Señor, esta Semana Santa vou contigo, así sexa ao Monte Calvario! (5)
Gómez Vilabella, Xosé M. - martes, 01 de abril de 2025
"Se alguén escoita as miñas palabras e non as garda,
eu non o xulgo,
pois non vin para xulga-lo mundo,
senón para o salvar".
A misión de Cristo é salvadora, pois é a mesma misión do Pai. Pero o home pode aceptar, ou non, a palabra de Xesús. Se a acepta, será un fillo da luz, e a salvación de Cristo farase realidade nel; pola contra, se non a acepta, será un fillo da tebra, e a palabra rexeitada será un argumento contra el.
¡Esta si que é luz,
luz divina,
que nos clarifica a salvación!
¡Ah, pero non podo esquecer
que tamén existe a sombra,
a sombra absoluta,
infernal,
do meu maldicir!
Se a escoito,
non;
se a acepto,
si,
pois escoitala e non aceptala
rebeldía é.
¡Que máis quero eu,
que máis se pode pedir
que salva-la alma,
para toda a eternidade,
gozando de Deus,
en compañía dos meus entregos,
tan queridos que me foron,
que me son;
e no mesmo sitio agardando
pola miña descendencia,
para compartir mesa
novamente,
na Cea celestial,
na definitiva!
¡Señor,
máis che pido:
tódolos meus xuntos,
todos fillos da luz;
e sempre xunto a Ti,
polos séculos dos séculos.
Amén!
-.-
"Quen me despreza
e non recibe as miñas
palabras,
ten quen o xulgue:
a palabra que eu falei hao xulgar
no derradeiro día".
Señor,
no meu caso
non o deixes para daquela:
Xúlgame hoxe,
que así aínda estou a tempo
de pedirche perdón.
Xúlgame hoxe
que teño posto en Ti
o meu corazón!
-.-
"Porque non falei pola miña conta,
senón que o mesmo Pai,
que me mandou,
deume a encomenda do que debo dicir,
e de como debo falar.
E eu sei que a súa encomenda
é vida eterna.
Por iso,
as cousas que eu falo,
fáloas como mas dixo o Pai".
¡Foi o Pai,
por boca do Fillo,
vinculados,
ambos,
polo Santo Espírito!
Deus,
un só Deus verdadeiro
nas tres persoas
do misterio.
Daquela,
Código completo:
o Código, a Receita, da Salvación;
e eu,
mentres,
atusmándolle ao vento,
do meu Miradoiro.
Señor,
que a túa semente
alimente
a miña mente,
desde hoxe para sempre!
-.-
Agora
que o sei todo,
imperdoable sería
equivocarme de Camiño:
Pola vía dos Evanxeos,
todo dereito,
Camiño do Ceo,
que esa é a nosa
Guía!
-.-

Gómez Vilabella, Xosé M.