Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Concellos zera e concellos sostibles

miércoles, 15 de julio de 2009
Compás social: Concellos zera e concellos sostibles

Dende os años oitenta do século pasado os especialistas das ciencias sociais, os políticos, os funcionarios e mesmo os xornalistas encomezaron a poñer adxectivos os concellos rurais galegos: concellos da beiramar e do interior, da montaña, das chairas e dos vales, agrogandeiros ou de economía mixta, de monocultivo agrario ou de enclave industrial, e outras clasificacións destinadas a ordenar e comprender a dinámica propia de cada zona rural dentro de conxunto galego. Agora, recentemente, apareceron dous novos cualificativos: concellos “zera” e concellos “sostibles”.

Os concellos ZERA (Zonas de Especial Risco de Abandono) son aqueles que teñen unha Superficie Agraria Útil (SAU) con un alto grao de abandono das terras agrarias. Europa ten unha media dun 50% de Superficie Agraria Útil, mentres que Galicia ten só un 25%. Todo un paradoxo. E ese indicador vai acompañado de despoboamento, envellecemento da poboación, escasa superficie por explotación agraria, forte dependencia da Seguridade Social e unha feble mecanización agraria-gandeira-forestal. Son os 31 concellos -13 en Ourense, 12 en Lugo e 6 en Pontevedra- que practicamente teñen desartellada e agónica a súa estrutura económica tradicional. Falta por saber que tipo de modernización será posible desde a iniciativa privada e da pública. De momento avanza a desertización humana e os proxectos oficiais publicitados son as actividades turísticas e os parques naturais, que requiren moi pouca poboación in situ. En poucos anos é previsible que o número destes concellos ZERA siga multiplicándose.

A outra cara da moeda encontrámola na expresión “desenvolvemento sostible, perdurable ou sustentable”, idea que apareceu por primeira vez en 1987 utilizada nun documento de caracter socioeconómico elaborado por varios países para a ONU. O desenvolvemento sostible é aquel que “satisfai as necesidades do presente sen comprometer as necesidades das futuras xeracións”. Algo mais tarde no Cumio da Terra, celebrado en Río de Xaneiro en 1992, elaborouse unha definición algo mais detallada: “satisfacer as necesidades das xeracións presentes sen comprometer as posibilidades das do futuro para atender a súas propias necesidades”. Os tres piares dun desenvolvemento sostible son o factor ecolóxico, o social e o económico. Da relación entre o social e o ecolóxico nace a idea de desenvolvemento soportable, aquel que pode soportar a natureza; da relación entre o económico e o medio ambiente brota a idea de viabilidade, no presente e no futuro; da intersección entre o factor económico e o social emerxe a esixencia de equidade coa poboación; e da interdependencia entre os tres factores xurde a categoría de desenvolvemento sostible. Este esquema ven a ser a quintaesencia da teoría do desenvolvemento “sostible”, ou “sustentable” utilizando un anglicismo.

Esta construcción teórica e abstracta está sendo levada a práctica, polo menos como declaración de intencións, polo goberno de España e tamén por moitos concellos galegos. Debemos aledarnos deses excelentes propósitos. Agora só compre cavilar sobre cómo se transforma en prácticas concretas ese fermoso proxecto pensado como válido para calquera zona do noso planeta. En efecto, se pescudamos en Internet e noutros documentos e programas concretos de varios concellos galegos, encontrámonos con variadas actuacións definidas e cualificadas como sostibles e altamente ecolóxicas, en canto que aforran enerxía e non son contaminantes.

Nada que obxectar a esa dimensión ecolóxica; aínda mais, esa debe ser unha precaución transversal presente en todo proxecto práctico a realizar. Non obstante, a vista dalgúns programas publicados ao pormenor, xorden algúns interrogantes: realmente, ¿téñense en conta de modo axeitado as outras dimensións do concepto de sostible, e dicir, o desenvolvemento económico e a poboación afectada? ¿Acométense actuacións estratéxicas de efecto multiplicador ou quédanse en accións simplemente simbólicas? ¿Planéanse para tódolos estratos de poboación ou só en función da ideoloxía de determinados grupos?

De antemán sabemos que os concellos rurais galegos teñen enormes dificultades para poder artellar un desenvolvemento sostible, tanto pola complexidade dos asentamentos de poboación, onde mais da metade dela está diseminada, como polos magros orzamentos municipais. Os concellos rurais teñen que estar sempre pedindo, e nin con esas son escoitados. Pero, mais que atrancos, esas dificultades deben converterse en retos para afinar as estratexias, os programas e accións a elixir reflexivamente. O desenvolvemento sostible -económico, cultural, de organización social, de ordenación do territorio, etc…- por definición ten que actuar sobre os factores vertebrais da economía e da cultura local, non sobre detalles periféricos que socialmente son irrelevantes tanto no presente como para o futuro. E posible que os recursos municipais dispoñibles non dan para mais e xurda a tentación de facer ostentosas verbalizacións mediáticas; pero o primeiro principio dun bo goberno sigue sendo o converter a necesidade en virtude que sexa mellora do presente e fermento do futuro.
Pérez López, Xenaro
Pérez López, Xenaro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES