Cando todo semellaba unha balsa de aceite (posibles negociacións entre Ucraína e Rusia e tregua ou armisticio en Oriente Próximo), esas dúas guerras volven a recruar e os mortos, por suposto, aumentan. O xoves, este mesmo xornal publicaba a nova de que "máis de 180 nenos entre os 435 mortos en ataques de

Israel". O de sempre, o de todas as guerras: que os menos culpables son os que máis padecen; os máis inocentes pagan as incapacidades mentais de moitos dirixentes. Algúns destes, á parte da incapacidade mental, gozan exterminando, masacrando a pobos enteiros cos seus nenos e mulleres.
En Ucraína, cando todo parecía que estabamos a piques dunha negociación, a nova arma das guerras (os drons) empeza a invadir e a facer estragos nos territorios inimigos. O caso é destruír e anotar, sumar vítimas. Que, tamén nesta guerra, pagan xustos por pecadores.
Claro que, ós políticos -que son realmente os que mandan, en guerras e en todo o que se lles poña por diante- dálles máis ou menos igual. O caso é encher a faldriqueira a conta das armas ou a conta de todo aquilo que pode ser vendible (ou rapinado). No noso país mesmo, Sánchez e Feijóo póñense coma cans ladrando sobre os casos de corrupción dos seus partidos, O que dá a entender, por suposto, que tanto nuns coma nos outros a corrupción estivo, está e estará á orde do día.

A corrupción sempre estará no que ten o poder. Porque o que ten o poder manda e fai e desfai ou ponlle o rabo ás cereixas. Pódese dicir que iso sempre foi lei de vida, é dicir, lei política. Certo que uns rouban máis que outros, pero, no fondo, é o mesmo: ó paisano de a pé fúrganlle na faldriqueira e... a vivir que son dous días.
Uns cantos días botou a borrasca Martinho polas nosas terras e pasou o que pasa con todas: que, as borrascas, por onde pasan arrasan, principalmente naqueles puntos débiles chamados tellados; tellados de uralita, claro. Onde se poñen estes? Nas construcións que, precisamente, deberían ser coma búnkeres: colexios e pavillóns deportivos; onde hai máis aglomeración de xente, de xente inocente, de xente cativa. Neses recintos sempre se construíu con materiais que son como son e a base de rapidez para rematar canto antes as obras para, uns, cobrar e, outros, inaugurar e alardear de tales estruturas. E tamén aquí pasa coma nas guerras: morren os máis inocentes.