Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

Rivas Delgado, Antonio - miércoles, 26 de marzo de 2025
A culpa morreu solteira

Nas típicas conversas de bar, non sei quen se estrañou de que eu non coñecese a expresión "a culpa morreu solteira". A verdade é que era a primeira vez que a oía, e se algunha vez ma dixeron, non me quedei coa copla.
Segundo creo que son bo con respecto a reter as matrículas dos coches ou os nomes de xente cinematográfica e do mundo deportivo, en xeral, e futbolístico, en particular, confeso que son moi malo para as expresións, adaxios, ditos, proverbios, refráns, etcétera. E iso que durante un tempo subía todos os días a unha rede social refráns, pero que eu sacaba dun listado que imprimira hai moitos anos.
Pingas de Orballo Hai xente que cospe expresións ou refráns a velocidades de vertixe e, o mellor, xusto cando corresponden, xusto nesa cuña que lle queda como anel ó dedo. Eu, confeso que, fóra dos máis sinxelos (en abril, augas mil; lembramos a santa Bárbara cando trona; a todo porco lle chega o seu san Martiño; mexan por nós e hai que dicir que chove; e xa non consigo ir máis alá), a miña ignorancia é total. Si, recoñezo que parece mentira -nesta terra nosa que os refráns están á orde do día-, pero, xa digo, descoñecemento total.
A culpa morreu solteira. E tanto. Ninguén quere cargar con ela. Somos os tales para recoñecer que todo é por nosa culpa. Antes culpamos ó veciño, que se nos dá ben; ou ó propio familiar; ou mesmo admitíndoo non somos quen de pedir perdón. A culpa é como a mala conciencia... mala de levar, de cargar, de aguantar. Mellor lavarnos as mans.
A culpa morreu solteira. Entendo que xa non se me esquecerá máis. Se asoma, haberá que cargar con ela. En silencio, claro. Se hai que admitila, mellor que sexa a culpa doutro.

Finca Fierro. Barbadás. Xoves, 20 de marzo de 2025.

Todo era branco

Quixen alucinar en cores, pero botáronme nos ollos unhas pingas de non sei que e vin todo branco. Pareceume algo anormal. Porque sei que non todo é branco. A propia vida non é de cor branca. Sei que a flor do toxo é amarela e que a morte é negra. A verdade é que me asustei un pouco. Tiven medo de quedar cego. A claridade foi tan intensa que tiven que ladear a cabeza e entornar os ollos. Todo era branco.
Temín polas cores do arco da vella, polo moreno dos bicos do peito, polo vermello dos beizos (e do sangue, todo hai que dicilo), polo verde da esperanza e polo rosa da vida. A vida en rosa, dicía Édith Piaf. Eu digo que a vida, só en rosa, é un dicir. A vida pasa por todas as cores e por todas as súas mesturas.
Levo tempo preguntándome que raio terían aquelas pingas que case me deixan cego. Sei que non eran pingas de orballo, nin de auga, nin anestésicas, nin antivíricas, nin lubricantes. Non era ningún colirio. Empezo a desconfiar se non eran de ferruxe. Do que fosen, fixéronme dano. Vía todo branco. E aínda que a cor negra sexa tristeira, que lembre a loito, de cando en vez é bo asomarse ás sombras escuras da existencia, á penumbra do desexo; mesmo da morte. Para saber vencela. Para non lle ter medo.
Quixen alucinar en cores, e todo era branco. Cando sei que o ceo é azul, os lameiros son verdes, a carraxe ás veces é gris e o silencio digo que é de cor laranxa e o baleiro é de cor violeta.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES