Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

Rivas Delgado, Antonio - martes, 25 de marzo de 2025
Correr

Corrín detrás dunha rula porque me gusta correr detrás de algo. O outro día corrín detrás dun coche branco e perdino na distancia. Como corría, o condenado! Cando corro súo pouco, pero súo. Para suar moito teño que correr moito. Son de pouco suar. Algunhas veces, cando súo, súo pingas de orballo. Outras veces súo guizos de carballo. Seguro que moitos non saben o que son os guizos. Pingas de Orballo Eu, de rapaz, aínda andei a eles. E miña nai non calaba con que nos seus tempos nin había guizos. Cousas miñas e de miña nai.
Corrín detrás dun avión e perdinme entre as nubes de algodón; esas, as brancas. Tiven que alugar un traxe de astronauta para seguir o seu ronsel. Deume algo de carraxe, pois, no faiado, tiña colgado o meu propio traxe. O día que se me dea por desaparecer, buscádeme máis alá das estrelas. Penso poñerlle ás á Perla Negra e marchar deica o infinito e máis alá.
Corrín detrás do eco das badaladas das campás da igrexa de Baños de Molgas e choquei contra o outeiro de Brandín. A miña intención era ir para o outro lado, para o outeiro do Corno ou o santuario dos Milagres. Semella que o aire zoaba con destino a Salgueiros, a Ourense e para alá se dirixiu o eco.
Corrín de noite detrás da lúa vella para poñela ós pés de quen correspondera. Non tardei en decatarme de que estabamos en cuarto minguante, que xa non é o mesmo. A lúa vella é moita lúa vella; é cando algúns lobos oulean con máis ansia. Corrín de día detrás dun toxo verde para ulir, para cheirar a súa flor amarela e unha gavela de codesos non me deixou seguir... para que non suase moito.

A biblia en verso

A biblia en verso. Cantas veces a lin! Non sei se en verso, en prosa ou en cirílico. Só sei que me librou de moitas clases aburridas, monótonas e sen interese. Na miña época de estudante en Os Milagres o de "sen interese" estaba á orde do día, máis ben, á orde das materias. Non tiña interese por ningunha! Era tan vago que nin aprobaba as máis sinxelas. Normal. Dedicábame a ler a biblia, mellor que as novelas do Oeste. Coa biblia sempre podías disimular algo. Podía tela enriba da mesa perfectamente. Mentres que as novelas de Marcial Lafuente Estefanía había que acomodalas por debaixo das pernas e coa incomodidade de que, ó lelas medio dobrado, me pillaran os curas.
Solución: ler a biblia. E collerlle gusto ás súas aventuras, que as tiña, vaia se as tiña. Creo que foi a mellor novela que se escribiu nunca. Había carraxe, había amor, había guerras, había esperanza. Mesmo había sexo. Había incesto, escravitude, heroes; realmente tiña de todo.
A forza de Sansón. A muller de Lot que, por curiosa, converteuse en sal. O maldito Herodes. O bendito Xesús que, por medio parvo, ó darlle un hostiazo puña a outra meixela para que lle deran outro. Agora ben, por veces era algo “chulito” e tiña o seu aquel saber que andaba sobre as augas e que multiplicaba non sei cantas cousas. Aquí, eu, sempre desexaba que me multiplicase os poucos cartos que tiña (dúas ou tres pesetas), e, o condenado, o único que me multiplicou sempre foi a miseria. Vaia salvador!
A biblia en verso. Case me dan ganas de lela de novo, aínda que fose en icónico, para saber o que sinto a esta idade, e non naqueles tempos nos que lía de todo.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES