Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Reflexións do meu amigo Balbino sobre...

Curros Neira, Jesús - jueves, 27 de marzo de 2025
O espectáculo que están a dar os políticos

Dicía Aristóteles que o ser humano é un zoon politikón. E, dito esto, prego aos meus lectores que ninguén se ofenda porque este cualificativo non é ningunha inxuria senón que se trata dun concepto que manexaba este sabio grego no seu tratado Política. Segundo o filósofo a polis, o que sería o moderno estado inda que a unha escala máis pequena, é un xeito de organización ao que se chega por unha evolución natural. Por iso mesmo hai que considerar ao ser humano como un "animal político", que en grego tradúcese xustamente como zoon politikón, o cal confírmase vendo como andan as cousas neste terreo da política na España do século XXI. Si, porque algúns actos e moitas palabras que fan e din os nosos políticos poderían ser cualificadas como "animaladas", que vindo de quen veñen sería máis axeitado tachalas finalmente como "animaladas políticas", que non é exactamente a teima esa de Aristóteles pero que paréceselle bastante.

E tras botar a digresión precedente, paso a explicar a que vén semellante introdución. Hai uns días topeime con meu bo amigo Balbino que viña moi alporizado despois de ver un partido na televisión. "O encontro da selección española contra a de Holanda?", preguntei. "Non, oh! -respondeu-. O que se celebrou no campo do Congreso dos Deputados entre o equipo do Real Goberno e o do Atlético da oposición..." E, como eu non sabía de que diaño estaba a falar, pasou a narrar brevemente as principais incidencias do partido:

"Nos primeiros minutos o encontro non tivo moita emoción -comezou dicindo meu amigo-, un peloteo sen moito perigo entre os dous rivais. Os do Atlético da oposición tentaban xogar ao tiquitaca con pases curtos e mantendo a posesión da bóla -non ao chiringuito ese da Axencia de Saúde Pública para o Fernando Simón!... Que pasa cos contratos das noivas do Ábalos?... E que son esas contas que din que atoparon os da UCO?- e o equipo do Real Goberno tentaba desbaratar as xogadas de ataque sempre da mesma maneira: Ayuso e Mazón, demisión!!

Pero a cousa quentouse cando o dianteiro centro do Atlético oposición, o mozo ese de Ferrol, o Tellado, protestou porque o árbitro, o señor vicepresidente do Congreso, cortou o ataque cando encaraban a portería contraria con non sei que enmenda do Senado que o árbitro non deixou que se debatise. O vicepresidente do Congreso mostroulle a Tellado tarxeta vermella para expulsalo do partido e foi entón cando a dianteira en pleno do Atlético oposición, Cuca e Cayetana Álvarez, puxéronse en pé. E como o árbitro comezou a dubidar, o resto do equipo da oposición, incluíndo aos xogadores que non saen nunca a xogar e que non coñece nin o seu entrenador, plantáronlle cara ao vicepresidente do Congreso e o home engurrouse: "Veña, Tellado, sente se non quere que lle saque outra tarxeta amarela". "Perdoe, señoría -debeu dicir un auxiliar do equipo arbitral-, creo que a que lle mostrou antes xa era vermella". "Seica che preguntei?!!", contestou o árbitro e ordeu proseguir co encontro.

Nese intre colleu o balón a número 10 do Real, doña Yolanda Díaz, e encarou a súa propia portería: "Esixo que se manteña a exención fiscal para o salario mínimo!". Tivo que estirarse a porteira do Real Goberno, a señora Montero, para parar a gol que quería marcar a xogadora do seu propio equipo: "Pero que fas, que ti xogas connosco!". "Xa, pero como non fagades o que pido -contestou a goleadora Díaz-, pásome aos doutro lado!".

Non quedou aí a cousa. Apareceu entón un xogador que vai por libre, Néstor Rego, e lanzou a bóla cara a portería do Goberno: Non ao incremento dos gastos de Defensa!", e a dianteira centro, a señora Díaz, deu unha forte cabezada e meteu en propia meta: Gol, gol, gol!!, cantaron daquela os da oposición, inda que non estaban de acordo con doña Yolanda, pero disque un gol é un gol, sobre todo cando non adoitan ter moito que celebrar.

Néstor Rego, que estaba en racha, meteu otra pelota coa zurda -lóxico, non si? Tratándose del non podía ser coa dereita- e esta vez foi o defensa esquerdo Urtasun o que meteu outro gol en propia meta: Queremos saír da OTAN!!! Tivo que intervir nese momento o entrenador do Real, don Pedro Sánchez, que estaba teletraballando e dirixía ao equipo dende Bruxelas para explicar a estratexia aos seus xogadores: "A ver... comprar armas non é rearmamento, é... non sei, outra cousa."

O defensa Abascal, que ata ese momento estaba bastante apagado, animouse e lanzou unha forte pelotada: "Non ao repartimento de menores non acompañados!!". E dende as bancadas oíronse berros en contra: "Racista!!!". "Racista, teu pai!", contestaron os da outra banda, "nós somos patriotas... agás cando Trump pon aranceis do douscentos por cen ao viño e ao aceite". E o encontro rematou nunha liorta monumental na que non se entendía ren."

"E como é iso de que se insultaban uns aos outros?", preguntei ao meu amigo cando rematou de falar, "non din todos que son moi dialogantes?". "Pois non sei", respondeu finalmente Balbino, "a min paréceme que na política actual cúmprese en case que todos os casos aquilo de "dime de que presumes e che direi de que careces".

E para terminar esta crónica prego que ninguén se sinta ofendido co seu ton ou a súa mensaxe porque non é máis que unha broma que tentei facer con humor que, como xa dixo doña Ione Belarra, é unha cousa que os galegos, ao parecer, non temos.
Curros Neira, Jesús
Curros Neira, Jesús


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES