Señor, esta Semana Santa vou contigo, así sexa ao Monte Calvario! (3)
Gómez Vilabella, Xosé M. - martes, 25 de marzo de 2025
"Foi Felipe e díxollo a Andrés;
Andrés e mais Felipe foron dicirllo a Xesús.
Xesús respondeulles:
¡Chegou a hora de que se manifeste a gloria do Fillo do Home!".
Chegou a hora, Señor;
chegou a hora de que deixásemos de ver en ti un home
para pasar a verte como o que tamén es,
Segunda Persoa Trinitaria!
¡E eu, mentres, abobado!
Tantos milagres que levabas feito,
tantos sermóns que levo escoitado,
e o meu entendemento
seguía cerrado!
Dura cerviz a nosa,
con milagres dez mil,
e aínda así seguíamos pensando
que só che importaba
recuperar o trono de David!
-.-
"Se algún quere seguirme,
que me siga,
que alí onde estou eu
estará tamén o meu servidor.
Se alguén me serve,
hao honrar o Pai".
¡Claro que te quero seguir,
Señor;
seguir e servir,
pero o meu corpo é
cansino:
tanto me pesan as culpas,
que me desanimo!
¡A ver se rezando un pouco
recobro forzas,
e dou aberto os ollos,
para ve-lo Camiño!
O que me asusta é
que conduce ao Calvario,
e aínda que non vexa a cruz,
sei que debo levala,
pois,
Ti,
antes o fixeches por min!
-.-
"Agora o meu espírito está turbado.
¿E que hei de dicir:
Pai, sálvame desta hora?
¡Pero se para isto cheguei aquí,
Pai, glorifica o teu Nome"!
Aínda que Xesús viñera para dá-la súa vida polos demais, o feito de ser, tamén, un home lévao a sentir
repulsa da morte. De tódolos xeitos, a vontade do Pai é a súa norma suprema, a que vai acatar!
Eu, o menor dos teus fillos,
tamén lle temo á morte.
¡Temíalle Xesús en canto home;
non vou tremer eu, miserable de min,
que son todo podremia,
causa remota da súa causa;
causante, en definitiva!
Xesús resucitou...
¡Ah, que bo é sabelo,
xa que por min o fixo,
pois,
por min cargou coa cruz;
coa súa, non, coa miña!
¡Que alivio é sabelo,
grazas aos Evanxeos!
Agora só queda agardar,
e pedirlle a Deus
que,
aínda que indigno,
me abra as portas do Ceo
precisamente con esas chaves,
coas do Calvario,
cos cravos de Cristo.
-.-
"Chegou entón unha voz do Ceo:
Xa o glorifiquei,
e glorificareino aínda de novo.
Xesús interveu dicindo:
Esa voz non foi por min,
senón por vos!"
Señor, se iso fas por min,
sen merecelo,
¿que non sería se me portase ben?
Probas me tes dado
por medio do teu Fillo
da miña adopción,
do meu perdón,
da miña redención,
gratuíta;
e eu, a todo iso,
sen mostrarme agradecido!
-.-
"Agora é o xuízo deste mundo;
agora ó príncipe deste mundo
vano botar fóra".
A expresión "príncipe deste mundo" semellante ás utilizadas polos esenios de Qumrâm, refírese a Satanás,
por ser este o inspirador das accións dos que seguen os criterios mundanos. Coa glorificación
de Xesús na cruz vén a condenación do malo, e tamén dos seus fillos, ao vencelos Xesús.
¿Ao vencelos Xesús?
¡Pois claro,
que non quedan dúbidas!
Fíxoo por nós, en nós, e para nós,
salvándonos do tentador!
¡Ai, Deus, que xa son,
que xa somos,
que estamos,
definitivamente salvos,
salvados
polo propio Fillo de Deus!
¡Vaia prezo máis alto,
e eu sen decatarme,
sempre atido ás falacias do malvado
Satanás!
-.-
"Cando me ergan da terra,
atraerei a todos
cara a min".
Dicía isto indicando de que morte había de morrer. Ser ergueito da terra é unha expresión aramea, con dobre senso simultáneo: Ser levantado e ser crucificado. Pola fe en Xesús fórmase o novo pobo de Deus.
Señor, Ti, levantado,
e eu,
avergoñado
de ser causa e motivo,
desa crueldade
salvadora.
¿Por que elixiu teu Pai
esta Vía Dolorosa?
¿Tiña que ser proporcionada,
axeitada,
á miña, á nosa,
infamia?
Se tal fixeches, se tal deixaches facer,
en Ti,
é que outra vía non había
para abrirnos os ollos,
e cos ollos, o Ceo,
para así renacer,
para, por nós, merecer!
¿Un Xuíz que se inmola
no sitio do reo?
¡Señor, iso foi o nunca visto,
e non volverá a suceder!
¡Ai, Deus, que bondade
tan sublime;
mentres,
eu,
e comigo a humanidade,
toda, enteira,
uns seres depreciables,
adoptados,
afiliados,
polo Señor dos señores,
sublimado nunha cruz,
na dos malfeitores!
¡Cústame entendelo,
pero,
esíxemo a fe!

Gómez Vilabella, Xosé M.