Os laios no Corveiro
Basanta Martínez, Xesús (Xesús do Breogán) - jueves, 27 de marzo de 2025
No ano 1952, xurde aquí unha curiosa anécdota. Trátase duns estraños laios que se adoitaban a escoitar nas primeiras horas do solpor no lugar chamado O Corveiro.
Os laios, vagos e constantes, facían pensar que poderían ser as almas en pena de Don Eliseo e Dona Pilar, que desde o máis alá, queixábanse de que o cemiterio parroquial non fose construído onde Don Eliseo propoñía, precisamente aquí no Corveiro.
Antelmo Díaz, que era daquela o cobrador da luz eléctrica en Foz, dispoñía de pistola, a cal un día disparou ao aire no Corveiro, intentando espantar a quen fose o que producira tales laios. Incluso se chegou a dicir, que era unha enorme serpe e que laiaba acompañada dunha camada de crías que tiña no seu niño.
Pero un día, tres valentes rapaces do Campo da Cabana, decidiron explorar o lugar. Eles eran Emiliano Ruiz (Milito), José Ramón Teijeiro (de Cheíño) e Francisco Otero (Paco de Marica), que colleron unha corda e nela amarraron a Milito por ser o de menos peso, e baixárono polo acantilado e unha vez abaixo descubriron que tales laios procedían dunha curuxa que no niño tiña as súas crías.
O FILLO DO ESMOLEIRO (CONTO POPULAR GALEGO)
Fai moitos anos, nun lugar da Galicia morreu un esmoleiro deixándolle unha herdanza de doce cadelas grosas ao seu fillo (esa contía eran as famosas perras gordas, que era unha moeda de 10 céntimos de peseta, totalmente intraducible a euros polo seu baixísimo valor), tal cifra medraba na boca da xente como o leite no lume.
Os días pasaban e corrían como o vento, como tamén corría a noticia da herdanza que tamén lle chegou aos ouvidos do cura párroco, que rapidamente estudou o xeito de sacarlle ao rapaz algo de rustrido da famosa herdanza, entre misas, rosarios e ladaíñas.
Así foi, como un día o cura ía por un camiño da aldea, cando de súpeto se atopa co rapaz favorecido polo capital de seu pai finado.
Unha vez que tivo fronte de si ao rapaz, saudouno cortesmente:
Bo día Pepiño!.
Bo día, señor cura!.
Chegou ao meus ouvidos de que teu pai ao morrer, deixouche unha boa morea de cartos...!.
Sonlle contos señor cura, sonlle contos da xente!.
Máis
, non se che ve ningún detalle de bo fillo nin de bo cristián
!.
Verá, señor cura, e que eu sonlle un home moi equitativo
!.
Por Deus Pepiño!. Que folletos subversivos che viraron o siso?.
Mire señor cura. Se meu pai ao morrer foi para o ceo, mellorará a súa situación se lle fago misas e lle dou oracións?.
Pois non. Aí xa está no máximo premio que da Deus, o de estar ao seu carón pola eternidade!.
Entón daquela, se meu pai ao morrer foi para ó inferno, coas misas e oracións irá para o ceo?.
Pois non. Aí está pagando co seu xusto castigo. Pero, xa me estás amolando!, e se teu pai foi para o purgatorio que é o máis seguro
?.
Pois xa lle dixen señor cura, eu sonlle moio equitativo e nada de recomendacións, así é que, que saia cando lle toca!.

Basanta Martínez, Xesús (Xesús do Breogán)
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora