténs en público. Aquela tolas, como lles chamaba. Foi así que concibiu o modelo epistolar, as Cartas a Rosalía, que lle darían a oportunidade de falar con outra muller, galega, e a quen sempre considerara profundamente feminista, e de reivindicala tamén, porque daquela para os galeguistas, dicía, "Rosalía era unha chorona e para as feministas unha atrasada".
O libro foi escrito no 77. Piñeiro leu o manuscrito en Londres aquel mesmo ano. Convidouna a que mandara dous ou tres capítulos para que se publicaran na revista Grial e mandounos. Logo veu o de que "o papel estaba moi caro"... Entón remitiu o manuscrito a O Castro e pasaron anos sen que dixeran ren. Un día escribiu unha nota a Isaac Díaz Pardo dicindo que o retiraba en vista de que non parecía que o foran publicar e case a volta de correo recibía a noticia de que o publicarían, e fixérono rápido. Estamos en 1981.
En Galicia, non caeron ben entre as feministas unhas opinións moi independentes e heterodoxas que rachaban cos marcos do debate. Teresa, non obstante, tenno claro: "Nunca vou encaixar nese feminismo de 'catecismo' e dogmas impositivos que non deixa pensar nen analizar e que o único que quere é mandar".
Di Ricardo Palmás no prefacio desta obra que o principal risco é que os seus puntos de vista "non sexan comprendidos", como en boa medida así foi no seu tempo, en virtude dunha actitude que aínda arrastramos, a de coidar que transgredir certos lindes do pensamento con horizontes establecidos déixate fóra. No centro da súa teima, a construción dun feminismo verdadeiramente emancipador capaz de poñer termo á supremacía masculina.
Nas 17 cartas a Rosalía que inclúe o volume, Teresa Barro aborda múltiples temas de interese, dende as relacións familiares e o instinto maternal, os fillos, a liberdade sexual, o divorcio ou aborto, o amor e o matriomonio, a amizade, o acceso ao traballo e á cultura, as tarefas domésticas, a influencia da relixión, as idades na vida, etc., con enfoques provocadores que dan conta da irredutibilidade independencia do seu criterio. Hai que relelo co rabiño do ollo pendente daquel tempo.
O feminismo de Teresa Barro pode compartirse ou non, en todo ou en parte, mais cabe reivindicalo como un outro polo, sobre todo, polo seu compromiso pioneiro e produto dun determinado contexto, pero igualmente pola valentía discordante que manifesta, expresión desa vontade de liberdade, de matriz netamente cultural e integral.
É unha actitude esa que en Teresa Barro vai mais aló do feminismo e que podemos apreciar nos seus blogues (Desde Albión para Galiza ou Viento de marzo) onde nos últimos anos veu dando renda solta a esa iconoclastia que connota os seus enfoques. Ben merece ser tida en conta.

Ríos, Xulio