Este ano 2025 cúmprese o 25º aniversario da Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética, unha das institucións culturais máis activas e prestixiosas coas que conta Galicia, coincidindo co cabodano da morte do poeta, quen faleceu en Xenebra, onde viviu gran parte da súa vida, o 18 de xullo do ano 2000. O seu director é o poeta Claudio Rodríguez Fer, gran amigo e experto no escritor, quen preside unha comisión asesora con representación de persoas doutoradas en diversas literaturas e procedentes das áreas lingüísticas nas que se inscribe a obra producida por Valente como escritor e como tradutor: castelá (Manuel Fernández Rodríguez), galega (Carmen Blanco), francesa (María Lopo), italiana (Cristina Marchisio), inglesa (Diana Conchado), alemá (Rosa Marta Gómez Pato) e grega (Theodora Grigoriadou).

A Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética fundouse con motivo da doazón feita á Universidade de Santiago de Compostela polo universal poeta galego do seu extraordinario arquivo documental e da súa importante biblioteca políglota. Dende entón, tal entidade organizou simposios, exposicións, ciclos de conferencias e recitais, así como propiciou investigacións e teses doutorais realizadas en varios continentes. Fóra de Galicia, colaborou en eventos organizados en diversos países de Europa, América e África. De todo isto deuse conta nas memorias ilustradas "Cátedra José Ángel Valente. 15 años de poesía y estética" e "Cátedra Valente. XX Aniversario", ás que proximamente se sumará a proxectada para este XXV aniversario.
A Cátedra Valente publicou máis dunha vintena de libros, como o ensaio biográfico en tres volumes "Valente vital", dedicados, respectivamente, o primeiro ás etapas referidas a Galicia, Madrid e Oxford; o segundo, ás épocas pasadas a Xenebra, Saboia e París e o terceiro ao seu retiro en Almería, complementado coas estancias no Magreb e en Israel. Tan magna obra, dunhas mil cincocentas páxinas, foi dirixida por Claudio Rodríguez Fer coa colaboración de Marta Agudo, Manuel Fernández Rodríguez, Tera Blanco de Saracho, María Lopo e Fernando García Lara. Así mesmo, púxose a disposición pública, como libro-CD-Rom, o catálogo dos libros do poeta baixo o título "Biblioteca de José Ángel Valente", con introdución bibliotecaria de Francisco Xavier Redondo Abal e literaria de Margarita García Candeira.
Este organismo editou tamén as importantes colectáneas, coordinadas por Claudio Rodríguez Fer, "Referentes europeos en la obra de Valente" e "Valente epistolar (Correspondencia de José Ángel Valente con sus amistades)", así como outras ensaísticas ou creativas, como "Presencia de José Ángel Valente" (coordinada por Andrés Sánchez Robayna), "Poemas a Valente" (coordinada por Saturnino Valladares) e "Poetas con Valente, compartida polos poetas Luz Pozo Garza, Antonio Gamoneda, Pere Gimferrer, Claudio Rodríguez Fer, Olga Novo e Tera Blanco de Saracho.

Igualmente, publicou ensaios sobre a obra do poeta debidos aos escritores Juan Goytisolo, Antonio Gamoneda e José Luis Pardo, así como monografías de filólogos como Arthur Terry, Manuel Fernández Rodríguez, Fatiha Benlabbah, Jorge Machín-Lucas, Javier Pueyo, Saturnino Valladares, Ruth Fernández e Laura Paz Fentanes. Así mesmo, Claudio Rodríguez Fer reuniu os seus principais estudos sobre o autor no libro "Valente infinito (Libertad creativa y conexiones interculturales)".
Na Cátedra Valente falaron e recitaron personalidades tan relevantes como o poeta francés Bernard Noël e o poeta español Antonio Gamoneda, ambos amigos do poeta ourensán. E, entre as decenas de investigadores que investigaron nela, doutoráronse xa, coa dirección de Claudio Rodríguez Fer e en diversas universidades do mundo, Manuel Fernández Rodríguez, Fatiha Benlabbah, Elsa Paredes Bertagnolli, Saturnino Valladares, Adrián Valenciano Cerezo e Ruth Fernández Fernández.
Agora ben, a Cátedra José Ángel Valente de Poesía chámase tamén de Estética por suxestión do propio Valente, quen cría na esencial unidade das artes e que por tanto non debía separarse o estudo da poesía do resto delas.
En consecuencia, o logotipo da Cátedra Valente é de Antoni Tàpies, amigo e colaborador habitual do poeta, que o cedeu benevolamente, e todos os libros publicados por ela conteñen unha ilustración debida a artistas ou poetas visuais vinculados persoal ou esteticamente con Valente, como Coral, Baruj Salinas, Sara Lamas, Leopoldo Nóvoa, Menchu Lamas, Antón Patiño, María José Santiso, Carlos Schwartz, Lola Valls, Antón Sobral, Julia Huete, Alejandro Vidal, José Manuel Bouzas, Eduardo Ochoa ou o propio Claudio Rodríguez Fer como poeta visual, que antepuxo a composición "Infinito infinita" ao seu libro "Valente infinito". A Cátedra Valente conta ademais con obra orixinal de moitos destes artistas, así como doutros que lle cederon obras orixinais, entre os que se encontran o ourensán Virxilio e a madrileña Isabel Pintado.
A primeira exposición realizada co material artístico da Cátedra Valente foi "A palabra e a súa sombra. José Ángel Valente: o poeta e as artes", comisariada por Rocío Santa Cruz, que contou cun gran catálogo bilingüe homónimo. Entre as exposicións organizadas por Claudio Rodríguez Fer, algunha en torno ás relacións de Valente con Antoni Tàpies, Leopoldo Nóvoa, María Zambrano, Luz Pozo Garza ou Castelao, salientou "Valente e a unidade das artes", que exhibiu no Pazo de Fonseca de Santiago de Compostela obra plástica ou gráfica orixinal de Antoni Tàpies, Antonio Saura, Eduardo Chillida, Paul Rebeyrolle, Baruj Salinas, Jürgen Partenheimer, Leopoldo Nóvoa, Virxilio, María José Santiso, Rafa Forteza, Rafael Pérez Carrió, Lola Valls, Coral, Sara Lamas e o poema obxecto "Cofre do infinito" do propio comisario.
Sobre esta exposición pode verse un vídeo homónimo na canle YouTube da Cátedra Valente, xunto a outros a miúdo tamén cheos de obras de arte titulados "Cátedra Valente XX Aniversario", "Valente en recital políglota", "Valente epistolar (Correspondencia de José Ángel Valente coas súas amizades)" ou "Centenario de Luz Pozo Garza na Cátedra Valente", nos que interveñen decenas de escritores e investigadores valentistas de Europa, América, Asia e África.
Con motivo do 25º aniversario da creación da Cátedra Valente e como homenaxe ao poeta no 25º cabodano do seu falecemento, a investigadora e doutoranda en Valente Laura Paz Fentanes comisariou, co material existente no arquivo en cuestión, a exposición "Iconografía artística de José Ángel Valente", realizada no marco da conmemoración do 50º aniversario da fundación da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela. Ao material alí presentado pódese agregar aquí un par de retratos inéditos, representando xuntos a José Ángel Valente e a Claudio Rodríguez Fer, realizados sobre fotos reais feitas, respectivamente, en Andalucía en 1993 e en Galicia en 1995. O primeiro, con figuras xeométricas de fondo, foi executado pola artista rusa Alisa Smirnova e o segundo, con inscrición do "Alén" que uniu tematicamente aos dous poetas, pola artista galega Sara Lamas.
A Cátedra Valente colaborou tamén en actividades musicais, como as ofrecidas polo compositor Mauricio Sotelo e pola violinista Raquel Rivera nos simposios "Valente ou a erótica do baleiro", celebrado en Santiago de Compostela; "José Ángel Valente. Memoria sonora", celebrado en Ourense, e "José Ángel Valente, Eine Hommage mit Musik", celebrado en Berlín, ou o concerto "Oficio de tinieblas / Ofício das trevas", celebrado na Universidade de Salamanca.
E, en sintonía co intelectual comprometido que lle dá nome, a Cátedra Valente tampouco esqueceu sumarse a actos cívicos, pois participou na cidade francesa de Annecy na instalación dunha placa coa versión en francés do poema valentiano "Cementerio de Morette-Glières, 1944", sobre os resistentes españois abatidos polos nazis no Plateau des Glières, onde aqueles seguen enterrados co emblema da bandeira da II República Española. Alí, en representación da Cátedra Valente, Claudio Rodríguez Fer leu o devandito poema solidario nun masivo e emotivo acto institucional, promovido pola Amicale de la Résistance Espagnole, que deixou inscrita na Alta Saboia antifascista a non menos alta poesía de Valente.