Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Isaac Díaz Pardo no Día das Artes Galegas

Sampedro, Pilar - jueves, 27 de marzo de 2025
Ninguén vai poñer problemas a esta escolla. El é o artista máis próximo ao noso tempo ao que se dedica o Días das Artes Galegas e o único que nos preocupa é que coincida co ano Castelao (setenta e cinco anos da súa morte) e que isto xogue á contra dos dous. Porque se ben Castelao pode ser considerado o noso ideólogo de cabeceira (incluso a través unicamente das súas obras artísticas e máis alá do seu ser político que nos ocultou a Ditadura) que ocupa -con todo o dereito- a primeira metade do Isaac Díaz Pardo no Día das Artes Galegasséculo XX coa súa personalidade, na segunda metade a figura de Díaz Pardo fala de nós e do país que el quixo construír, da identidade sobre a que basculou a súa obra e a recuperación da memoria.

Non coñecín a Castelao pero as persoas que pisamos esta terra conscientes de que non é o mesmo que facelo noutra parte do mundo, sabemos que o seu arrecendo nos envolve, que a súa sensibilidade nos fala do que somos ao longo dos séculos e das lacras que atopamos. Cando alguén me comenta a dificultade de levalo aos máis novos porque son outros tempos e xa a rapazada non se identifica co mundo que el representa, eu penso nos clásicos, en como esa xente podería retirar dos currículos aos grandes representantes da música, da literatura, das artes... porque son doutros tempos. Penso naquela ocasión na que atopei unha biblioteca na que estaban retirando os fondos anteriores a determinado ano porque estaban desactualizados (seica) ou cando noutra vin que tentaban substituír as obras publicadas con determinada norma lingüística pola que correspondía nese momento. Cantas barbaridades! Xa sei que pensar dá traballo e que agradecemos que non nos poñan a iso (temos tanto que facer, certo) pero hai que deterse de vez en cando e remoer. Non queda outra! Pero estabamos falando doutra cousa... cada vez me vou máis polas pólas e debo voltar ao tronco para continuar. De todos xeitos, non debo ocultar que me gusta esta maneira de facer, que sempre me teñen marabillado aqueles seres marabillosos que o facían con arte e nese deambular nos descubrían aquilo que non anticipáramos.

Pertenzo a esa segunda metade do século vinte no que Díaz Pardo reinou á maneira dos meniños. E digo ben, porque o seu xeito non o sentiamos como mando senón como axuda no importante, no que precisaba o país, no que cumpría en cada momento. Unha labor de recuperación da gloria perdida, da recreación das formas antigas pasadas pola peneira da vangarda, unha Bauhaus en Galicia para as xentes de aquí e para que o resto do mundo non ignorase a nosa diferenza que os enriquecía a todos (e non só a nós) como dicía Seoane. Seoane era impoñente pero estaba fóra, no exilio exterior e tardamos en saber do seu papel, pero Isaac estaba aquí, con esa figura de trasniño que
se move para resolver, para traballar no que fose necesario, para darlle carta de identidade ao país. As súas figuras estaban nas casas que tiñan un certo tinte cultural, formaban parte dos adornos nos andeis e paredes, as vaixelas das comidas, as xoias de Carmen Arias de Castro. Todo iso anda polos fogares.

Cando na pandemia tiñamos que escoitar as conferencias gravadas con video dende os despachos ou salas, atopabamos as figuras que foron pago á intelectualidade do país, cando entramos directamente neses lugares sen pantalla sabemos que non minten, cando vemos os premios que se entregan... en moitas ocasións está aí o azul cobalto de Sargadelos que nos lembra que houbo unha fábrica digna que se mantiña ao tempo que nutría empresas imprescindibles como Ediciós do Castro, Museo Carlos Maside, Novo Seminario de Estudos Galegos, Instituto Galego da Información... E todo baixo unha idea que tardamos moito en entender porque as nosas cabeciñas estaban moi afastadas da súa evolución: o Laboratorio de Formas no que el e Seoane traballaban arreo.

Díaz Pardo é ese home miúdo que camiña Compostela e o país cargando sempre algo. El é o empresario que constrúe negocios que son cultura ata facer das tendas casas da cultura ou embaixadas fóra de Galicia. É o deseñador máis alá das figuras, ata do papel das tendas, dos logos e unha tipografía propia. É o arquitecto que colabora con quen ten o título e que perfila escaleiras, forxas e mobles. É o ilustrador de libros e carteis de cegos, o facedor de carteis, o que garda na cápsula do tempo a esencia do que debe transmitir. É o escritor que vai da poesía ao artigo ou ao ensaio. É o pintor que recoñecemos polos ollos porque os que pinta son os seus, sempre os seus, abertos ante a necesidade de escudriñar na comprensión do mundo, os mesmos ollos de Picasso. Coma unha ladaíña poderiamos continuar enumerando os oficios e traballos de Isaac, porque el coma Hércules cargou sobre as súas costas coas faenas que había que levar a cabo para vencer a desemoria e recuperar algo do perdido pero sen quedar como a muller de Lot, feita sal mirando para atrás, senón facelo unicamente para poñerse en marcha. Hércules ou Atlas eslombado co peso da inxustiza, loitando contra o mal que tamén coma unha praga se estendera pola terra igual que no Macondo de Cen anos de soidade.

IDP é un home do Renacemento guiado polo compromiso con Galicia e coa memoria histórica. A figura fundamental da segunda metade do século XX en Galicia. O máis querido como demostrou Unha manda de pezas para Isaac no 2020 no centenario do seu nacemento. Daquela, media ducia de persoas, sen ningún tipo de axuda máis alá do seu traballo e relacións, puxo en marcha a homenaxe máis modesta que se lle podía facer ao home que mostraba a súa grandeza na humildade dun Francisco de Asís. Do 20 de xullo de 2020 ata o 7 de abril de 2021 Heitor Pîcallo mantivo diariamente un blog no que se colgaban as homenaxes persoais e colectivas que sobrepasaron calquera expectativas de Alento esbravexo como se facían chamar. O título final a modo de despedida, dicíao todo "Por ti, Isaac, volveriámolo facer" tal como ti o fixeras polo país condenado a non soñarse.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES