O Moucho e a curuxa
Saín da casa. Primeiro fíxeno amodiño. Ó pouco, acelerei o paso. Ás veces corría e por veces paraba. Son así de imprevisible. Mellor dito, son raro. Non tardei en ver, ó lonxe, na galla dun carballo, un paxaro ó que lle tiven que berrar -máis ben, preguntar- se era moucho ou curuxa. Notei que me miraba de mala maneira. Alzou o voo e souben que era moucho. Gustoume velo porque, desde rapaz, non sei se o vería dúas ou tres veces. O mesmo

me pasa coas curuxas. Xa non se ven como se vían. Fíxenlle unha pregunta ó ChatGPT ese do carallo de se estaban en perigo de extinción. Díxome que non. Mellor; son bonitas esas dúas aves. E iso que non sei quen me dixera hai uns días que eran feas. Que va, que va; teñen a súa fermosura, principalmente a curuxa.
Ós poucos pasos tamén me atopei cun caracol cos cornos ó sol. Estaba enriba da parede do atallo. Case lle canto alí unha canción. Deixeino en paz. Chegoulle con oír os meus pasos, que non tardou en facer un pequeno movemento de resgardarse, de gorecerse. Porén, como optei por pasar como o rápido de Bouzas, non tardou en seguir cos cornos ó sol.
Foi naquel momento, tamén, cando elixín botar a correr. Como se fose Usaín Bolt. Non tardei en parar porque afogaba. Xa non estou para estas arroutadas. Teño que calmar os nervios. Vivir a vida a paso de tartaruga; mellor, sapoconcho. Escudriñar, axexar a noite como un moucho ou unha coruxa.
Sento para calmar os folgos. A miña rareza é desas, das imprevisibles. Ó mellor xa se me dá por tombar no chan e botar unha sonada. Nas sonadas gozo soñando. Seguro que soño co moucho e a curuxa.
Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Luns, 24 de marzo de 2025.
Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Martes, 25 de marzo de 2025.